Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Angrois e Gaiás

martes, 30 de julio de 2013
Unha viaxe dominical á Coruña por mor dunha pequena celebración familiar (que, por certo, tivo lugar na televisiva capela de 'San Antonio de Louredo' ou, o que é o mesmo, na igrexa de Santa Eulalia de Liáns, concello de Oleiros, onde tanto o propio titular da parroquia como a sancristá podían aforrarlles dous actores á productora polo ben que se lles dá a ambos a comedia) levoume, tanto na ida como na volta, a pasar polas inmediacións da xa mundialmente coñecida 'Curva de Angrois' e reparar, no pouco vagar que permite a conducción nun acceso á autovía, no escenario do suceso, onde aínda permanecía como botón de mostra da traxedia a cabeza do tren fatal.

Loxicamente, o momento foi fuxidío, pero aínda así, ó ver as inmensas grúas manexándose para amarrar a estartelada máquina e ser conscientes de estarmos tan preto daquel lugar que en media ducia de segundos de había tan só tres días se convertera nun inesperado cemiterio, semellou que se nos estremecía o corazón e deixounos por uns intres sen palabras que non fosen dalgún xeito enfatizadas pola emoción.

Continuei o camiño silandeiro cavilando nisto, mentres os familiares que viaxaban comigo retomaban a conversación, cando -tamén á man esquerda- reparei (como fago tantas outras veces que circulo por alí) nos tellados elipsoidais da Cidade da Cultura e desta volta a reflexión que me provocou a mirada non foi a de tantas outras veces nas que me pregunto cómo -ou cándo- seremos quén os galegos de rentabilizar tamaña mole arquitectónica que -debo lembrar de paso- segue sen contar con enlace directo á circunvalación compostelá.

Entón veume á idea un flash alimentado pola cercanía de ámbolos dous escenarios: '¡Qué triste ironía do destino -dixen para min-, a do lugar de Angrois e o monte Gaiás, separados por non máis dun quilómetro de distancia!'

E imaxinei de contado ó vehemente Pérez Varela, ben chantado cos pes na terra para non ser quen de se elevar sobre a énfase do seu propio discurso, conferenciando perante un grupo de xornalistas sobre a maxestosidade do proxecto de Peter Eisenman e explicando cómo a concha arquitectónica que ía ser construída sobre aquel monte Gaiás a remedo do corazón urbano-medieval de Santiago nos ía colocar na vangarda universal da arquitectura e nos axudaría a exponenciar a nosa presencia como galegos no mundo.

Pensei niso e na cruel ironía que supón que -14 anos despois- ó final acabasen sendo un tren e preto de 80 vidas as que colocaron ese lugar de Compostela no foco informativo do mundo.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES