Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Doce lustros de gratitude para don Manuel Ladra

lunes, 04 de noviembre de 2013
GRATITUDE PARA DON MANUEL LADRA

Carta aberta e colectiva para don Manuel Ladra López desde Mandiá e Marmancón:

Maio de 1930. Nacido chairego, en Belesar de Vilalba. Foi logo no 1956 cando chegaches por primeira vez a onda nós. A meirande parte das persoas actuais das nosas parroquias aínda non naceran. E os nacidos eramos, cando máis, uns adolescentes.

Viñeches con vocación de ficar connosco. Debémosche doce quinquenios de amor e gratitude e xa é hora de convocarte para “pagarchos” dicíndoche o moito que che queremos, te apreciamos, te admiramos e che estamos agradecidos.

Entregado totalmente. Sen reservas. Sen nada a cambio. Gratuíto. Totalmente limpo e sempre sincero. Pacífico e pacificador.
Sempre buscaches solucións facilitadoras, incluso cando os problemas parecían insolúbeis.Ti matinabas día e noite. E logo chegabas cunha porta aberta a esperanza naquilo que mesmo parecía un imposíbel. Por iso nos fiamos sempre de ti.

Témoste visto xogándote a propia liberdade e arriscándote para defender o pan dos humildes fronte ao abuso dos poderosos. Tacháronte de “político”. A ti que sempre fuches o home do amor universal, pero sempre coa xustiza por diante, diante de quen fose. En ti cúmprese a benaventuranza:“Felices os que sofren por causa da xustiza, porque deles é o reino de Deus”. Os tempos daqueles sufrimentos xa pasaron. Pero a xustiza e a súa causa mostran claramente a túa grandeza e valentía de estar a prol dos pobres.

En ti nunca houbo dobrez, nin trastendas de maldade. Temos comprobado a túa delicadeza, sinxeleza e humildade e, cando por un acaso te equivocabas, sabías pedir desculpas ou mesmo perdón máis alá do que era preciso. En cada un de nós e das nosas familias ti sempre vías a Deus.

A túa vida real foi sempre unha predicación silandeira e silenciosa, pero potente. Ti, coma San Francisco de Asís, no teu humilde transitar cotián por entre nós, fuches sempre un exemplo de vida e amor. Por iso hoxe, xa gastado por tantos quinquenios traballados, queremos acompañarte na túa xubilación cantándoche “non te vaias todavía, non te vaias, por favor”. Os teus lustros son verdadeiramente lustrosos. Lustrum, no latín, quere dicir limpo, puro. Así es ti. Agora, entregaches con humildade o relevo. Tes moi ben merecido ese alivio na carga. Bicamos respectuosamente por onde ti pisaches.

Que sexa por moitos anos, querido D. Manuel Ladra. Descansa das túa fatigas, porque coma aos xustos dos que nos fala a Biblia, as túas boas obras te acompañan e son o mellor capital que nos deixas. Esa túa traxectoria exemplar é o modelo que lle propoñemos aos nosos fillos e netos: Sede sempre boas persoas, coma D. Manuel.

De precisarmos de ti, apareciches fielmente. O teu estar connosco foi sempre unha descontinua continuidade. Menos no amor, na amizade e na servicialidade, que aí non houbo nunca baleiros nin eclipses de presenza.

Un novo favor: O día un de decembro, domingo, ás cinco do serán, en Mandiá, non sabes como che agradecemos que veñas celebrar connosco a Eucaristía de acción de grazas e logo compartimos xuntos unha pequena veladiña.

Sabemos que ti es o home do si constante e indefectíbel. Sempre estiveches connosco cando te convocábamos. Como din os rapaces de agora: Vémonos! Sempre teus. Noso bo patriarca, D. Manuel, graciñas,. Unha aperta grande, grande.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES