Actualidad de Tecnología

Noticias tecnologia

O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Intelixencia Artificial consolídase entre as tecnoloxías empregadas polas empresas galegas de maior tamaño. A enquisa do INE sobre o uso de TIC e comercio electrónico nas empresas 2025-2026, publicada hoxe, sinala que o 24,6 % das grandes empresas da Comunidade xa usan a Intelixencia Artificial na súa actividade produtiva, cun crecemento de 9 puntos no último ano. Ademais, os datos sitúan a Galicia entre as cinco primeiras comunidades autónomas no uso de software de planificación de recursos empresariais (ERP). Emprégao o 64,7 % das empresas galegas conectadas a internet de máis de 9 persoas empregadas, o que representa 3,8 puntos por riba da media estatal, situada no 60,9 %.
O vindeiro ano o departamento sanitario galego porá en marcha un novo Plan estratéxico de saúde dixital e transformación intelixente do sistema público de saúde de Galicia 2027-2030, que dará continuidade ao camiño iniciado e incorporará as capacidades tecnolóxicas emerxentes que marcarán a evolución dun dos sistemas sanitarios máis avanzados. Xogarán un papel importante as universidades, centros de investigación e capacidades de supercomputación, que sitúan Galicia nunha posición de enorme fortaleza, recibindo un recoñecemento de gran relevancia coa elección da Coruña como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificiall
Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.
Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
O uso da intelixencia artificial creceu en Galicia en todos os segmentos empresariais no último ano. No caso das empresas de 10 ou máis traballadores con sede e/ou actividade en Galicia o crecemento foi do 56,5 %, o que supón que o 20,5 % das pemes e grandes empresas da comunidade empregan a IA. O incremento nas microempresas foi do 84,9 %, o que implica que o 9,8 % delas utiliza a intelixencia artificial. Son datos recollidos no informe Galicia. A economía en dixital. A Sociedade da Información nas empresas de Galicia, edición 2025, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
A incorporación da intelixencia artificial (IA), o internet das cousas (IoT) e o big data nos sistemas xeoespaciais corporativos da Xunta, xunto co despregamento da plataforma de soporte a xemelgos dixitais, están a transformar a xestión territorial de Galicia, segundo o balance de 2025 da Estratexia Galicia Dixital 2030. O novo modelo, resultado do Programa de Xestión Territorial Intelixente, permite aproveitar as oportunidades en materia de xestión e coñecemento do territorio, de acordo coa visión estratéxica dunha transformación dixital adaptada ás necesidades específicas de Galicia.
O Proxecto Xenoma Galicia, que procura detectar variantes de risco para enfermidades hereditarias graves como o cancro de mama e ovario, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar, xa permitiu detectar 42 persoas positivas entre as 2.504 mostras que se levan analizado. Este programa pioneiro de cribado xenético acada 2.504 mostras analizadas ata o de agora dos 4.261 participantes reclutados ata o momento, rexistrando unha taxa de positividade do 1,7 %.
« Anterior | 1  de  65 | Siguiente »

Notas tecnologia

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
No marco do proxecto transfronteirizo Bio Transfer GNP, liderado polo centro de investigación interuniversitario Ecobas, o campus de Ourense acolleu este mércores o lanzamento dunha ferramenta baseada en intelixencia artificial que permite identificar recursos e oportunidades para impulsar a economía circular a partir de subprodutos da cadea de valor alimentaria da eurorrexión Galicia-norte de Portugal.
A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC conmemora o 24 de outubro o 10º aniversario de Ciencia Singular, a xornada de portas abertas que desde 2017 achega a miles de persoas o labor científico punteiro da USC. Esta iniciativa cumpre unha década ofrecendo á cidadanía a oportunidade de coñecer o traballo que realizan centos de investigadores en química, tecnoloxías intelixentes, medicina molecular, física de partículas ou tecnoloxías ambientais, descubrindo a aplicación práctica do coñecemento científico.
O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES