Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Inmersión na música popular galega

viernes, 30 de agosto de 2013
Debido a ter que facer unhas entrevistas pola provincia de Pontevedra vímonos inmersos na música pop e folk de Galiza. Os días eran dun calor sofocante polo serán e dunha dozura inmensa polas noites. Os ceos estrelados e apenas sentíamos a brisa mareira.

Miña irmá, asi que soupo que andabamos por os arredores de Vigo, trouxonos unha axenda para cinco días completos. Non houbo posibilidade de recortala. Asi que o primeiro día nos recolleron ás sete do serán para ir a Moaña. Xa non lembraba como era o pobo, había ben tempo que estivera alí. Aparcamos e collemos o paseo pola beira da ría. A xente ateigaba o porto, e o céspede estaba ocupado polas merendas-ceas que, deixaban ver que non tiñan prisa por se retirar ás casas.

No mismo porto ergueron un escenario que tapaba un cacho da ría. O verdadeiro escenario era o natural: ceo, mar e terra, nuha harmonía cuasi perfecta. Na auga medraban as pateas de crianza do mexilón, a ampla ría está abrazada, por unha banda na sua maior parte por Vigo, a maior cidade de Galiza, feita anárquicamente sobre colinas, pero cun balcón inmenso que lle permite contemplar os trasatlánticos, cargueiros e cruceros que entran e saen no verán. Pola outra banda: Moaña e Cangas máis outros pobos pequenos que habitan a península do Morrazo. Os seus habitantes son fortes, duros como mariñeiros, peleóns, pero garimosos e acolledores.

O primeiro concerto deu comezo co grupo “Outra vaca no millo”, uns sete rapaces, moi novos, que coa sua música rockera e letras moi do día a día, aledaron o ambiente; son creativos, teñen moito ritmo, e sen dúbida, futuro. Despois veu “Milladoiro”, o prestixioso grupo coñecido e recoñecido hai anos, máis calmo e comedido. Se ao comezo o público andaba disperso dando voltas ao final pelexaban polas sillas, ou as pedras quentiñas, que eran moi demandadas. En Moaña vivín unha anécdota curiosa, ao parecer baixou a néboa pola banda de Vigo e alguén dixo que a auga estaba fría, rápidamente negueino pois a auga nas rías baixas está ben quente; un patrucio comentou “estes ou son do norte ou son fodechinchos”, quedei sorprendida e dirixinme ao señor para que me aclarara o de fodechinchos; deunos unha lección, a denominación procede de fináis dos anos sesenta cando os turistas acudían ao peirao, no momento do amarre da dorna, e loubaban ante os mariñeiros o “frescos, grandes, vivos e ricos que estaban os xurelos”, e dalle e dalle, ate que lles regalaban media ducia. Deitámonos ás tres da mañá.

O segundo día foi tamén en Moaña, o mesmo problema para aparcar, o mesmo tempo precioso, e dous grupos que levantaron ao pobo en aplausos: “Os Perucos” de Leiro-Rianxo, simpáticos, ben acoplados, que souperon escoller para interpretar ao “mellor de cada casa”, eran aquelas cancións que podían corear a maioría, a miña irmá Lola coñecíaas todiñas, toditñas. Despois tocoulle o turno a “Treixadura”. Este grupo convertido en espectáculo multimedia, cunhas técnicas eficaces de comunicación de masas, de xeito que, moven á xente para donde queren, tal foi así que o chan parescía sofrir un terremoto con toda a xente brinca que brinca, e canta que canta, ao remate, facíamos cola pra mercar os discos. Ah! había un grupo de seguidores que vestían a camiseta azul propria do grupo.

O terceiro día tiñamos ao grupo A Roda en Redondela, a eso das 22,30 horas. As forzas xa se iban resentindo e o cansancio asomaba a miudo. O encontro era no centro da cidade, ao pe do rio, nun espazo cativo para os que éramos, as sillas estaban todas ocupadas, as gradas enchéronse nun parpadeo. Os concurrentes comezaron a queixarse e comentar que tiñan que telo feito no campo da feira, sen dúbida mellor houbera sido, pois é mellor deitarse na herba que sentarse nun adoquín e ter os xionllos ao ras dos beizos. “A Roda”, vella coñecida no lugar, tiña unha pantalla coa foto de Fito, que morreu no 2012, pero sentíamolo pertiño porque chegaron a acoplar a sua voz bronca e profunda ao canto en directo de todos, foi bonito, ao final o grupo volveuse escatolóxico e fixo rir a fondo á concurrencia co “ringo rango, e o merlo e a merla”.

A cuarta xornada comezamos ás sete da tarde, era no parque de Castrelos ao ar, e de balde. O espectáculo era o “IIº encontro Europeo de Orquestras folk” comezou ás 20,30. Participaron, invitados por Sondeseu, a banda escocesa do Real Conservatorio, cunha solista soprano preciosa , flauta, teclado, gaitas autóctonas, etc. Seguiulle unha representación italiana da banda Arte Motiva do Piamonte, tamén interesante; o terceiro foi a orquestra Sibelius da Academia Folk de Helsinki unha maravilla de detalles, formada a sua maioría por rapazas, cunha indumentaria curiosa ou atrevida, cautivounos ao reproducir o son dos paxaros e os berridos dos animais do bosque, que finura!, que linguaxe universal!, qué delicadezas! incrustadas na peza de creación propria. O remate deuno Sondeseu , con duas partes, a primeira un corto repertorio, e na segunda aunou todos os grupos nunha soa orquestra e foi apoteósico, despois deconstruiron a orquestra para crear a sensación de anarquía total de todos os músicos saltando polo escenario ao tempo que o ritmo e melodía pervivía. Foron sete horas dende que saimos da casa ate as duas e media da mañá que regresamos.

O quinto día, ese día non fun quen de poder asistir, para esconder a miña incapacidade decidín tornar a Ferrol, xa que Lola apuntou que ainda faltaban Berrogüeto, Traspés, Luar na Lubre, Domeu, Tarxa, Os Carunchos, Xistra, etc.

A modo de conclusión apontar que había poucas mulleres nos grupos pequenos, que o sur de Galiza brinca, toca palmas e participa de xeito máis desinhibido que o norte, que a península do Morrazo é fermosa, a pesar de todos os males, e leda.
Cal, Rosa
Cal, Rosa


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES