Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O esmorecemento da Chaira

martes, 02 de julio de 2013
A cabeceira comarcal que debería marcar as liñas de desenvolvemento na Chaira, a vila de Vilalba, non fai máis que esmorecerse, sumida nunha evidente parálise que a está deixando sen os mínimos recursos económicos.

O sector primario, cun potencial enorme de desenvolvemento, non ten xa a capacidade de sostemento, mesmo está ao bordo de desaparecer. A gandaría afronta unha profunda crise obrigada a poñer no mercado os seus produtos a unhos prezos que nin tan sequera cubren os gastos de explotación. Os gandeiros tiveron que facer grandes inversións para poñer nas súas granxas as tecnoloxías acordes cos tempos actuais, pagando créditos con xuros moi altos, que agora estanos afogando, mesmo levándoos a creba, despois dun enorme esforzo durante moitos anos.

Dende as administracións xogaron con eles coma se fosen monicreques, poñéndolles cuotas para limitarlles a produción, obrigándoos a mercar cuota a prezos moi por riba do seu valor produtivo e un sinfín de normativas case imposibles de cumprir.

Subvencións que os obrigaban a un cambio permanente nas formas de levar a cabo as transformacións nas terras e as inversión en equipos e infraestruturas, unha verdadeira maraña de normativa que agora está deixando á vista o fracaso total do sector.

As administracións nas últimas décadas, non fixeron nada importante para promover e potenciar o crecemento deste importantísimo sector produtivo. Non se fixeron plans globais de transformación agraria, as concentracións de terras produtivas pasáronse por alto, as infraestruturas rurais seguen peor que nos anos noventa.

Os gandeiros, co seu impagable esforzo, foron por diante dinamizando coas súas reducidas posibilidades a produción, conseguindo aumentar os rendementos en cantidade e calidade dos seus produtos, sen o apoio decisivo dos gobernantes de turno, que só miraban para outro lado. Mercaron equipos de maquinaria acordes coas necesidades potenciais de crecemento, pero topáronse coa reducida parcelación das súas terras, as pistas estreitas e grandes desprazamentos dunhas leiras para outras que merman os rendementos e poñen en perigo a viabilidade das explotacións.

As industrias transformadoras só miran os seus rendementos, sen preocupárenlles o feche das granxas, algunhas delas tamén arrastradas pola crise mesmo entraron en liquidación ou andan a piques de facelo. Sumidas en concursos de acredores con débedas millonarias, despois dunha evidente mala xestión dos seus recursos; recibiron subvencións da Xunta de Galicia por importes de varios millóns de euros e lonxe de levar adiante os seus proxectos de inversión, gastaron os cartos públicos producindo perdas, deixando a deriva aos seus provedores e traballadores.

Outro dos recursos potenciais é a explotación forestal, porén na comarca o minifundismo das terras, pon por diante un rosario de problemas á hora de facer as plantacións, non permitindo unha axeitada planificación para un futuro desenvolvemento dos recursos forestais. Máis do mesmo, as administracións só crearon normativa imposible de cumprir nas condicións en que se atopa a segregación das leiras. Aquí non se fixo dende as administracións nada en prol de mellorar a agrupación de terras forestais, separando as zonas de cultivo para o cunsumo humano ou para a gandaría dos montes onde só é viable a repoboación forestal.

Así andamos, o campo entrou nun caos absoluto, onde antes había senras agrupadas e medianemente desenvoltas, agora hay un “revoltixo” de prados, piñeirais, eucaliptais e silveirais formando unha mestura imposible de ser explotada e obter dela unhos mínimos rendementos económicos. As fragas, ata fai pouco aportaban ao campesiño recursos en madeira, materia orgánica e froitos que colaboraban nunha exigua economía de subsistencia, agora esquecidas por completo están cheas de fentos e silvas, sen o máis mínimo aproveitamento; forzado o seu abandono pola inviabilidade do aproveitamento económico dos seus recursos.

As industrias transformadoras dos recursos forestais, algunhas delas transcendentais para o desenvolvemento da comarca, andan mergulladas na crise, en liquidación, concursos de acredores ou expedientes de regulación de emprego. Arrastradas polo rebentón da construción, sen ter mercado onde vender os elaborados procedentes do forestal.

A industria non dependente directamente da produción agraria e forerstal, na comarca Chairega tamén é escasa, de tamaño reducido e carente de tecnoloxias avanzadas. Pequenas tendas, talleres de automoción… algunhas transformadoras de productos foráneos ou importados, aluminio, ferro, pvc e pouco máis…
Minaría, granito, cuarzo… e tódolos seus derivados; importantes na economía Chairaga perderon o seu mercado, arrastrando ás industrias tranformadoras ao feche, ou someténdoas en concursos de acredores.

Construtoras de obras públicas e privadas, varias delas con moitos anos de implantación e outras máis recentes quedaron sen contratos coas administracións, cobrando mal e tarde as certificacións por obra realizada, pasando a facer montón no desastre económico Chairego.

Importantes empresas de transporte, coas súas bases de loxística na Chaira, quedaron sen mercado, caeu a produción nas fábricas e a falta de demanda xeneralizada en tódolos ámbitos prudutivos avocounas a liquidación ou a extinción de contratos laborais vía eres. O parque de camións parado e as infraestruturas baleiras puxéronlles a chave.

Tampouco se librou a distribución, a crise levou por diante o consumo e este o centro loxístico implantado na Chaira de maior capacidade ao servizo dunha das maís importantes cadeas de alimentación internacionais, que dende aquí espallaba as mercadorías a unha extensa zona territorial. Tendas de alimentación, pertencentes a empresa de ámbito provincial xa deixaron de abrir as portas, quedaron os seus traballadores sen emprego, mentres o empresario loita por atopar unha saída e manter abertas aquelas máis viables.

Estamos diante dun panorama económico desolador, sen empresas, sen autónomos, sen recursos, sen crédito para potenciar novas iniciativas de emprendedores, cun desemprego terrible que afoga as familias e alonxa aos rapaces e rapazas fora de calquera posibilidade de atopar onde exercer un traballo por precario que sexa.

Mentres tanto, os gobernantes, en tódolos seus niveis andan á procura dos seus intereses, enchufando intrusos, pelexando entre eles, esgotando o pouco zume que queda e mirando como sosterse na burra.

Dóeme o corazón, ao escribir este artigo. Desexaría profudamente terme equivocado e que todo o que aquí dixen fora só un erro na miña maneira de velas cousas, ca situación económica na Chaira fose polo menos tirando ao normal, que tódalas familias tiveran o necesario para comer e facer unha vida decente e o traballo ocupara á gran maioría dos desempregados.

Porén, paréceme que ando no certo, que isto está colapsando a vida na Chaira, que precisamos dunha urxentísima saída do buraco económico…

Só nos queda arrimar o ombro.Un inxente esforzo por diante, moitos anos para arranxar a situación, traballar se é posible e aguantar a desfeita que nos puxeron enriba.
Puente Rico, Amador
Puente Rico, Amador


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES