Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lampedusa

jueves, 10 de octubre de 2013
O tráxico naufraxio fronte á illa de Lampedusa constitúe unha evidencia mais do nefasto efecto das políticas migratorias dunha UE que aos poucos foi cedendo na súa concepción orixinal de protección e salvagarda dos dereitos humanos, estratexia que hoxe fai augas, fronte a primacía da impermeabilización das fronteiras. A fronte sur de Europa se vai convertendo no escenario privilexiado da falta de solidariedade duns gobernos convertidos en gardiáns dunha indecencia que amosa un crecente desprezo da vida humana.

A hipocrisía e o cinismo das autoridades non debe facernos esquecer as raíces dun drama que vai adquirindo dimensións a cada paso mais dramáticas. Os que foxen da miseria e da violencia, moitos deles da Libia “salvada” pola intervención occidental, constatan agora que son abandonados sen mais á súa sorte. As autoridades choran os mortos e lamentan as desgrazas, pero nada farán para deixar de ignorar a todos eses vivos que o intentarán de novo.

A Europa moral e eticamente superior, disposta sempre a dar leccións de humanidade, perdeu o corazón, é hoxe unha Europa fría e calculadora, carente da mais elemental coraxe e vision política mentres se rasca as vestiduras ante un feito que nada ten de sorprendente. O que pasou pasa constantemente, por mais que o numero de vítimas sexa menor de cada vez, e é resultado de decisións, de directivas, adoptadas por líderes de países que seguramente confesan e comulgan cada domingo.

Os que foxen cara nós queren eludir a pobreza e a inestabilidade. Pasa en Eritrea ou en Somalia, países fallados, inmersos nun caos sistémico a mans de bandas criminais que se reparten o territorio. Cómo impedir que os mais atrevidos ou desesperados intenten fuxir aínda asumindo outros perigos tentar chegar a Europa?

Gran parte de toda esta miseria e inestabilidade é produto das políticas de Occidente. Non somos alleos, temos a nosa parte de responsabilidade, incluída a derivada de provocar inestabilidade onde resultara de conveniencia para satisfacer os nosos intereses económicos ou estratéxicos. Por iso tamén, o continxente de refuxiados de guerra agrándase cada día mais en detrimento dos emigrantes económicos.

Numerosas voces reclaman cambios nas políticas de inmigración comunitaria. Tamén habería que reclamalas a algúns estados africanos. Un diálogo UE-UA a propósito da emigración podería avanzar solucións. Pero os nosos líderes convocan cimeiras para falar de negocios, de investimentos, de comercio, e arbitran recursos extraordinarios só cando se trata de financiar guerras expeditivas e “humanitarias”…

Entre 17.000 e 20.000 emigrantes pereceron nos últimos vinte anos nesta fronte sur dunha guerra non declarada contra a humanidade toda.

(Xulio Ríos é o Director do Igadi)
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES