Actualidad de Tecnología

Noticias tecnologia

O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal consolidouse en 2023 como espazo de referencia para o ecosistema galego da seguridade de información, coa incorporación de 10 grandes empresas e a realización ou participación en todo tipo de iniciativas de concienciación, promoción do talento e do coñecemento e prestación de servizos. Na actualidade, son xa máis de 50 as administracións, universidades, empresas e institucións que forman parte deste modelo de colaboración creado en 2020. Os responsables de CIBER.gal presentaron recentemente, ante a Asemblea do Nodo, a Memoria correspondente a súa actividade no 2023.
O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, participou no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, no acto de lanzamento do proxecto ‘Innov4life’, o novo programa no que Galicia e Portugal colaborarán na procura de novas solucións dixitais para abordar as demencias e a dexeneración cognitiva. Así, mediante unha dotación económica de 1,5 millóns de euros (a través do Programa Interreg POCTEP) e unha duración de tres anos, o proxecto establecerá un LivingLab que contará con instalacións na cidade de Vigo e na Santa Casa dá Misericórdia de Riba de Ave (Portugal).
Investigadores do campus de Ourense, ligados á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, realizaron un estudo de viabilidade dunha misión ao planeta Marte usando propulsión solar eléctrica, en contraposición coa propulsión química, que é o método empregado tradicionalmente no espazo. Nel demostran a súa superioridade e presentan un deseño preliminar completo dun satélite con este sistema eléctrico. O traballo foi publicado recentemente na revista Acta Astronautica nun artigo titulado Feasibility study of a solar electric propulsion mission to Mars e está asinado por Marco Casanova, Fermín Navarro e Daniele Tommasini (egresado e profesores respectivamente da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo).
Cinco anos despois do seu lanzamento a bordo dunha nave Soyuz dende a base espacial rusa de Vostochny, en Siberia, o Lume-1 reentrou este mércores na atmosfera. Neste tempo, o satélite da Universidade de VIgo completou máis de 28.700 órbitas arredor da Terra, percorrendo unha distancia aproximada de 1300 millóns de quilómetros. A mensaxe de reentrada na atmosfera recibiuse ás 04.04 horas desta madrugada e a última transmisión na estación de Vigo tivo lugar onte martes. Aínda que a vida útil destes nanosatélites é reducida, entre 6 meses e 1 ano, o Lume superou non moito estas expectativas e fíxoo con “todos os seus compoñentes en perfecto estado, o que é pouco común despois de tanto tempo exposto ao ambiente espacial.
A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, clausurou esta tarde o acto de presentación das conclusións das Consultas Preliminares ao Mercado do novo Plan de innovación PRECISAÚDE, un evento no que anunciou que o Sergas recibiu un total de 83 propostas innovadoras na súa fase preliminar. Durante o acto, que se desenvolveu na sede da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), o xerente da ACIS, Antonio Fernández-Campa, destacou a alta participación de empresas e centros de I+D+i, “o que demostra o interese espertado por PRECISAÚDE”.
O Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia celébrase anualmente en torno ao 11 de febreiro en recoñecemento ao papel que desempeñan as mulleres na comunidade científica e tecnolóxica. As liñas de actuación para incrementar a presenza de nenas nas carreiras STEM pasan por atraer ás nenas cara á ciencia e a tecnoloxía e romper os estereotipos de xénero, achegándolles referentes femininos ou fomentando a elección non sesgada dos estudos. A Axencia Galega de Innovación desenvolve programas de Fomento das vocacións científico-tecnolóxicas, coma os espectáculos no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol centrados na importancia das mulleres científicas e tecnólogas na historia.
O principal obxectivo do programa Fly The Future é espertar no estudantado de educación secundaria a vocación polas carreiras universitarias STEM para potenciar a súa empregabilidade no futuro, en centros de investigación e empresas como as que atoparán no Polo Aeroespacial de Galicia. Avincis, cunha importante presenza na comunidade, é un dos socios tecnolóxicos e industriais no Polo Aeroespacial de Galicia, onde está a desenvolver un programa de I+D en colaboración coa compañía Telespazio centrado en dar resposta a retos relacionados coa biodiversidade a través de tecnoloxías de sistemas non tripulados.
O I Foro de Investigación Galega no Estranxeiro, organizado conxuntamente pola Xunta e InvestiGal e enmarcado no Programa de Talento do Goberno galego, persegue establecer un punto de referencia que permita intercambiar ideas e establecer relacións entre o persoal investigador no estranxeiro e o afincado en Galicia; dar a coñecer a investigación que está a realizar este colectivo e manter o seu contacto con Galicia co obxectivo de que desenvolvan unha traxectoria de excelencia na nosa Comunidade. Así mesmo, servirá para dar a coñecer o ecosistema galego de I+D+i, representado pola Xunta e as tres universidades galegas, e visibilizar as oportunidades de retorno de talento á nosa Comunidade.
A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, destacou hoxe a importancia da regulación da intelixencia artificial durante a clausura do XVIII Congreso da Asociación Española de Profesores de Derecho Administrativo (AEPDA), dedicado ao Dereito Administrativo na era da intelixencia artificial. Durante a súa intervención destacou as oportunidades e avances que ofrece esta nova tecnoloxía pero tamén fixo fincapé na necesidade de desenvolver un marco normativo na Comunidade Autónoma, en liña co regulamento europeo de IA, para xerar confianza na cidadanía e nos empregados públicos.
Foron presentados os comités que asesorarán o Proxecto Xenoma Galicia, a nova iniciativa sanitaria coa que a Xunta recompilará o ADN de 400.000 galegos e galegas, co obxectivo de poder detectar enfermidades antes de que aparezan, diagnosticalas dun xeito precoz e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados. O devandito proxecto, permitirá identificar as variantes xenéticas das persoas que, con idades comprendidas entre os 35 e os 65 anos, participen neste programa. Así, o conselleiro destacou o seu carácter “de país”, de acordo ao grande valor científico-sanitario que terá a recollida e secuenciación destes datos xenéticos.
« Anterior | 2  de  52 | Siguiente »

Notas tecnologia

O Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación da Universidade de Vigo, coñecido polo acrónimo de CACTI, celebra este 2024 o seu 30 aniversario e faino convertido nun centro de referencia, 'dotado dunha moi alta infraestrutura de investigación sen comparación na nosa contorna xeográfica', no que se ofrecen os 'servizos máis punteiros da investigación científica', tal e como explica a actual directora, a profesora Sandra Bolaño.
Aínda que a pandemia orixinada polo SARS-CoV-2 ficou atrás, o seu eco persiste e aínda son moitas as incógnitas que a ciencia tenta despexar. Hoxe en día sábese que para moitos pacientes de COVID-19, o final da etapa aguda da infección é só o comezo doutra experiencia difícil: a post-COVID. Durante a denominada COVID persistente estas persoas desenvolven unha amálgama de síntomas prolongados que poden incluír dificultade respiratoria, fatiga, tose ou perda de olfacto.
Ao redor de cen persoas participaron este mércores no terceiro taller de “HumanIA” da Universidade da Coruña, ciclo formativo organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades e Documentación, en colaboración co CITIC da UDC. A experta en tecnomarketing, innovación e branding, Ruth Falquina, impartiu o taller que levou por título “Intelixencia artificial e Creatividade: como potenciar o teu talento”, no que compartiu cos asistentes a súa experiencia á fronte dunha axencia especializada en creatividade aumentada, Estado Latente.
As citoquinas son unhas proteínas que desenvolven un papel fundamental no noso organismo, pois facilitan a comunicación entre as células do sistema inmunolóxico, garantindo o seu correcto funcionamento e que a resposta inmunitaria sexa a desexada. Un desequilibrio na súa produción podería ser a causa dun desaxuste do sistema inmune, afectando incluso ao desenvolvemento de enfermidades autoinmunes, aquelas nas que o propio sistema inmunolóxico ataca ás células e aos tecidos do corpo.
O HackForGood, un dos hackatons máis populares de España, regresa esta semana de xeito simultáneo a 25 de universidades de 16 cidades de todo o Estado na que será a súa novena edición. Organizado pola Rede de Cátedras Telefónica, este evento reta a estudantes universitarios a traballar en equipos na procura de solucións innovadoras a retos sociais relacionados coas necesidades das persoas e facendo fincapé nos Obxectivos de Desenvolvendo Sostible, ODS.
AtlanTTic, da UVigo, é un dos 13 socios que participan no proxecto europeo Retina, un traballo dirixido a desenvolver dous sensores baseados en tecnoloxías fotónicas para mellorar diferentes procesos no ámbito da saúde, a automoción e a agricultura, dende a identificación de células tumorais e monitorización da perfusión sanguínea en cirurxías, na área da saúde, ata sistemas avanzados de detección de colisións de vehículos ADAS en automoción.
Persoal investigador da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC desenvolve novos materiais sostibles e biodegradables para uso alimentario a base de quitosano que se antollan como alternativas respectuosas co medio ambiente aos actuais separadores dos liscos de queixo ou dos envoltorios plásticos das porcións de manteiga.
O proxecto SOSFood utilizará o potencial das tecnoloxías de explotación de datos e a Intelixencia artificial (IA) para proporcionar unha imaxe precisa e global do sistema alimentario europeo, promovendo así o desenvolvemento de ferramentas preditivas. O consorcio, liderado pola Universidade de Vigo e no que participan 17 entidades de toda Europa, celebrou este venres en Santiago de Compostela a súa xuntanza de lanzamento na que os socios destacaron “a necesidade urxente” de intervir no sistema alimentario.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e o director de Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro, acompañados polo director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez, o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz Casás, e o director do I+D+i de Navantia Ferrol, Carlos Blanco, fixeron entrega este venres do premio ao equipo gañador do III Hackathon Navantia Next Pioneers.
Pacientes con distintas necesidades terapéuticas son os e as destinatarias do prototipo que o Grupo de Investigación Enxeñaría Eficiente e Dixital (EN.EDI) da UVigo desenvolverá ao abeiro do proxecto europeo VIRTUAL R3, Virtual Reality in Robotic movements assistance for Rehabilitation, Realidade virtual na asistencia de movementos robóticos para rehabilitación.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES