Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As Fontes do Miño

domingo, 21 de abril de 2002
Sempre é unha ledicia, unha festa maior, o ollar o nacemento dun río. E máis si ese rio é o Miño, o pai fluvial do reino noso, que dixo Alvaro Cunqueiro ou o Pastor de Ríos, que cantou Iglesia Alvariño. E moito máis aínda si ún fai o viaxe con amigos como o Cesáreo e Isabel, a xentil portuguesa do Porto que soña coas suas raigañas mozambiquesas e que me deprendeu que todo aquel que olla unha hedra e non lle arrinca unha folla non lembra ó seu amor. Servidor arrincou unha folla de hedra en Fonmiñá. Unha folla pequena, dun verde escandaloso, que se está murchando con moita tristura neste val dos lemavos, sin árbres nin un gran río que arrole os seus soños e as súas soedás.
As vellas xeografías decían que o Miño nace en Fonmiñá, na serra de Meira, provincia de Lugo. O Miño non nace en Fonmiñá e Fonmiñá non está na Serra de Meira. Fonmiñá é unha parroquia que perteñece ó axuntamento da Pastoriza. O Miño nace no Pedregal de Irima, estrana, singular e orixinal paisaxe da Serra de Meira. A lénda explica que unha vella, que resultou ser a nai do demo, que iba pola Serra de Meira, ó ollarse perseguida por un frade, pra fuxir máis lixeira, abriu o mantelo e deixou caer o que levaba nél. Eran as pedras que ainda oxe se ollan no lugar. O bater no chao fixeron reventar o río: unha vea de auga pequena, cantareira e cristaíña, extraordinariamente fina, da que bebemos o Cesáreo e servidor usando como cunca as maus e Isabel.
Un modesto poeta galego, morto na emigración, nativo de Santa Comba de Orrea, en Ríotorto, veciño de Meira nos ledos días da súa mocedade, no seu libro Debezos, pubricado en Buenos Aires en 1.947, ilustranos sobor deste particular:

¿Quén dixo, craro río Miño,
que naces en Fumiñá
se, xunto a Monterredondo,
xa pasa, feito un rapaz?.

¡Se xa, na Ponte de Meira,
semellas ser un lanzal
mozo, que canta cantigas
i ó lonxe vai troulear!.

E sigue deste xeito:

E sei tamén, de que tés
o teu bercio máis atrás,
aló na Serra de Meira,
de Irima no pedregal.

Fonmiñá é unha pucharca entre prados, non moi grande, veireada de espadanas e cercada cunha tea metálica que non pode ser máis antiestética. Por cada banda da pucharca ergueron dous moimentos: un cruceiro mais ben probe e, defrente, un grupo escultórico que representa a un vello barbado cunha serpe rubíndolle polas pernas que se lle enrola á cintura e na base, duas figuras femeninas. Todo moi raquítico e moi feo como o chapeo de Napoleón primeiro, como dixo Francis Jammes.
O Miño provocou poucos poemas. Lembramos versos que lle adicaron Díaz Jácome, Iglesia Alvariño, Avelino Díaz, Augusto Casas… e pouco máis. Botamos de menos na nosa literatura o gran poema ó Miño e o gran poema a Compostela. Para acometer con éxito estas empresas compría, como escribiría un romántico, o estro poético de Pondal. Non estaría mal, e aínda sería precisa, unha biografía do Miño. Don Ramón Otero Pedraio era o home indiscutible pra escribila.
Entre o Pedregal de Irima e Fonmiñá está a viliña de Meira, xurdida ó redor do mosteiro bernardo. Hoxe o edificio do mosteiro é casa consistorial e rectoral. A eirexa, dende a desamortización, quedou convertida en templo parroquial. Un fermoso e sobrio exemprar gótico, sin adornos, con retábulos e imaxes barrocas. Na fábrica do edificio mistúrase a pizarra –xisto- e a cantería. Sería fermoso e útil inventar unha teoría que explicara a relación que hai entre o marmurio do río neno coas súas melodías e as súas pausas- e cos capíduos da régoa de San Bernardo, escritas nun latín doado e armonioso.
Vale a pena ver o nacemento do Miño, ollar as súas claras fontes montesías e comprobar como a auga –pura, limpa e inocente- baixa estarabouzando e brincando entre penedos como os cervos dos nosos cancioneiros. Dende Irima óllase a Terra Chá inmensa, gris e verde. A unha banda están os prados bricios de Seixosmil. A outra, nun outo, según se vai prá Pontenova, Alvare. Voltando para Lugo temos que pasar por Paraxes, un val breve, prodixiosamente verde que xa quere ser Terra Chá. Ou que xa a é.
En Castro de Rei, entre Quintela e Bendia, o Miño é dunha insuperable fermosura, cos seus caneiros e as súas insuas. Mais onde acada a súa plenitude é en Outeiro de Rei, no Campo de Santa Isabel. O contemplar tal beleza lembramos os versos de Avelino Díaz:

Un río con tantos pulos
non pode nacer no chan;
ten que nacer nunha serra
grávida de maxestá.
Manuel María
Manuel María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES