Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A beleza que me rodea

jueves, 03 de octubre de 2013
Non vou a descubrir nada novo se digo que estamos rodeados de beleza. Salta á vista.

¿Por que non sempre a percibimos?
A resposta é ben simple: Non reparamos nela.

¿Por qué non reparamos nela?
Cada persoa pode ter as súas razóns.
Eu voulle dicir a miña experiencia.

Teño a miña cabeciña chea de ocupacións como todos máis ou menos.
Moitas veces, estou nun sitio sen estar porque a mente téñoa noutro lado.
Teño entendido que eso pasa nas mellores familias.

¿Será certo?

A min paréceme que si, pero vostede dirá.

Vostede ten a última palabra.
¡Faltaría máis!
Non ten por que facer caso do que eu penso nin o que eu digo.

Pero, afortunadamente non sempre “estou en Babia”.
Hoxe andaba dándolle voltas á mente para ver cal sería o próximo artigo para Galicia Dixital e pensei:
“Teño que fixarme en algo…A ver se me nace a idea”.

Efectivamente, tocaba limpa-lo xardín que levaba un tempo de “vacacións.”
Collín as ferramentas e empecei a recortar por aquí e por alí, onde consideraba que tiña falta.
Cal non sería a miña sorpresa cado me decatei de que: “¡ESTABA RODEADA DE BELEZA!” Andaba coas mans na masa.

Empecei polo “romeu.” Sobrábanlle ramas. Conforme ía quitándoas notaba o seu perfume e incluso pensei:
“Podería poñer un ramo para cando veñan os convidados, seguro que o local estaría perfumado” Pero non o fixen e continuei co meu labor.

Seguín coa “salvia”: outro aroma ben diferente ó anterior tanto no tocante ó cheiro como ó tacto. E ademais é medicinal.

Logo a “melisa”, outra diferente en forma, olor, tacto, morfoloxía...Tamén medicinal.

Ó seu carón había un “xeranio:” de cheiro característico, tacto ben diferente, pero precioso.
Os xeranios son precioos.
Lembro como disfrutaba nunha ocasión que viña de Roncesvalles cruzando pobos e máis pobos engalanados con macetas de xeranios nas ventás.
Eu non teño tantos, pero están bonitos. Gústanme.

A “margarita” xa estaba algo mucha. Nótase que non tivo tanto rego como precisaba. Mellor cortala e adiviñar a preciosidade de brotes que terá dentro de pouco tempo.

Uns metros cara ó sur estaba o “mandarino” que plantei este inverno pasado co gallo do nacemento de varios bebés.
Regaleilles un mandarino a cada un para que vaia medrando a canda eles e máis para que paladeen as mandarinas no tempo delas, despois de que lles nazan os dentes, claro.
Tamén plantei un mandarino para min ó mesmo tempo.
¡Que precioso está! ¡Non lle cabe unha flor máis!
Teño que mimalo e se vexo que precisa dunha manta térmica, cómprolla. Quero proba-los seus froitos para o tempo.

Ó pé estaban os “tamarillos” que sementara nunha maceta, un ano antes: ¡Que lozanía! Follas grandes dun verde profundo e un brillo nacarado.
Confeso que me gustan moito os tamarillos. Xa soño con eles en canto medren un pouco máis e luzan os seus froitos como se dunha árbore nadalenca se tratara.

Xirei a cabeza e divisei o “crisantemo” coa súa copa redondeada e xa empezando a agromar. Está precioso. Dentro de pouco as súas flores cor viño atraerán a mirada dos “transeuntes” que pasen por alí.

Un pouco máis adiante estaba caladiña a “herba de namorar”.
¡Tan bonitiña..! Pero non sei por que me parece que non ten moitos mimos. Grazas que é moi sufrida. Confeso que ten a súa beleza: “baixiña, acurrucadiña, caladiña...igual que os namorados”

As “campaíñas” que me regalou un bo amigo, están en flor. Son de varios tonos. Alegran moito a vista. Cada vez que as miro lembro a esta persoa que de vez en cando regálame unha máis. Xa me leva dado moitas. A última –que non será a derradeira- regalouma pola miña festa onomástica. Aínda me reglou dúas: a herba Luisa e un maracullá. Estoulle moi agradeida.

As “campaíñas” danlle vida á “verónica” que teñen en fronte. Aínda é pequecha. Ela medra lentamente lucindo o seu verde claro sen importarlle o que dirán Ela vai ó seu ritmo. Nin molesta a niguén nin lle importa nada o que digan.

O “ciprés en espiral” está precioso. Sentoulle ben o calor. Deille un pequeno retoque para que lucira mellor o seu talle esbelto e confome o ía recortando, os flecos sobrantes caían docemente ó chan dándolle un aspecto alfombrado ó mesmo tempo que perfumaban o ambiente a varios metros á redonda.

Non podo decir menos do buxo. ¡Como me gusta o buxo!
É un recordo dunha amiga que me ten en alta estima.
O brilo da súas follas é como o da mirada de quen mo deu.
Toqueille pero non o recortei. Estou esperando que medre algo máis para darlle unha forma abstracta que non deixe indiferente a quen o mire. Gústame moito o perfume do buxo e lémbrame que cando era pequena botábase a roupa a secar encima dunha sebe de buxo e saía perfumada.
Agora o perfume é artificial. Neso non adiantamos nada.
Pero... ¡É tan cómodo non ter que lava-la roupa á man..!

Tampouco me esquecín do “xasmín.”
¡Estaba tan frondoso..!
Doume mágoa recortarlle os flecos que lle colgaban. Inzan moito. Hai que poñerlle límites. ¿Que lle vou dicir a vostede do perfume do xasmín? Parece celestial.

Pero a “lavanda” que ten ó carón; non quere ser menos. ¡Estirouse tanto, taaanto esta xeira..!
Tiña flores moi bonitiñas, pero… tiven que recortala un pouquiño porque sobrepasaba os seus límites. Eso tampouco non se lle pode permitir por moi lavanda que sexa e por moito perfume que dea.

Ó cactus non lle toquei. Ese é “sagrado”. Regaloumo con moitísimo cariño unha amiga dun país lonxano; fai nada máis e nada menos que corenta anos.
Leveino comigo por onde fun e sempre me acompañou. Agora xa leva no mesmo sitio trinta e cinco anos e segue tan lozano como o primeiro día. Xa me deu varios fillos que ocupan outros postos no meu xardín.

O “mirto” noviño, tampouco o toquei.
Estou esperando que medre un pouco máis para facer logo figuras sorpresa que me gustan moito. É algo así como arte abstracto pero dá lugar a que a imaxinación se bote a voar. Téñoo moi bonito noutro lugar da propiedade, formando figuras varais.

Os “gladiolos” xa estaban murchos, pero a semente estaba chea de vida para florecer de novo a próxima primavera. Consérvanse perfectamente debaixo da terra dun ano para outro. Xa levan comigo varios anos e –por min- poden seguir ata que Deus queira. Os “gladiolos” son moi bonitos e non dan traballo ningún.

O “hipérico” está medrando para deleitarme coas súas flores proximamente. Estame dicindo que tantos trasplantes non lle sentaron moi ben, pero tamén comprende el que cando hai obras, todos sufrimos. Incluso sufre o “peto” do amo, eso que non ten vida.

As “hortensias” están lozanas. Afanse moi ben neste lugar. Non me dan traballo nungún e florean que dá gloria velas. Son un descanso para a vista.

Teño moitísimas plantas máis no meu xardín, a todas as quero e as mimo todo canto podo, pero por saber, non lles sei o nome nada máis que a algunhas.
Elas saben que son moi ignorante e perdóanme.
En parte non lles sei o nome porque son todas regaladas e daquela de quen máis me acordo é de quen mas regalou.
Cada vez que vexo unha planta, un chorro de afecto salta do meu corazón ó corazón do doante.
¿Bonito, verdade?

Das que non me esquezo é das árbores froiteiras. Son moi amiga da froita. Neste momento andan a rolos as peras de manteiga. ¡Que sabrosas son! Deleitan o padal e dan contento á alma.
Estou rodeada de árbores foiteiras de varias clases, pero cada unha dá o que ten que dar cando o ten que dar.

Como din alí: “Cada maio ten a súa flor”

¿E que dicir dos “migueliños?
Saben a mel.
A min gústanme moito e ó meu can, tamén.
Cando vou a eles fago como o Lazarillo coas uvas: “Un para min, outro para ti, dous para min, un para ti...”
Ó meu can, gústalle todo o que me gusta a min. Cando hai mazás, el tamén quere.
Somos moi ben levados. Teño que confesar que nos queremos moito, moito.
Realmente quéreme máis el a min que eu a el.
Cando eu non estou na casa, el chora por min pero eu voume tranquilamente. Cando volvo, hai festa rachada.

O tempo das “claudias” e das “cereixas” xa pasou e o dos “péxegos” e “fatóns”, tamén; pero xa veñen aí ás mazás e as castañas proximamente, porque os castiñeiros están floridos e fermosos.

E tamén as noces.
A min gústanme e o pan con noces, tamén.

¿Probou algunha vez pan con noces?
Se nunca o probou, pode intentalo. Será unha experiencia máis…

Podería seguir falándolle doutras moitas especies vixetais da miña horta, eso que non practico a horticultura aínda que teño que confesar que me gusta moito; pero non hai tempo para tanto.

E tamén lle podería falar dos paxariños que me visitan e alegran cos seus rechouchíos. A veces quédome escoitándoos caladiñamente. ¡É un pracer!

E das labregas formigas que osman o cambio de estación e andan a toda pastilla buscando refuxio seguro para o inverno.
Nunha ocasión quixeron invadirme a casa e un pouco máis teño que solicitar licencia de armas para desfacerme delas.

E das abellas que chuchan o zume dos meus froitos para fabricar mel para o veciño, tamén podería falarlle. Pero eu disfruto vendo como se afanan no seu oficio. Son todo un exemplo.

E dos estorninos que invaden a miña cortiña e límpana de impurezas.
E dos corvos e das pegas que veñen a compartir o pienso cos meus cans.
E doutros moitos animaliños que me fan compañía. Ata teño algunha mosca e algunha araña pola casa. Afanse ben comigo e non comprenden que preferiría velas por fóra.
A verdade é que son unhas pesadas.
Persígoas con frecuencia, pero ...¡nada!

Se vostede vive na cidade, xa sei que non ten arañas, pero na aldea témoslle de todo.

E do aire puro que respiro e da paz do lugar e doutras moitas cousas...

Vivo nun paraíso. Si, si, digo ben. Vivo nun auténtico paraíso, ¿sabe?

Estou convencida que vostede tamén ten o seu paraíso particular.
¡Disfrúteo!

Con todo o de maior beleza na natureza é o ser humano.

¡QUE GRANDE É O SER HUMANO!

¡Que complexidade de tecidos, órganos, aparellos, nervios, glándulas...acoplados maxistralmente pola man do Creador para o noso uso e disfrute.

¡QUE GRANDEZA A NOSA!

¡Poder:
Ver, oír, tocar, gustar, cheirar, pensar, duscurrir, aprender, comprender, comunicarse, perdoar, amar... e moitas cousas máis!

TODO ESTO É UNHA GRAN RIQUEZA.

¿Sabe por que?

PORQUE ESTAMOS RODEADOS DE BELEZA.

Estas emocións produciumas o contacto co meu xardín durante unhas horas: dúas ou tres nada máis.
¡Canto podería dicirlle eu do que disfruto ó longo do día coa beleza que me rodea!

Realmente, non preciso dicirlle nada de nada, porque vostede seguramente ten moita máis sensibilidade que min para disfrutar da beleza que ten ó seu redor.

¡Que a disfrute por moitos anos na compañía de quen máis quere!

Pola miña parte:

Quédolle moi agradecida por terme na súa consideración nesta ocasión e se o considera oportuno pode atoparme aquí o vindeiro xoves.
E se non, moitas grazas de todas formas.
¡Aburiño! ¡Ata a próxima!
Cachaza Platas, Mercedes
Cachaza Platas, Mercedes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES