Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Anxos da garda no Hula

domingo, 23 de junio de 2013
Aló polo século XV, nun dos Concilios de Constantinopla parece ser que algúns teólogos, non sei se falsos ou verdadeiros, con moi pouco que facer, dedicaron moitas horas a discutir sobre os sexo dos anxos, chegando á conclusión, despois de acalorados debates e insensatos argumentos, de que os anxos non teñen sexo, senón que son entidades espirituais asexuadas. Pois non, señores. En poucas horas na unidade de reanimación do HULA puiden comprobar que os anxos da garda que voan por aquí non son asexuados. Hainos masculinos e femininos. Non a partes iguais. Polo que eu puiden observar, hai máis femininos ca masculinos.

A primeira ánxela da garda coa que me atopei ao espertar da anestesia chámase Eva. Logo pola noite do día 20, tocoulle coidar de min a un que leva nome clásico de anxo, Miguel, que foi de Meira, e axudoume este ano a entrar o solsticio de verán. Xa pola mañá do día 21 correspondeulle a rolda a Xosé de Taboada. Por alí andaba tamén outra ánxela de contra a Fonsagrada que non podía disimular a súa condición, porque se chama nada menos ca María Ánxeles. Abofé que foron para min verdadeiros anxos da garda naquela indefensión despois de sete horas e media no quirófano. Cando lles escribía, porque non podía falar nin podo aínda, a palabra GRAZAS respondíanme: “Este é o noso traballo”. E eu volvía a escribir: “Logo, non che dous as grazas polo traballo, senón por como o fas”.

Pero non atopei anxos da garda só en reanimación. Andan, ou mellor dito, voan por todo o Hospital. Hainos de moitas clases ou categorías. Na Biblia fálase de anxos, arcanxos, querubíns, serafíns, tronos, dominacións, virtudes, principados, potestades… Aquí máis ben son doutores e doutoras, enfermeiros, ats, auxiliares de clínica, celadores, limpadoras, etc., sen esquecer aos capeláns.

Eu teño un problema para recoñecelos a todos pola súa categoría, porque normalmente diferéncianse polas cores da vestimenta, pero como eu ademais de ser d´aldea son algo daltónico, non me aclaro moi ben. Pásame o mesmo con cardeais, arcebispos, bispos, prelados domésticos e monseñores en xeral. O branco recoñézoo mellor.

Supoño que o arquitecto que deseñou este Hospital de Lugo con corredores de seiscentos metros, ou máis, xa contaba con que estaría ben dotado de anxos para poderen desprazarse raudos e veloces por estes corredores. O malo é que, polo visto a máis de vinte desde a inauguración xa tiveron que poñerlles próteses de ala por desgaste debido a que hai veces que non poden parar un minuto.

Non podemos consentir que manden anxos ó paro e, pola contra, debemos exixir que aumenten anxos e servizos no Hula.

Tíñanme dito que a actitude con que se queda un anestesiado é moi importante á hora de espertar, por iso creo que antes de durmir o último que lles dixen ós médicos e demais sanitarios que andaban por alí foi: “Confío en vostedes, en Deus, en min e nos amigos”. Non sei se sería debido a iso pero o espertar foi moi gratificante, agarimoso e agradecido, con unha sensación de fonda paz que axuda moito á hora de facer fronte ás entrequedencias dunha longa e difícil operación.

Doutra banda tampouco me pasou como a un señor que berraba moi desconsolado nun cortelliño próximo ó meu e alguén dixo que quizabes fose porque aínda lle estaba traballando a anastasia

Esa noite en reanimación pouco durmín, pero estiven entretido observando o que pasaba arredor, coma se fose unha especie de Gran Hermano sen o mal gusto nin as procacidades da Milá, que casan mal coa delicadeza e a finura dos anxos da garda.

Quizabes non todos os que pasan polo HULA coincidan comigo nas apreciacións, pero cada un fala da feira como lle foi ou lle vai nela. Así é como me foi e me vai a min. Non teño motivos de queixa, senón de gratitude. Por iso podo volver a escribir: “Graciñas, anxos da garda!”
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES