Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As penlas enfurrexidas

martes, 16 de julio de 2013

A transformación agro-gandeira no século vinte, en boa parte, veu da man de Don Francisco. Aquí na nosa Chaira, as brañas comunais -terras gándaras onde abundaban as lebres, os parrulos nas lagoas e as avefrías; abatidas polo vento e sen arborado, frías e moi húmidas, sen maís aproveitamento co pasto para o gando na primavera e as carpazas para estrume dos currais e as cortes- estendianse entre o sur da Corda e as vertentes norte e sur do río Miño: Loentia, Xustás, Veiga de Pumar, Matodoso, Arneiro, A Espiñeira…

Eran anos de miseria -os últimos da década dos cincuenta- a economía do labrego baseábase na auto-produción, consumian básicamente o que producían, poñendo no mercado -nas feiras- algúns cuxos, porcos, ovos, queixos e moi pouco máis, con iso, tíñanse que arranxar para mercar o vestido, algunhos alimentos de necesidade, medicinas, pagar os impostos e se podían, pouco a pouco construir ou arranxar as súas casas.

Don Francisco, co seu Plan Nacional de Colonización e o InstItuto de Reforma y Desarrollo Agrario, IRYDA, puxo en marcha a transformación das brañas chairegas, construindo: infraestruturas viarias, de regadío, enerxía eléctrica, birtando as brañas e facendo a sementeira de prados, concentrados en tenzas dunhas dez hectáreas, coas súas correspondentes vivendas, cortes, silos e almacéns de maquinaria e forraxes.

Coa Colonización, ás terras antes baldeiras -xa postas en produción- foron chegando familias de procedencia moi humilde, vindeiras de moi diferentes aldeas -en boa parte das terras de montaña- afrontando unha experiencia innovadora naquel tempo.

Os tractores que estiveran labrando as brañas puxeran o xerme da modernización, comezaría entón a transformación do campo e os labregos seguindo aos colonos foran tamén mercando maquinaria, transformando primeiro as veigas e despois as leiras, un proceso que ao día de hoxe aínda está moi lonxe de rematar.

Os tractores foran mercados pola maioría dos labregos, facilitándolles un rápido laboreo das terras e un importante desenvolvemento económico. Os carros tradicionais, os apeiros de labranza, as vacas e bois de xugada tamén pasarón ao esquecemento.

Os labregos, comezaran entón a priorizar a produción de leite para a venda ás industrias lácteas, en detrimento das colleitas tradicionais. O trigo e o centeo foran os primeiros cultivos en desapareceren das agras en poucos anos; con eles as mallas, os palleiros, as tullas e as huchas para gardar a gra.

Sen gra xa non había que moer, os muiños –sempre lembrados con agarimo polas cantigas e vivencias neles xurdidas- quedaron un tras outro abandonados, esquecidos, agochados entre as árbores ao pé dos ríos. Foron as primeiras edificacións do rural en caeren, as fiestras e as portas podreceron, os rodicios e as penlas enfurrexidas deixaron de xirar para sempre, adormecidos embaixo das moas albeiras ou de granito do país.

Os caneiros dos muiños, cumprían cando menos dúas funcións: represar a auga dos ríos e desviala aos muiños para mover as penlas que facían xirar os rodicios; a outra era tamén ben importante, abrían as presas e as anguías arrastradas pola cerrente quedaban atrapadas na rede -había veces que os muiñeiros as collían a sacos, e logo salgábanas para conservalas-

Porén aquilo, tocou fin, coa construción dos encoros para a produción de enerxía eléctrica, as anguías xa non podían subiren, co cal foron indo a menos ata que case desapareceron. Os caneiros xa sen utilidade, seguiron os mesmos pasos cos muiños, moitos deles sen mantemento engulíronos as enchentes.

A gandaría avanzou no seu desenvolvemento, en prexuízo da propia agricultura tradicional. A produción de forraxes foi a base de alimentación do gando, desapareceu o pastoreo e foi necesaria a conservación das forraxes –construíronse máis silos, aparecendo o ensilado en superficie e en bolsas ao vacío.

Ao aumentaren as vacas, os gandeiros tiveron que construir granxas adaptadas en capacidade e prestacións de explotación.

Construíronas masivamente sen coidar o medio natural, utilizando materiais coma o bloque de formigón o ladrillo e o fibrocemento, causando unha verdadeira alteración da arquitectura rural tradicional da comarca.

Ao mesmo tempo moitas casas rurais antigas quedaron fechadas, ben polo abandono do campo ou para construírense outras novas -case todas sen respectar os materiais da zona ou con deseños pouco ou nada acordes coas costumes de edificación da Chaira- Así, agora temos o que Don Manuel, lle chamou “feísmo”; que non é máis ca unha verdadeira desfeita do noso patrimonio edificado.

Na Chaira, coma no resto de Galicia, a maioría das edificacións construíronse sen licenza, sen proxectos e sen dirección de obra. Pero, o máis grave aínda foi que se construiu sen ningún tipo de planificación urbanística, espallando o territorio con edificacións desordenadas, carentes dos servizos máis básicos.

Os concellos, sen planeamento urbanístico axeitado, foron en boa parte os responsables da situación. Aquilo dos alcaldes, cando lles dician aos veciños “vai facendo que non pasa nada ”foi unha temeridade e foron cómplices da situación en que andamos. Cando se deron conta xa era tarde, apareceu Cuíña coa súa Lei do Solo de Galicia, que lonxe de axudar a arranxar a situación, serviu para a especulación sen frear a construcción sen licenzas no rural.

Con Touriño e o seu séquito, pretenderon darlle a volta a case todo o plantexamento de Cuíña, empeorando aínda máis a situación. Dende a Xunta pretenderon poñerlle orde creando a APLU, coa posibilidade de colaborar directamente cos concellos en materia de seguimento de lagelidade urbanística -a legalidade que isos mesmos concellos lles furtaran aos seus veciños-

O resultado xa o temos, agora estanse expedientando pola APLU edificacións con orde de derruba que previamente foran contruídas coa complicidade dos alcaldes de turno e os concelleiros de urbanismo. Din que que as fai, as paga… pois non, nisto das obras sen licenza o que o paga -e moi caro por certo- é só o propietario do inmoble -ao que pillan arruínanlle a vida- mentres os políticos o único que fan é feira enredando a madeixa, sen poñer un só euro e sen ningunha responsabilidade.

Queda claro, o desenvolvemento do rural non só trouxo vantaxes na Chaira. Ao paso que vamos o campo queda despoboado en pouco tempo, as terras en boa parte están sen aproveitamento, as granxas moitas xa fechadas e as casas tradicionais -patrimonio edificado cun alto valor- están caendo por abandono.

Mentres a economía na Chaira está estancada sen que se lle albisque saída.
Puente Rico, Amador
Puente Rico, Amador


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES