Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A posible vida de María Balteira

jueves, 03 de octubre de 2013
Soubemos de María Balteira pola tradición, polas crónicas, polas cancións... e a través dos séculos chegounos a memoria dunha muller libre, a de maior sona, que acompañou ás tropas combatentes naqueles tempos guerreiros, que cumpríu papeis ordinarios e extraordinarios, e que conseguíu que dela se gardase memoria a través dos séculos.

Fálase das soldadeiras como as mulleres que acompañaban aos loitadores na revolución mexicana, pero estamos falando de moitos séculos antes, xa que foi a mediados do XIII cando María rendeu contas diante de Deus e dos homes, entrando na historia.

Entre as mulleres de vida máis ou menos leda (alegre, chegou a chamarse a vida das mulleres que elixían a liberdade sexual), a soldadeira María Balteira andivo na boca das xentes, nos romances, na tradición, ata que na modernidade cantores e narradores deciden rescatala agora que a súa vida é pó, aínda que pó namorado.

A Deputación da Coruña publica o relato da vida da coruñesa María Balteira, narrada, recreada polo lucense Manuel Romay. El da vida a unha lenda, fai vivir a María Balteira tomando como base a historia e as cantigas, os feitos de armas e os costumes sociais, a sociedade medieval e o eterno tema dos amores entre mulleres e homes para proporcionarnos unha historia que se non é verdade merecía sela, que todo é ficción menos a figura e a lenda, que reflicte unha xente e un tempo do noso país, lonxano nos séculos pero moi preto en intencións, relacións, desamores e amores.

Está é unha vida fermosa para María Balteira, que as vidas humanas nunca son tan perfectas, tan rotundas, tan meridianamente claras. Xa lle gustaría a María Balteira vivir unha vida así. Porque resulta ser unha heroína entrañable, vividora, hedonista, que vívia e deixaba (facía) vivir, que nos fala dunha sociedade da que eu non ousaría afirmar que calquera tempo pasado – polo feito de ser pasado – non foi mellor, tolerable, digno de ser vivido intensamente.

Manuel Romay ten demostrado saber investigar e escribir. E neste caso evidencia especiais coñecementos de historia e de vida, pero para min que o seu maior mérito é o agarimo co que trata a unha muller que ousou ser libre con todas as consecuencias. E eso sempre é mortal, no tempo real. Pero, logo, a historia – neste caso Manuel Romay- encárgase de facer xustiza.

Quen lea a obra MARÍA BALTEIRA (A soldadeira máis fermosa da Corte do Rei Sabio), accederá a unha época histórica descoñecida, da que tivemos mínimas noticias, e que o autor nos presenta con toda claridade, con toda firmeza, para que entremos nun mundo - o noso, aínda que moi lonxano no tempo- que nos pertence, e ao pertencemos.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES