Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manuel Luis Acuña

jueves, 24 de octubre de 2013
Comentei aquí, e noutros espazos, que desde hai tempo a dimensión literaria de Manuel Luís Acuña, ese poeta de Trives que foi autor dun único e marabilloso libro titulado Fírgoas, resulta un caso único pola continuada atención que se lle vén prestando, desde hai ben máis de unha década, e xa non só no que se refire á súa vertente como literato, ben singular como se sabe ao decidir publicar un único libro en vida, nesa liña que vai de Manuel Antonio e que pasa tamén por Xosé Díaz Castro entre algunhas outras voces da nosa poesía.

A figura de Acuña resultou e resulta operativa para afondar en diferentes
dimensións de carácter cultural, sociolóxico, político e histórico do tempo que lle tocou vivir. Boa proba do que sinalo reflíctese no novo volumen que recolle os relatorios que se defenderon no IV Congreso Manuel Luís Acuña, que se celebrou no concello da Proba de Trives, entre o 19 e o 21 de novembro de 2009, e no transcuso do cal se tributaron senllas sentidas homenaxes a dous docentes como foron Antonio Caneda, mestre de San Xoán de Río, asesinado na sublevación militar, e Marcos Valcárcel, que se convertera nun asiduo nas máis das convocatorias que baixo o nome de Manuel Luís Acuña se celebraron na década anterior, desde aquel inicial do ano 2000, rescatando a súa figura ao se cumprir un século do seu nacemento, pasando polo que se ocupou do que significou 1933 para a a literatura galega (data da publicación da primeira edición de Fírgoas) e polo terceiro congreso que se centrou na conmemoración do ano da memoria histórica.

Nesta compilación ensaística, que ve a luz mercé o interese que o Trives
deposita nunha das súas voces máis salientables e coordinado outra volta polo profesor Xoán Carlos Domínguez Alberte, o leit motiv que articulou as máis das intervencións, de carácter nidiamente interdisciplinar, aquí recollidas foi o que se agrupou so o epígrafe de «as outras armas do franquismo», respecto do que se abeiran un bo número de conferencias, vinculadas con estudos sociolóxicos sobre a lingua galega, docentes ou puramente históricos e literarios da man de especialistas como Francisco Fernández Rei, Mª Xesús Souto, X. M. Malheiro, Julio Prada, Miro Villar, Luís Martínez-Risco ou Mercedes Queixas; intervencións de diversa orde e intención debidas a Bieito Alonso, Manuel González, Ramón Luís Acuña -cun revelador artigo arredor do prego de cargos que lle valeu ao seu pai a depuración profesional- ou Xesús Alonso Montero, alén de relatorios libres que subscribiron Xosé Manuel Cid, Raúl Soutelo ou X.C. Domínguez Alberte, entre outras persoas.

Unha achega, ao meu ver, a ter en conta entre a ensaística máis recente pola pluralidade de achegas e puntos de vista sobre asuntos que teñen que ver coa nosa historia, literatura e cultura. O V Congreso celebrouse hai xa algúns meses baixo o título de «Nos tempos en que Acuña era bacharel» e agardo que as súas conclusións poidan ver felizmente a luz nun prazo non moi afastado.

Parabéns pola iniciativa: reivindicar a Acuña é facer xustiza sobre unha figura que é símbolo da dignidade da docencia na República e da poesía galega do século XX.
Nicolás, Ramón
Nicolás, Ramón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES