Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Engroda

domingo, 27 de mayo de 2001
Hai palabras que desaparecen por consunción vital, ben sexa por falta de uso ou por perderen vixencia. Por non teren aplicación activa, ou digamos protagonismo, nos tempos que corren. Porén, a engroda non tería que ter unha palabra esquecida. Cando menos para min segue a ser un término activo, como paso a relatar.

O meu fillo Breogán tivo estes días unha nena preciosa (tívoa Eva, a súa muller) e con tan fausto motivo acordóuseme poñer en práctica un vello costume algo caído en desuso: o de agasallar ás paridas (paridas son neste caso as mulleres que paren, non outra cousa) cos oportunos productos reconstituíntes propios da engroda. Anque admitindo tódolas variantes que se queira, os tales productos consisten basicamente en ovos, chocolate, viño quinado, e galiña morta. Así que tan pronto souben que a nora e maila na neta xa estaban na casa, fun alá axiña portando eses catro esencialísimos elementos de nutrición puerperal. Emporiso a galiña non era das nosas como tería que ser, xa que na casa non temos, e ocupando o seu sitio foi unha de supermercado que era ben gorda, desplumada, limpiña, plastificada, e dende logo que morta.

E alí foi a cousa, que é cousa de comentar: cheguei todo fachendoso co agasallo da engroda, que como tal anunciei, e resultou que ninguén sabía o que era iso. Veciños, parentes, consogros, nora, fillo…, ninguén coñecía esa palabra nin tiña idea ningunha do substancial significado dese substantivo. O meu gozo nun pozo. Velaí que un término aínda vivo, vixente nas falas populares do meu Bergantiños radical (onde eu teño as raíces, vaia) vén resultando por el contrario enteiramente ignorado na miña Coruña natal. Incluso os consogros, que teñen as súas raíces noutro lugar distinto da nosa terra, descoñecían por completo esa expresión, que seica oían por vez primeira. Claro que o agasallo foi ben recibido, coidadiño, pero a palabra non, que desconfiaron dela ata sospeito que a teñen como inventada por min.

Volvín á casa preocupado e fun mirar no Diccionario da Real Academia Galega. A preocupación foi a máis cano comprobei que ese término non existe. Resulta que no groso e competente DRAG non está a palabra engroda,e xa que logo non existe. Bo foi que seguín na súa busca, menos mal, e logo dei con ela no Diccionario Xerais da Lingua. Velaí estaba o concepto buscado, ENGRODA, moi ben definido como eses días despois do parto, como asemade a mantenza que se lle dá á recén parida. Non podo entender que a Academia desbotase desa maneira una expresión tan sabida.

E agora terei que levar alí o Diccionario de Xerais para facerlles ver ós descridos que a engroda existe, e máis que é unha cousa seria. Porque, de non, coido que xa andan todos a mirarme de esguello, considerándome polo baixo de barballocas, coma un inventor lareto de palabras raras.
Riveiro Loureiro, Manoel
Riveiro Loureiro, Manoel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES