Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Festas da Milagrosa

lunes, 02 de septiembre de 2013
O arqueólogo e Director do Museo do Castro de Viladonga, Felipe Arias Vilas, ven de pronunciar o Pregón das Festas da Milagrosa 2013. Velaquí as súas palabras:

De entrada, debo expresar o meu fondo agradecemento á Comisión de Festas e á Asociación de Veciños de Milagrosa representada aquí por Valentín Arias, que non é parente pese a que nos apelidemos igual.

Hai varias razóns para estar eu agradecido e para xustificar dalgunha maneira a miña presenza aquí:

- En primeiro lugar, pola miña vinculación espacial e especial, pois nacín fronte á porta de San Fernando e o cura que me bautizou era don José Fernández Núñez, o que foi o verdadeiro promotor e fundador desta parroquia nos anos corenta do século pasado, e que era home tan ilustrado como bo e xeneroso, ademais de ser tío do escritor Manuel María con quen eu teño comentado algunhas veces esta circunstancia.

- En segundo lugar, pola miña participación no 1º Encontro de Escritores da Milagrosa celebrado en setembro de 1995 coa organización de Luís López Pombo, e así mesmo porque creo estar entre os primeiros milagrosistas do ano, título concedido, nunha xa tradicional e recoñecida efeméride anual, pola Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa en decembro de 1997 e compartido daquela con outras persoas que ben poderían hoxe estar aquí desempeñando este papel que me toca a min de pregoar as vosas afamadas festas.

- E por último pero non menos importante, porque me permite dirixirme a unha boa parte, unha parte moi importante da poboación de Lugo, veciños nosos que celebran, ano tras ano e pese a quen pese, mesmo en épocas tan difíciles como esta, as súas festas patronais, festas que son lúdicas pero tamén culturais e que cumpren unha indubidable función social como tantas outras cousas que nos parecen “de adorno” pero que son fundamentais na conformación e na supervivencia, material e inmaterial, e na cohesión social dunha comunidade.

É ben coñecida a historia da formación da parroquia en canto demarcación relixiosa, e hoxe podemos vela mesmo en internet, pero é certo que o chamado “distrito” de carácter civil e urbano nacido daquela parroquia relixiosa medrou máis do que seguramente entón se prevía, aínda que é verdade que a idea de don José Fernández era precisamente que a poboación que se fora asentando por estes pagos seguiría medrando e necesitaría por tanto dun máis achegado pastoreo e auxilio relixioso.

Lembremos aquí tan só algúns fitos cronolóxicos da evolución da parroquia desde que don José promove a súa formación nunha capela do Perpetuo Socorro nun local da Avenida da Coruña no ano 1942, igual que promovería a creación de tres pequenas escolas na zona.

Será en 1945 cando, con axudas públicas, privadas e eclesiásticas que haberían de continuar - supoñemos que de xeito desigual ó longo do tempo -, se adquiren tres parcelas para construír a igrexa, con proxecto do arquitecto lucense Ruperto Sánchez. O templo concibiuse como un gran edificio de aires neomedievais de resabios románicos e góticos en pleno século XX, o que lle confire un carácter entre ecléctico e historicista moi típico para a época.

A primeira pedra, precisamente a da que sería a capela do Perpetuo Socorro, colocouse en 1946, sendo bispo Rafael Balanzá y Navarro, e encargándose das obras o contratista e enxeñeiro Rodolfo Lama, obras que continuarían logo ata 1961 coa contrata de José Gómez.

A imaxinería dos retablos e altares correu a cargo do artesán escultor Manuel Miranda e do obradoiro, tamén santiagués, de Parcero.

Por fin, en 1961 e baixo o mandato (e nunca mellor dito...) do bispo Antonio Ona de Echave, establecéronse cinco novas parroquias, entre elas esta da Milagrosa, que collería unha parte da de San Froilán (dalgún xeito a parroquia matriz e de aí tamén a vinculación á advocación da Virxe da Milagrosa), outra parte da de S. Lourenzo de Albeiros, outra de San Pedro e, supoñemos, tamén algo da vella e histórica parroquia de Santiago de Meilán. Como todos saben, o seu primeiro párroco, hoxe reflectido no rueiro do barrio ó igual que don José Fernández, foi José Varela España.

Precisamente a microtoponimia, o nome dos lugares e rúas deste extenso e espallado barrio, reflicte nalgúns casos a recordo de persoas e personaxes ilustres ou dignos de ser lembrados, e cito tan só a Curros Enríquez, Ramón Piñeiro ou Manuel María entre moitos outros, pero é moi importante que se manteñan os nomes e as referencias tradicionais como o expresivo Agro do Rolo, que evoca as leiras que eran toda esta zona antes de ser urbanizada, ou Os Miñóns, ou o curioso e orixinal Piringalla (ou Peringalla co posterior peche da vogal e?), e é unha pena que se perdera o da rúa da Cañería, aínda que hoxe sexa en favor do gran pintor Luís Seoane, pois como agora veremos, é unha referencia fundamental para a primeira historia deste barrio.

Non se perdeu, en cambio, o nome de Frigsa para a zona que hoxe é un parque dotacional, pero os que non son de Lugo ou son novos, ou as dúas cousas, poden pensar que é o nome dunha planta descoñecida, dunha misteriosa señora ou dun accidente xeográfico, pero posiblemente non asocian o tal acrónimo - coma quen di, unha abreviatura – cunha industria cárnica que se chamaba Frigoríficos Industriales de Galicia Sociedad Anónima...

Este rueiro ofrécenos, ademais, varios nomes de árbores e plantas, de santos, de illas, e ata de once ríos, coas vantaxes e inconvenientes que moitas veces isto produce á hora de orientarse, e non só ós carteiros de procedencia foránea; rueiro no que si está presente o Perpetuo Socorro en lembranza das orixes da parroquia pero non, de xeito oficial que eu saiba, o do “Barrio Feijoo”, que non é - ou non debe de ser - o bieito ilustrado do século XVIII do mesmo nome, senón algún propietario de predios na zona, é dicir, o nome dalgún possesor como se dunha vila romana se tratara.

O que hoxe algúns chaman distrito, denominación quizais influída pola disposición en rúas máis ou menos rectas e cruzadas (se non é por imitación ou snobismo mimético), e que eu sempre preferín seguir chamando de xeito tradicional e desde logo no mellor dos sentidos, o barrio da Milagrosa ou simplemente A Milagrosa”, abrangueu o tantas veces recordado Agro do Rolo, cun urbanismo elemental entre as dúas vías de saída cara á Coruña (e antes á romana Brigantium): o Camiño Real, que era o camiño máis antigo, e a nova estrada ou Avenida da Coruña.

Estamos diante dun urbanismo elemental e sinxelo pero non mal pensado, e cunha arquitectura tamén sinxela e básica, e precisamente por iso en parte dun estilo case racionalista, moi característica dos anos 40, 50 e 60, pero hoxe moi modificada ou substituída, e non sempre para ben, por mor do abrupto e mal dixerido paso polo “desarrollismo” dos anos 70, 80 e 90.

En efecto, pois, un distrito xeográfico pero tamén unha zona, un verdadeiro barrio no mellor dos sentidos, cun forte carácter vivencial e humano do Lugo do último medio século, cando menos.

Daquela época de formación da barriada son os meus primeiros recordos asociados coa Milagrosa, primeiro, moi neno, desde o meu San Fernando natal, e logo desde as veciñas Casas Baratas ou Colonia Antonio Miño Seoane, desde onde viñamos varios rapaces non sen certo temor e risco aventureiro porque aquí tamén había xa nenos e rapaces que “tomaran posesión”, literalmente, do barrio en formación e defendían, moi ben por certo, o seu territorio.

Recordo a “rúa” fronte á igrexa, que non era aínda cousa digna de tal nome como demostran fotos que se poden ver reproducidas de cando en vez, con varias leiras e algunha serraría e outras instalación ou construcións ás veces perecedoiras e que eran un lugar de xogo moi disputado.

Recordo as extremas da Piringalla onde nos achegabamos ó antigo campo de fútbol do Ángel Carro, pola parte de atrás, andando ou en bicicleta (vehículo daquela tan utilizado e agora reivindicado precisamente nestas festas, ó igual que a carreira popular ou a homenaxe ós nosos maiores, de todo o cal nos congratulamos), para irmos ver os adestramentos do C.D. Lugo dos anos 50 e 60, daquela en Terceira División e do que chegabamos a saber de memoria a aliñación tipo do equipo mentres mirabamos embobados ós xogadores.

Falamos dun tempo en que, como moitos dos presentes saben e recordan, ir ata dentro de murallas era, sen máis, “ir a Lugo”. Hoxe, seguramente nin sequera os que viven nas extremas máis distantes do centro da cidade, sexa no cabo das Augas Férreas ou no alto das Gándaras, din tal cousa...

Pero a historia dos lugares e dos espazos, pequenos ou grandes, sempre é moito máis vella do que poida parecer, e esta zona de Lugo é agora mellor coñecida nas súas orixes por mor dos interesantes achados arqueolóxicos do Agro do Castro de Marcelle ou da Piringalla, que agarda aínda máis investigacións, ou polas fontes das Pías que proveron de auga a Lugo desde época romana ata hoxe, pois ben sabedes do acueduto, no sentido literal de condución de auga, que por aquí pasaba e que reformou o Bispo Izquierdo e Tavira aló a mediados do século XVIII, é dicir van aló xa máis de 250 anos, e que quedou marcado polas sucesivas fontes existentes desde aquí e polas rúas da Milagrosa e da Cañería (hoxe como dixemos, de Luís Seoane) ata a porta de San Fernando, antes do Príncipe Alfonso e antes aínda do Boquete, precisamente porque alí era a entrada do acueduto a través da fortificación romana, fontes que tamén nos permitían seguir o seu trazado dentro no propio recinto amurallado.

Aqueles predios atravesados por tan importante e vital infraestrutura foron logo enchéndose de construcións ó longo dos séculos, logo aliñadas na incipiente urdime ou entramado urbano do Agro do Rolo e veciñanzas, e hoxe lugar de habitación e de utilización por parte de xentes moi diversas, porque, como en tantos barrios, na Milagrosa viven xa persoas e grupos de moi distinta procedencia que se amálgama cos propios da Milagrosa, os que coñecemos habitualmente como “de toda a vida”, conformando xa unha zona que se en algo é exemplar é precisamente, antes e agora, na súa cohesión social e no seu empeño por sobrevivir como tal comunidade humana, parroquial e civil, nestes tan difíciles tempos, ó que axuda, pese á crise, a existencia de comercios, negocios e pequena industria que hoxe se espalla polas vellas e novas rúas e prazas de tan extenso zona. É certo que pechan establecementos a cotío, algúns tradicionais e xa case históricos, pero tamén o é que aparecen algúns novos, maiormente relacionados coa hostalería (vaia vostede a saber porqué...) pero tamén con outras actividades.

Por iso, o barrio da Milagrosa merece o aplauso e o recoñecemento de todo Lugo e todos vós merecedes as mellores festas para espelir o ánimo e para soportar os golpes continuados e inhumanos do neoliberalismo e o capitalismo salvaxe e inhumano que quere acabar con todo o que non sexa enriquecemento fácil duns poucos a costa do común da poboación.

Que o voso esforzo teña premio e, en todo caso, que estas festas vos enchan de ledicia e vos permitan seguir na vosa andaina e na vosa loita diaria.
Arias Vilas, Felipe
Arias Vilas, Felipe


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES