Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Que se pode pedir para Galiza?

miércoles, 28 de agosto de 2013
Sorpréndeme a verba Galiza; Incrible coma o xeo que non se esfai, pura coma a primeira auga do manancial, eterna coma o brilo infindo do ceo d´ agosto e sinxela coma a man do campesinho que traballa a nosa terra.

Eu mentres ollo a terra matino que loitar pola independencia da patria é cousa de xustiza; Deberíamos estar fartos de calumnias e malos sermóns, cansos da falcatruada que se metía nas escolas ou da fala dominante dos poderosos.

Pregúntome eu: Por qué non fala o pobo? El, o que tería que ser o punho aberto á loita, o esprito carnal da aldea, o reflexo das estrelas sobre a nazón. Por qué non fala o pobo? Pois é algo que non se comprende ben; En efecto, non serve xa iso de que fomos escravos de tiranos, nin aqueloutro conto de que : “convivimos con España y España es España”.

Por qué non nos decidimos a falar? Ponhemos como escusa uns fatídicos séculos escuros, facémonos vítimas do mundo: “ Probes galegos, sempre co enganzo io arado”.

Sacrificados para quen? Para o demo máis negro. Pero inda así, aledámonos pensando que polos menos temos con que comer, que inda se pode andar a pé polos caminhos.

Galiza non se decide a loitar polo verdadeiro prezo do seu traballo; Trafego que se fai nun país galego, inxusto e privado de autodeterminazón . Digamos que aceptamos cun sorriso o aumento da plusvalía, que roemos as neglixencias do sistema central e que por riba, inda por riba, as veces, desprezamos ata os mesmísimos ilustres; Non sabemos valorar como se merece a aquelas persoas que nos puxeron a ponte para saltar a liberdade patriótica, esquecémonos de eles coma se non pasasen pola vida e se alguén fai acenos de recordárnolos chamámoslle tolo. Así está o noso mundo pois, crebado por cadeas de ferro e fusilado por armas vellas.

Tal como fun eu, criada no mundo rural, era de agardar que todas aquelas percepcións da infancia ,algún día de ben habían de tomar forma filosófica;

Lémbrome de nena, ollando pola fiestra da casa a minha nai traballar co sacho e vénseme tamén a memoria o mes de herba, cando os nenos corríamos a voltas polos fardos e o meu avó andaba coma escravo co engazo; Non me podo esquecer das súas mans roídas pola fouce, cansas de loitar para proseguir coa vida. El, que se cría a revolución da aldea, furioso e revolto contra o caciquismo, artista dos números, orador do obreiro. Estaba ,de certa maneira, frustrado coa terra, desenganado da política e indefenso da verdade.

Pero inda en noites de luar calado, tombado no vello escano, víanselle brilar os ollos verdes por debaixo da boina ao escoitar a verba “ xustiza “; E namorábase coa república e berráballe ao rei que saía pola televisión. Ríase polo baixo cando daban as noticias e cuspía nos xornais nos que saía a cara de Bush. A xente dicía: “ Mira que Mondelo non poderá estar calado...” Pero eu xa naquel entón pensaba en que ogallá os aló presentes foran coma el; Que se precisaban moitos homes galegos de pantalóns vaqueiros, boina torcida e chaqueta descosida, coma aquel, ao que eu miraba con orgullo e chamaba avó.

Pasados os anos fun entendendo un pouco aqueles nomes de personaxes dos que escoitaba falar de pequena na cociña da casa ; Comprendín que Azaña non era de todo idílico e que probablemente Casares Quiroga fora un estúpido. Acertei a entender unha Dolores Ibárruri “apasionada” e un Castelao indignado coa “ Reforma agraria”. Comprendín que había un Durruti máis humano que político e un Carrillo que me seguía sen gustar.

Así mesmo, acerqueime a libros de Karl Marx, por veces, complicados de entender e cuestioneime aquilo de: A ditadura proletaria chegará co tempo a lograr a sociedade comunista?.

Comprendín un pouco mellor a Bakunnin cando falaba de revolución con inminente eliminación do estado e como non, sentín inxusta a súa expulsión da primeira internacional. Non me atrevín a ler moito de Proudhon, Godwing ou Kropothkin, mais demostrei un chisco de simpatía polo mundo anarquista.
Pero chegados a un punto clave pensei na Galiza: O meu proxecto de paraíso, aquela coa que tantas veces sonhara esperta e deitada. Ela era a máxia que me empulinhaba pola sangue, o sostente das minhas matinanzas e a vida máis cercan ; Unha identidade nacional.

Comprendín, en toda a súa magnitude(se isto pode ser posible), aquela frase de: “ Somos nazón e temos dereito a autodeterminazón”. E cavilei en que non tinhamos industria desenvolta, pero que si tiñamos moito que dar en canto aos sector primario e secundario; Que se podía dar sen que abusaran de nós, e que polo tanto, non podíamos permitir desastres coma o que sucede no tema do leite e moitos outros máis. Tamén pensei que as leis do centro non estaban feitas para nós e que polo tanto, con máis valor inda podíamos pedir a independencia.

Porque parafraseando a metade a Cabanillas , xa é hora de que
o pobo leve nunha man a oliva e noutra a soberanía.

Son consciente de que de facermos hoxe un referendum sobre se debemos constituírnos nun propios principios executivos, lexislativos e xudiciais, moitos galegos votarían na súa contra. Por qué? Pois porque temos o típico medo galego de sempre: “ Bueno.. oh con que me vides, as cousas estan ben como están, deixade de argallar,” “ Bueno... eu non che sei... , pero ti como dis? ”. Todas estas frases que a simple vista poden parecer graciosas e moi identificadas co carácter nacional do noso pobo, van desembocar nun mesmo mar chamado:” desinformación” . E non se trata de roer na mente da sociedade, senón todo o contrario, de incitalos a que comprendan aquelas partes da nosa historia e actualidade que ata o momento desconhecen, porque a cultura é o único que nos fai donos do poder da razón.

Agardo que entendades que esta ideoloxía nacionalista nace en min parella ao propio modo de entender a vida. Moitos dos que de verdade cremos na terra non seríamos quen de vivir sen manifestarnos pertencentes da nazón galega; os meus orixes enméndanse no profundo do mundo rural e procréanse na cultura, lingua, memoria e xente do meu pobo. Así mesmo, eu desexo entender este sentimento dunha maneira pacífica e aberta ao mundo, xa que tódolos pobos se deben comprenderse coma irmáns, sen exercer ningún tipo de opresión uns sobre os outros.

Nós que loitamos por unha Galiza ceibe con poder popular, pelexemos tamén por un mundo ceibe.

E chegará o día no que as mulleres campesinhas recolleran as pedras dos séculos escuros; Rompendo con navallas o siencio do noso pobo e chegaran as manhás, tardes e noites nas que nos comezaremos a sentir “ o verdadeiro pobo galego”; Porque a terra chama e o espríto chegará a confabularse con ela. ( como algunha vez escribiu Castelao)

O tempo pasará e as cousas cambiarán e de esperanzas namentres tamén se debe vivir; Sempre co punho no peito e a ilusión posta na cabeza, berrando cada día con máis forza: Viva Galiza ceibe e soberana!
González Fernández, Brenda
González Fernández, Brenda


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES