Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ramón Valcarce, un crego galego consecuente

sábado, 20 de julio de 2013
Moncho para tod@s foi unha persoa entrañable que non daba dous pasos polas rúas coruñesas sen que alguén o parase para botar unha parrafada. O seu xeito de ser, campechano, aberto, ocorrente, coherente, sen pelos na lingua “eu son así de bruto”, peculiar, a súa axenda eran os envases dos “celtas” curtos que fumaba, e acostumaba a poñer simpáticos e sempre cariñosos alcumes a amigos e coñecidos adaptándoos ao seu entender (pachangas, electricista, traxedias, intelectual…) fixo de Moncho un home querido e imborrable para quen o coñecese e máis aínda para a xente común.

Consecuente coas súas crenzas relixiosas fíxose sacerdote, consecuente coas súas ideas sociais comprometeuse politicamente.

As súas misas eran celebracións participativas, as homilías proclamas liberadoras, o labor pastoral espertador de conciencias, manifestarse por causas xustas era, tamén, unha forma de oración.

Foi un sacerdote atípico, convertía o templo parroquial en escenario de difusión socio-cultural para os veciños. Daba para comulgar pan de molete. Solucionou a incomodidade dunhas monxas maiores que tiñan que percorrer un longo camiño para recibir a comuñón diaria, dándolles un feixe de hostias consagradas nun recipiente e dicíndolles que non se sacrificasen máis, que as levasen e todos os días tomasen unha na súa propia casa sen ter que desprazarse ata a igrexa. Cubría o púlpito da igrexa parroquial coa bandeira galega nacionalista.

Donou, pola súa conta e risco, parte do terreo inutilizado da reitoral á parroquia para facer un campo de futbol ante o abraio e correspondente rifa do arcebispado, e hoxe está aí para desfrute dos veciños, mentres a reitoral e o seu contorno sofre un total abandono por parte da xerarquía eclesiástica. A un malandrín que entrou un día na súa casa para roubalo e golpealo, convenceuno para que desistise, e non só, se non que rematou chorando, pedíndolle perdón e durmindo aquela noite na reitoral; días maís tarde o ladrón foi detido, e confesando os seus delitos, a garda civil decatouse do da casa do cura de Sésamo e ameazouno de acusalo de encubridor por non denunciar o caso.

Foi un cura épico. Abriu as portas da reitoral a todos os antifranquistas da época para as súas xuntanzas e deixou o seu soto para que agochasen os seus materiais subversivos. Detido pola garda civil nunha xuntanza opositora en Betanzos xunto con outras persoas, nada máis chegar ao cuartel díxolles “eu son o responsable de todo” a pesares de que estaba na reunión como un convidado máis; alí non se quedou quieto cando un garda civil deulle unha labazada e respostou dalgún xeito, tan abraiados quedaron por aquela osadía inédita nun detido, que deseguida viñeron outros gardas berrando “aos chulos sabemos como tratalos”, logo un vello tenente intentou volver a golpealo, chamándoo “senvergonza, enfrontarse ás forzas de orde público” pero Moncho volveu a non quedarse quieto e paroulle o golpe, logo entrou outro garda advertíndolle “a quen se lle ocorre pegar a un garda, tivo sorte, ese garda é moi nervioso e puido sacar a pistola e matalo”, por fin apareceu o garda nervioso na estanza onde estaba Moncho que, coas máns esposadas, lle pediu que lle sacase o rosario do peto, e ao tempo que o facia o garda lle dicía “ ten coidado, non empecemos, nada de trucos”; Moncho, pola súa parte, dixera “non sei se cheguei a pegarlle, poñoo en dúbida, pois nen teño forza nen son pelexón, el sí que me arreou forte”. Barbaramente torturado noutra detención, pasado o tempo, recoñeceu nas rúas d´A Coruña a un dos seus torturadores, achegoúselle e invitoulle a tomar unha cervexa, e alí estivo no bar falando co seu “inimigo” amosando unha humanidade abraiante.

Foi un crego de combate na súa concepción dun cristianismo emancipador, de xeito que asumiu o compromiso político no campo nacionalista integrándose nas súas organizacións, considerando que ese era o seu deber como presbítero; a política só tiña sentido para estar ao servizo dos máis débiles contra os poderosos, polo tanto para Moncho participar nela era unha demostración de fidelidade a Xesús e ao pobo ao que pertencía, e fixoo con todas as consecuencias “eu poño o meu cativo gran para liberar a nosa nación colonizada, si morro por ela ou son tirado na cuneta aceptoo”.

Ese era Moncho Valcarce. A súa semente segue viva, e o sábado 31 de agosto lembrarémolo no 20 cabodano do seu falecemento, nas Encrobas, no lugar de Pontoxo, onde se erixe a súa efixie nun monolito dedicado a todos os que loitaron pola defensa daquelas terras.
Muñiz, Ramón
Muñiz, Ramón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES