Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aquel era Díaz Castro

viernes, 05 de julio de 2013
Era un setembro de finais dos setenta. Miña compañeira e mais eu decidiramos dar unha volta pola España museística-monumental e iniciaramos a andaina en Madrid, que por ser a capital do estado, e debido a iso tan obvia, foi a localidade á que menos lle prestamos atención.

Lembro aquela xira setembrina perseguida por novenario tormentoso que mentres nos acompañou acadaba o seu cénit a media tarde, momento no que, logo das preceptivas lostregadas e os estalidos propios do fenómeno, descargaba auga en abundancia. Xa podía ser Toledo, cando saiamos de ver o Conde na igrexa de santo Tomé e haberiamos de agradecer a proximidade do museo de Victorio Macho ou Aranjuez, onde o río verdoso como crema de espárragos aumentaría o seu caudal para un máis lixeiro navegar, se é que o dispuxeren, das luxosas falúas reais. Tamén no Escorial tronou mentres visitabamos as estancias do emperadorísimo e nin se esqueceu de nós o tonante en Cuenca, onde sobreiluminou fugazmente chillidas, zóbeles e semperes. En La Granja segoviana non lembro auga, pero si aínda algún ruído de altura e tampouco non chovera cando mirabamos o acueduto. Quizais fose a feita a Ávila a primeira visita daquela viaxe que recordo sen foguetes naturais nin prantos celestiais.

Pero como antes dixen, a primeira parada fora Madrid. A longa viaxe fixerámola no ALSA no que, seguramente por indicación de alguén ao que lle falaramos do noso desexo de visitar Toledo ao día seguinte, non chegaramos a entrar na estación. No lugar onde o autobús nos deixou, decidimos procurar axiña aloxamento, para desfacernos da equipaxe e pareceunos propicio entrar nun establecemento hostaleiro con claras alusións á nosa terra (Breogán, talvez?) a preguntar. Lembro que, ao ser pola tardiña, había unicamente unha parella por tras da barra e unha persoa falando con eles por fóra dela. Preguntamos por unha pensión que dispuxese de cuartos por aquela zona e o que estaba a exercer de cliente único ata a nosa chegada, inmediatamente se fixo cargo da nosa demanda dicindo que el sabía duns particulares amigos seus que alugaban a un prezo módico uns moi xeitosos.

Mentres tomabamos algo, presentámonos e el dixo chamarse Xosé María Díaz Castro, para min por aqueles tempos alguén completamente descoñecido. De todas as maneiras na nosa fluída conversa a tres, acabou por saír a literatura. Foi daquela cando soubemos que tiña publicado un libro na nosa lingua, ademais de dedicarse a traballos de tradución.

Aquel home amabilísimo levounos despois á casa dos amigos seus que nos ían dar albergue e logo de cumprido o cometido, despediuse de nós, deixando aberta a posibilidade de volvernos ver, algo que non chegou a suceder.

Ao regresar a Lugo, comentarámoslle ao noso amigo Uxío Novoneyra aquel encontro e el, logo de escoitarnos, díxonos con énfase que non sabiamos ben a sorte que tiveramos coñecendo a semellante personaxe, xa que o tiña por un dos poetas máis importantes da súa xeración. E aínda se recreara o courelao despois dúas ou tres veces facendo mención do ben que nos tratara a casualidade.

Logo, cando por fin tivemos os Nimbos nas mans, decatámonos de que o amigo Uxío non esaxeraba.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES