Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O incógnito doutor Castro

jueves, 01 de agosto de 2013
Así, coa súa titulación e o seu primeiro apelido, figura na rúa que un día lle dedicaron en homenaxe, pero quizais porque dende ese día pasou moito tempo e toda lembranza precisa de relembranzas para manterse fresca e viva na memoria colectiva, eu pouco ou nada sabía deste lugués que -se consideramos a Praza Maior como o corazón da cidade - dá nome a unha das súas veas cavas.

O único que sabía, polo cadro que ocupa o salón de plenos do concello de Lugo era que se trataba dun home de austera fisionomía con evidente vínculo coa Igrexa. Iso era todo o meu coñecemento sobre el. O meu e o da maioría dos lugueses. Ata o punto de non facer caso da súa borrosa identidade á hora de nomear a rúa e concederlle máis relevancia ao gremio predominante nela durante moito tempo. En Lugo a maioría da xente coñece aínda hoxe esta rúa como a “das dulcerías”. E, se acaso unha minoría, como aquel querido sabio que era Pepito Gayoso Veiga, prefiren nomeala como antes de 1881, na que se puxo a lápida na honra de Castro. Antes era Batitales, palabra de orixe confusa, pero que aínda así resulta eufónica e confeso que ao escoitala en boca allea, ata teño a sensación de escoitar o son da euscalduna txalaparta..

O caso é que a primeiros deste xullo pasado fun convidado polo concello á presentación dunha obra que esta institución publicaba escrita de man de Eva Mariño Amor e Lois Rodríguez Cabana sobre este incógnito personaxe, así que a esa invitación oficial aínda lle engadín a oficiosa da curiosidade que levaba tempo incubando. E logo de escoitada a presentación, aínda se incrementou esta, pois a figura do doutor Juan Francisco de Castro Brianda, apareceu á miña vista como algo valioso esquecido nun faiado ao que este par de filósofos tiveron a ben sacarlle o po para que brillase por si só.

Resulta que don Juan Francisco naceu en 1721 en Lugo, na rúa que leva o seu innomeado nome e foi avogado e cura. Traballou manexando as leis para gañar a vida e logo foi tamén párroco en dúas aldeas de Vila de Cruces, chegando co tempo e baixo a mitra de Armañá a representar varios cargos representativos do bispado de Lugo. Pero o verdadeiramente interesante de Castro era o seu pensamento claro e avanzado para o seu tempo. Por exemplo, el consideraba que un cura debía estar instruído nos principios da agricultura, “olvidando divagaciones de la estéril y fastidiosa filosofía escolástica”, perfeccionando o coñecemento agrario coa experiencia e procurando a utilidade común. O seu estreito contacto coa realidade levouno a publicar entre 1760 e 1770 os tres tomos dos seus Discursos críticos sobre las leyes y sus intérpretes que o converteron no seu tempo en autor de referencia en moitas universidades españolas e nos que cómpre salientar a súa animadversión diante de certos aspectos do dereito consuetudinario que prexudicaban os vasalos e dende logo a súa inimizade tanto co clasismo coma co racismo, escribindo sobre estes temas cousas de tanto calado como esta: “...siendo siempre la nobleza triunfo del vencimiento, y la esclavitud oprobio de los vencidos, transmutándose ya el honor, ya la ignominia, según la suerte de la victoria, quedando tal vez por viles, como vencidos, los que su antigua suerte había hecho, en otro tiempo, nobles como vencedores”.

Ilustra con esplendidez as súas razóns e nun momento chega a dicir: “Los godos y otras naciones del Norte no tuvieron más justa razón para echarse sobre las naciones meridianas, sacrificándolas a su brutalidad, que tendrían las naciones de la zona tórrida en echarse sobre las naciones templadas”. E nun arranque que eu cualificaría mesmo de humor, expresase así: “Solo habría una diferencia entre la nobleza negra y gótica; y es que la primera no estaría expuesta a los pleitos y quimeras a que vemos sujeta a la segunda. (....), cada uno traería en su cara la ejecutoria de su hidalguía, pues el color nigricante sería la más efectiva señal de su prosapia, y sería como dicen, más rancia, cuanto el color fuera más fino”. E isto nunha época na que o comercio de escravos estaba en plena efervescencia.

Entre 1770 e 1790, transcorre o que os autores do libro, Eva e Lois, cualifican como período humanista e no que o doutor Castro está ocupado no seu proxecto enciclopédico titulado Dios y la Naturaleza, unha obra de 12 tomos na que fai catro mil referencias a obras, autores, personaxes históricos e mitolóxicos.

Ao parecer os dous últimos quedaron sen publicar e os manuscritos de momento non foron localizados. Sería moi longo para este artigo pararme en apuntar reflexións brillantes do extracto sacado polos autores do libro, pero si direi que semella un compendio total do seu pensamento. Valla de exemplo que no tomo I o doutor Castro ocúpase da existencia de Deus, no II fala de anxos, demos, doutrina da Igrexa e erros do paganismo sobre estas criaturas, parándose incluso a falar dos energúmenos (posuídos) e no III, en cambio, trata asuntos como as teoloxías nacionais, o politeísmo e a mitoloxía.

Pero ademais da súa achega crítica e enciclopédica, quixera falar doutros escritos do doutor Castro que o debuxan como un home que estaba en contacto coas cousas do mundo. Un exemplo disto que digo está no encargo recibido na “Sociedad económica de Amigos del País de Lugo” dun anónimo que ofrecía 3000 reais ao mellor informe sobre a posibilidade dunha obra civil que fixese navegábel o Miño ata a cidade de Lugo. A Sociedade emitiu sobre o tema un escrito de José Benito Montenegro e outro do doutor Castro. Ámbolos dous coinciden na inviabilidade da obra, polo desproporcionado do investimento, que o noso autor cifra en trinta ou corenta millóns de reais. No seu informe, ademais, o doutor Castro, na súa liña, apunta que os grandes investimentos deberían de facerse sobre o capital humano, mediante institucións educativas para mozos e de asistencia a discapacitados, máis útiles ao ben común a longo prazo. E non era labia o de don Juan Francisco, pois nos últimos anos da súa vida, a súa casa estaba convertida nun taller de vestido e calzado para indixentes e nun comedor para pobres.

Ademais, para eles deixou en testamento a nada desdeñábel cantidade de dezaseis mil cincocentos reais.

E talvez incluso estea ben dicir que o doutor Castro, malia non escribila, amosábase amábel coa nosa lingua propia, como dá proba un escrito seu que leva por título “Elogio del dialecto gallego”.

Por todo o dito, e despois de pedir mil perdóns pola miña ignorancia supina sobre o personaxe, logo de apreciado neste libro de Mariño Amor e Rodríguez Cabana un belisco do seu talento e da súa bonhomía (real, non escolástica), dende aquí fago votos para que a súa obra se faga visíbel e que se o merecer, como coido polo lido, o nome do doutor Juan Francisco de Castro figure a carón dos outros dous ilustrados galegos de sona, o padre Benito Jerónimo Feijoo e o frei Martín Sarmiento.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES