Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre o Caso Asunta Basterra

miércoles, 09 de octubre de 2013
Pronunciamento de excepción do Sindicato de Xornalistas de Galicia sobre o tratamento informativo do caso Asunta Basterra

Ante o tratamento amarelo e sensacionalista que estes días se deu e está a dar, nos medios de comunicación de Galicia e de España sobre o caso de Asunta Basterra o SXG reclama autocrítica e reflexión profunda aos editores dos medios de comunicación e advirte ao conxunto da sociedade e aos representantes da cidadanía de que o actual contexto laboral do xornalismo é campo abonado para este indefendible modelo pseudo-informativo en moitas máis ocasións.

Se ben non é competencia nin finalidade do SXG adoutrinar pola correcta deontoloxía na profesión xornalística, existindo outras entidades como o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia cuxa natureza ten que ver directamente con ese obxectivo e que xa se teñen pronunciado claramente, este sindicato si debe alzar a súa voz ante todas aquelas prácticas que contribúan a afundir no desprestixio social a esta profesión e aos traballadores que a exercen. Existe na sociedade unha visión negativa sobre o xornalismo constatada por enquisas e estudos e son situacións como esta as que contribúen con forza a desprestixiar a nosa profesión aínda máis se cabe.

Compre ao SXG chamar a atención sobre o contexto laboral e e empresarial que favorece estas situacións e que fai que para o traballador da información resulte imposible facer uso de ningunha “cláusula de conciencia” para negarse a facer as coberturas de casos tan sensibles como este desde os enfoques editoriais sensacionalistas decididos polos seus xefes. Sería por iso enormemente inxusto e simplista colocar sobre as costas de redactores e xornalistas gráficos a responsabilidade única da indignante e pésima cobertura que se está a facer do caso de Asunta Basterra Porto. O rigor debe ser a base da actuación xornalística, e neste caso conculcáronse tódalas normas deontolóxicas e mesmo o sentido común. O resultado é paradigmático do que desde hai anos vimos advertido desde o SXG e temos como mensaxe para a sociedade: máis precariedade no xornalismo implica unha peor información para a sociedade.

A gran maioría dos medios galegos que máis cruentos están a ser no tratamento pseudoinformativo do caso levan tres anos con continuos recortes dos seus cadros de persoal, ERES, e rebaixando brutalmente os soldos dos poucos xornalistas que van quedando neles, ademais de sacar das redaccións a moitos xornalistas experimentados para substituílos por outros máis novos e peor pagados. A reforma laboral do actual Goberno contribuíu notablemente a ese desmantelamento da información de calidade así como á facer case imposible calquera reivindicación interna dos profesionais fronte aos seus xefes. As prácticas laborais destas empresas deixan ás claras unha falta de aposta por un modelo serio de periodismo de calidade, reflexivo e de servizo á sociedade. Nunha aloucada competición entre medios estase a elixir un modelo de sensacionalismo, amarelismo, espectáculo e total falta de rigor informativo. É unha elección consciente dos editores e donos deste medios que son os máximos responsables de todo o que se publica, do seu rigor ou falta del e do enfoque elixido que se lle ofrece á cidadanía.

Ferramentas regulatorias como o Estatuto do Xornalista Profesional, reclamado desde hai anos polos sindicatos de xornalistas a través do Foro de Organizaciones de Periodistas e rexeitado polos principais partidos do Estado, ou a creación de comisións independentes de control do audiovisual poderían ter axudado a evitar en gran parte este indignante comportamento dos medios carente de responsabilidade social. Esa regulación ao servizo da sociedade foi sistematicamente rexeitada e atacada polos donos dos principais grupos mediáticos e xornais aducindo unha suposta capacidade de “autorregulación” que aínda está a día de hoxe por demostrarse e que casos como este revelan que non existe.

O SXG reclama a todos os medios a darse por aludidos desta mensaxe así como das anteriores do CPXG, a facultade de Ciencias da Comunicación da USC, a da Asociación Clara Campoamor e mesmo ás dos órganos fiscal e xudicial e iniciar canto antes un proceso de autocrítica e revisión sobre o que levan feito desde o principio desta traxedia corrixindo xa este devir.

Compre ter presente que os pais de Asunta Basterra están imputados pero non condenados e que non é un comportamento admisible promover un linchamento público existindo procesos policial e xudicial abertos.Así mesmo o sindicato quere lembrarlles aos traballadores da información a importancia de tratar este tipo de temas coa maior sensibilidade a pesar da realidade laboral na que nos atopamos e a ter en conta que naquelas pezas nas que poñen as súas sinaturas fanse responsables tanto de que o contido foi elaborado cos debidos procedementos profesionais de verificación e veracidade como do axeitado do enfoque que propoñen. Non só é o seu prestixio individual o que está en xogo senón o da profesión da que pretenden vivir.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia mantén hoxe coa mesma forza que sempre e con todo o sentido a súa intención de seguir a esixir unhas condicións de traballo dignas para facer un xornalismo digno.
Sindicato de Xornalistas de Galicia
Sindicato de Xornalistas de Galicia


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES