Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mondoñedo, Praza de Jaime Cabot

miércoles, 18 de septiembre de 2013
Mondoedo, Praza de Jaime Cabot Compás social

O pasado día 15 de agosto, despois dunha breve estancia en Mondoñedo e dunha visita á tomba de Don Jaime Cabot Bujosa, escribín en Galicia Digital unhas resumidas reflexións sobre a persoa de Don Jaime e as impresións esenciais que desde sempre deixara en min. Un amigo que leu o artigo, decatouse do meu “lapsus”: Don Jaime non era canario, senón mallorquín. Isto ocorre cando un non verifica todas os datos, mesmo que sexan secundarios no conxunto do texto. Prego desculpas e prometo tomar boa nota para escritos sucesivos.

Tratei de subsanar a miña lagoa acudindo a Internet a outras fontes dispoñibles; mais encontrei pouco material. Puiden constatar nalgunha fonte fidedigna que Don Jaime naceu en Bañalbufar (Mallorca) o 24 de xullo de 1913; que foi ordenado presbítero o 4 de xullo de 1948, -do que se deduce que foi unha vocación tardía-, e en 1960 veu para Mondoñedo como organista e logo beneficiado da Catedral. Foi ademais Secretario da Vicaría Xeral do Bispado, profesor de matemáticas no Seminario e delegado diocesano da organización “Becas Parroquiais”. Finou en Mondoñedo o 5 de xullo de 2005, e de modo inmediato recolléronse numerosas firmas para a súa beatificación. Nesta petición houbo e segue habendo unanimidade; mais despois de oito anos, ó parecer, aínda non se iniciou ese proceso de beatificación.

Mondoñedo, Praza de Jaime CabotNo agasallo á polífácetica personalidade de Don Jaime, -sacerdote, músico, matemático e sobre todo home de ben-, interveñen dous axentes sociais mindonienses: as autoridades eclesiásticas e as civís. A data do pasamento de Don Jaime coincideu co cambio de bispo na sede mindoniense-ferrolán; e, a pesar do funeral coa asistencia de máis de 100 sacerdotes, posiblemente o seu pasamento quedou sombreado pola despedida do bispo cesante e a toma de posesión do novo prelado. O pobo de Mondoñedo e tamén as autoridades civís da cidade parece que se decataron da transcendencia do santo humanista encarnado na figura de Don Jaime. E no ano 2010 dedicáronlle unha praza dentro do conxunto histórico mindoniense do Convento de Alcántara, e alí mesmo celebraron o “Espectáculo Iacobus” coa interpretación de música de alta calidade.

Descoñezo os pasos que se deron ou están dándose no eido eclesiástico; agora ben, máis aló das necesarias formalidades xurídicas para un proceso de beatificación, desexo formular unha petición ó Cabido catedralicio de Mondoñedo: que promova a publicación dunha biografía completa de Don Jaime, membro e honra que foi desa institución. Calquera estudoso que viva na cidade de Mondoñedo ten a súa disposición dous abundantes mananciais de datos e experiencias: os arquivos diocesanos e a memoria, aínda nítida, de numerosas testimuñas da vida e da acción caritativa do sacerdote humanista mallorquín-mindoniense. A súa actividade humanitaria moveuse dentro dun marco tradicional de asistencia os máis desvalidos, sen ruídos nin estridencias, mais nese labor hai que descubrir o seu estilo persoal de actuar e relacionarse cos demais, que sen dúbida foi un dos aspectos máis valiosos. Nunha sociedade secularizada e atravesada por miles de intereses e visións parciais, a simbiose integradora de crenzas relixiosas, arte e humanismo nunha persoa concreta é un modelo perenne para as futuras xeracións.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES