Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Relembrando a muralla

jueves, 20 de junio de 2013
Hai uns días, por invitación de Xosé Reigosa, autor do fermoso traballo titulado A MURALLA COHABITADA e pola librería Biblos, onde se celebrou o acto, participei dun parlamento arredor da nosa romana fortificación con abondosas persoas da nosa cidade que Xosé fixera protagonistas do seu libro.

A verdade é que cada un podía enfocar o tema dende onde lle dese a gana, aínda que estivese claro que, como sempre que se fala dela, a intención é tratar de facer recoñecemento do seu valor e de procurar a maneira de darlle ese plus que aínda lle falta a nivel de coñecemento no exterior, malia que grazas a ser nomeada hai trece anos Patrimonio da Humanidade, este tivese mellorado notabelmente.

A min, que non son nostálxico, deume por acordarme das miñas máis intensas vivencias nela, que pertencen á infancia e á puberdade. Lembrei por exemplo as vellas excursións relixiosas que nos facía dar por ela aquela profesora particular, dende a Porta Nova, preto de onde viviamos, ata a de Santiago, onde baixabamos para ir confesar á catedral, pois a señora – excelente docente, por outra banda – estaba empeñada en salvarnos das chamas do inferno e fixera que recibísemos comuñón nove primeiros venres de mes consecutivos, co cal polo visto tiñamos garantido o ceo. Algo así coma un plan de pensións para a eternidade.

A miña seguinte relación intensa coa muralla foi xa menos beatífica, aínda que tamén vinculada á ensinanza, pois era o lugar onde podiamos latar clases impunemente, xa que daquela era moi rara a utilización do adarve polos nosos maiores. Latar dicimos en Lugo e en moitos outros sitios de Galiza, pero por Ferrolterra din fanar e pola zona de Cuntis chámanlle facer a gata. Latabamos, pero non por iso pasabamos as horas mortas. Como a nosa educación ecolóxica era precaria ou nula, cando había bo tempo andabamos aos lagartos e cando cansabamos iamos ás amoras que había nunha vizosa silveira enfronte do que hoxe é o instituto Xoán Montes e daquela era asento da chamada Maestría Industrial. Aquela silveira ademais daba moito xogo, pois entre a súa frondosidade e que algunha pedra da muralla sobresaía cara ao exterior, o sitio facía de cova ou de agocho para os nosos xogos. Pero non eran aquelas enormes amoras a única froita que se podía comer sen baixar da muralla; dende ela había acceso a unha figueira próxima á Porta Nova e entre esta entrada e a do Príncipe Afonso (San Fernando) había un abruñeiro que xurdía polo exterior entre as pedras e que deixaba apañar dende o adarve as súas ameixas bravas sen o menor esforzo.

Un xogo propio da Porta de Santiago, polo propicio da reixa de ferro que daba ao exterior, era atar unha moeda de dous reais (que tiñan burato no medio) a unha sedela de pescador que dende enriba chegase ao chan. O normal era que o que viñese ingresar na fortificación, ao vela, tentase collela, momento no que os de enriba tirabamos para pasarlla por diante dos fociños. Tamén latabamos na muralla xogando á buxaina e ás “quedas”, pero debido á nosa idade outra das atraccións da muralla era que nos servise de fiestra ao barrio da Rinconada, que malia o seu aspecto sucio e escalabrado estaba para nós cheo de misterios atractivos.

Ás veces a Coloretes, que era unha meretriz chepuda xa retirada, mítica no barrio pola súa antigüidade e que recibira o seu alcume polo esaxerado vermello con que tinguía as súas citrinas meixelas, sacaba unha cadeira ao exterior e poñíase a fumar sentada nela un Peninsulares perante o noso inocente estupor.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES