Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Carreira de calvos

viernes, 28 de junio de 2013
Sinto non estar en Vilalba hoxe para participar na carreira para calvos que, segundo teño noticia, organizan Miguel Montenegro e Ángel Campos.

Certamente, é curioso un certame deportivo coma este dirixido a todos os que non teñan pelo protector no máis alto da súa xeografía humana, porque hai poucas –por non dicir ningunha- actividades que se dirixan en exclusiva aos que nos falta o pelo, sexa porque prematuramente se nos foi, sexa porque a idade contribuíu á despoboación do coiro cabeludo.

Será cousa de ver esta orixinal proba que vai desde a Praza dos Ovos pola Roxeira, a estrada ata o Rañego, o paseo fluvial para finalmente subir pola costenta Ferrería onde os sufridos participantes poderán facer un sprint final para demostrar as súas boas condicións físicas que se supón nada que teñen que ver coa caída do pelo.

Son arredor de catro kilómetros que, andados, aínda que sexa a bo paso, non lle fan mal a ninguén, pero correndo xa é outra cousa, que hai que desplegar moita enerxía e manterse en boa forma, especialmente para a volta, que supón algo así como un porto de montaña para os valentes calvos que se inscriban para participar en tan orixinal desafío.

Eu en principio non penso participar, que aínda que non me atopo mal físicamente, coido que a estas idades xa relativamente elevadas non é cousa de poñer a proba a miña estructura física, e ademais coido que andar está ben pero poñerse a correr como fan moitos veteranos para castigar o corpo é unha auténtica toleada.

Outra cousa é se organizan posteriores edicións se o resultado desta primeira é satisfactorio, e ademáis de calvo o participante ten que ter algunha eiva... eu que sei, ser coxo ou cego total ou parcialmente. Ese día si me animaría a participar, que ben sabido é que habendo cegos polo medio o torto é o rei.

Eu de verdade desexo éxito a esta proba... E que haxa moitos calvos felices que acudan a participar, e poidan recibir eses premios tamén calvos – melóns, ovos ou bombillas- que os humoristas convocantes terán a ben entregar.

Ánimo, calvos, que non se divirte o que non quere!
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES