Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O fracaso político da Lomce

viernes, 25 de octubre de 2013
Vén de aprobarse Lomce, sétima lei educativa da democracia. Ten moitas posibilidades de non entrar nunca en funcionamento: a oposición prometeu derogala cando chegue ao poder. Daquela teremos o oitavo intento de desfacer a educación do país.

O primeiro fracaso da Lonce é o político. Nun tema tan estratéxico os partidos mostran unha culpable incapacidade para o acordo. Son realmente políticos? Entenden que a política é a arte de resolver problemas xuntos?

Perplexa e desencantada a cidadanía asume que os políticos non están a altura do que vive o país e son detectados como un dos principais problemas. Semellan personaxes menores, mal valorados nas enquisas, militando nunha especie de sectas de obediencia imposta e debida. En todos e cada un dos temas tratados no Congreso xamais hai voces discordantes nin a favor nin en contra. Se son tan predecibles, para que necesitamos tantos sies, nons ou abstencións de obediencia ovina?

A maioría política impón a súa lei educativa contra a maioría social, sen apoio fóra do partido do goberno e co rexeitamento da comunidade educativa. Outra marea verde contra un goberno xordo ao democrático clamor popular inundará este mes a rúa. Porque a Lomce do prepotente ministro Wert impón un innecesario e conflitivo cambio do modelo lingüístico. Estabula máis alumnos por aula e suprime miles de profesores.

Crea centros menos democráticos. Blinda a escola segregadora por sexos e outorga maior cota ao sector privado. Suprime Educación para a cidadanía e potencia a relixión. É unha contrarreforma educativa xestada sen diálogo político nin consenso coa comnidade educativa. E recorda modelos do pasado.

A situación educativa non é para bater palmas. O informe PISA para rapaces ou o recén publicado PIAAC para adultos, identifica ben as diferencias entre os países, pero non as causas. Fálase por exemplo da enorme porcentaxe de abandono escolar pero ocultan que ademais dun problema educativo foi sobre todo un problema político. Non foi a Logse senón o ladrillo quen baleirou as aulas dun país que cavaba a propia ruina colocando os ovos do desenvolvemento na cesta da construción. Non resaltan a exemplar equidade do sistema nin a implantación universal da etapa infantil.

E agora hai que soportar a políticos mediocres e oportunistas que descoñecen unha palabra en inglés denunciar a nosa indixencia en idiomas. Son os que lamentan a escasa comprensión lectora cun discurso tan elemental que non deixa adivinar que lean moitos libros. Acusan ao país dun fracaso educativo do que eles mesmos son a mostra máis nidia. Porque o principal fracaso da Lomce é o político.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES