Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Galicia Caníbal

viernes, 19 de julio de 2013
Hai uns días escoitei nunha entrevista nocturna de televisión a un arqueólogo galego do Cesic, Felipe Criado-Boado, falando da situación da arqueoloxía en xeral e da difusión da arqueoloxía en particular e, nun momento dado da entrevista, díxolle á entrevistadora unha frase que me dispuxen a copiar de contado porque é desas oracións lapidarias que merecen seren esculpidas en mármore de Carrara e pasaren a formar parte das hemerotecas pola contundencia e a veracidade que entrañan.

Nun intre determinado, cando a entrevistadora lle preguntou sobre se a política de divulgación dos nosos xacementos arqueolóxicos era ou non era atinada, o prestixioso investigador afirmou, 'eso es algo que nos tendríamos que hacer mirar', para, de sotaque, sentenciar, 'es demencial la capacidad que tenemos los gallegos para dinamitar nuestras propias iniciativas', cousa que (e isto xa non o dixo el, que o digo eu) vale tanto para un proxecto arqueolóxico como para unha recolectora outonal de cogordos, para unha fábrica de botellas de cristal ou incluso para unha mina de esmeraldas ou un inmenso pozo petrolífero que foran quen de colocarnos á altura económica de Dubai.

¡Que razón ten o arqueólogo! exclamei, tan pronto memoricei o aforismo que acababa de pronunciar, víndome de contado á memoria media ducia de proxectos -ou máis- que nun momento dado saltaron á opinión pública como anuncios de futuro no xornal e acabaron coma o rosario da aurora por mor de plataformas de afectados, eivas de deseño, carencias financeiras institucionais e mesmo erros de planificación elementais dos seus propios promotores, xa fosen involuntarios ou mesmo provocados por xentes de aquí e de acolá, e que acabaron por abocar ó fracaso posibles iniciativas máis ou menos ben caviladas que lle poderían mudar a cara á zona onde se foran instalar.

Exactamente igual ca, como ben reza o titular de Antón Reixa (tan vixente -o titular- e tan de actualidade o propio Reixa), se ten transformado en deporte nacional o feroz canibalismo imperante nas redes sociais e incluso no denominado xornalismo tradicional, que cada vez con máis desaforo babexa desesperado ó axexo da carnaza coa que triturar ó semellante, por moi futuro inocente que sexa o semellante e máis inocuo sexa o acto que a xauría do día se dispón a xulgar.

Terá que ser así, non o nego. ¡Son os tempos!, diría o vate. Pero a min, sinceramente, dáme noxo a impunidade moral coa que estes tempos antropofáxicos se están a reinstaurar.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES