Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Moita imaxinación...

jueves, 20 de junio de 2013
Ó paso que imos, moita imaginación fai falta para albiscar a vida que lles tocará vivir á infancia de hoxe en día dentro de: vinte, trinta ou cincuenta anos.

Todos sabemos que a vida é un constante cambio, que se están producindo cambios importantes en todo o mundo mentres que vostede está lendo esto.

Non sei o que vai a pasar no futuro; tan só me vou a limitar a facer unhas reflexións en voz alta para compartilas con vostede sobre algúns dos cambios producidos na vida cotiá dunha persoa do medio rural galego nos derradeiros cincuenta anos.

-Fai cincuenta anos, as aldeas estaban ateigadas de persoas de tódalas idades; hoxe en día tan só quedamos persoas maiores e cada día menos. Un neno nunha aldea de hoxe en día, é noticia.

-Fai cincuenta anos, había escolas unitarias –moi destartaladas a maioria delas- con cincuenta ou sesenta nenos de tódalas idades; hoxe en día case non queda ningunha, porque por non haber, apenas se hai nenos.

-Fai cincuenta anos, o medio rural galego vivía da agricultura e a gandeiría; hoxe en día case todos vivimos das arcas da Seguridade Social (mentres haxa quen cotice…).

-Fai cincuenta anos en case tódalas casas convivían tres xeracións e outros membros da familia; hoxe en día a maioria das casa están habitadas por avós que de vez en cando son visitados polos parentes que veñen das vilas.

-Fai cincuenta anos non había unha casa baleira en ningunha aldea; hoxe están quedando baleiras varias e algunhas recuperadas por xoves que retornan das vilas.

-Fai cincuenta anos alumeábamos cun pachuzos para ir ó muíño de noite ou para ir esfolla-lo millo á casa do veciño. Hoxe en día non imos ó muíño, nin a esfolla-lo millo e temos luz eléctrica incluso nos cemiterios.

-Fai cincuenta anos iamos busca-la auga á fonte en sellas ou en caldeiros para o consumo humano e tamén para o gando; hoxe en día abrimos a billa e sae auga corrente por “arte de maxia”.

-Fai cincuenta anos bañabámonos de vez en cando nunha tina de zinc; hoxe en día duchámonos ou bañámonos polo menos unha vez ó día.

-Fai cincuenta anos íamos a pé ás festas, ás feiras, ás romarias e a onde fixera falta: hoxe en día collemos o coche para ir á casa do veciño.

-Fai cincuenta anos, poucos nenos asistían asiduamente á escola porque eran utilizados polas familias para os labores agrícolas; hoxe van á escola obrigatoriamente ata os dezaseis anos e logo aínda continúan ben na rama universitária ou na formación profesional.

-Fai cincuenta anos eran poucas as persoas que conseguían sacar o certificado de estudios primários no médio rural galego; hoxe en día, a inmensa maioria.

-Fai cincuenta anos, trasladábamos por corredoiras cheas de lama e por carreiros para ir dun sitio a outro; hoxe en día temos pistas asfaltadas e encontrar unha corredoira ou un carreiro, xa parece unha viaxe ó pasado.

-Fai cincuenta anos non había un coche no medio rural; hoxe en día poucas casas están sen el cando non hai varios en cada casa.

-Fai cincuenta anos, poñíase loito riguroso polo menos dous anos cando falecía un membro próximo da familia. Incluso os nenos levaban unha franxa negra na manga da chaqueta. Hoxe en día practicamente non se pon loito por ninguén. Aínda queda alguén que garda os prazos, pero nada máis.

-Fai cincuenta anos as mulleres levaban veo negro para entrar na igrexa e para comulgar había que estar en xexún desde as doce da noite do día anterior; hoxe en día os veos son unha reliquia do pasado que se conservan nos museos e o xexún para comulgar, xa non é obrigatorio.

-Fai cincuenta anos os curas levaban sotana e tonsura; hoxe en día quedan algunhas sotanas para certos actos especiais (cando ven o bispo) e a tonsura xa desapareceu.

- Fai cincuenta anos, a mestra e o cura eran as forzas vivas dunha aldea; agora as mestras desapareceron coas escolas unitarias e os curas vense os domingo na misa –cando a hai- e nos enterros cando non se procede á incineración..

-Fai cincuenta anos o calzado de diario eran as zocas e tamén os zocos e os zapatos levábanse na man ata chegar cerca da festa, momento no que se escondian as zocas detrás dunha silveira ata a volta. (Supoñendo que estiveran á volta...)

-Fai cincuenta anos, usábanse calcetíns de la de ovella que facían as señoras nas longas noites de inverno, detrás da lareira. Hoxe en día poucas persoas saben calcetar uns calcetíns de la.

-Fai cincuenta anos o caldo era case o prato único na vida cotiá de calquera labrador. Hoxe é un primeiro prato entre outros varios.

-Fai cincuenta anos lavábase a roupa unha vez á semana nos lavadorios improvisados en calquera regato ou nos públicos onde os había.
A roupa branca poñíase a clareo nun arredor ou facíase a bogada con cinsa.
Para secala estendíase en calquera silveira ou valado; hoxe en día unha máquina encárganse deso dando voltas e máis voltas a calquera hora do día ou da noite e outras encárganse de secala.

- Fai cincuenta anos, os nenos levaban pantalón corto ata os quince anos e as nenas botábanse de medias tamén a esa idade; hoxe en día vístense doutra maneira desde que nacen.

-Fai cincuenta anos as mulleres vstían saias ou vestidos e os homes pantalóns. Hoxe en día homes e mulleres visten como queren, maioritariamete con pantalóns.

FAI CINCUENTA ANOS...
FAI CINCUENTA ANOS...
FAI CINCUENTA ANOS...
¿IMAXINÁBAMOS TODOS ESTES E OUTROS MOITOS CAMBIOS DENTRO DE OUTROS CINCUENTA NOS?

Eu nunca me puiden imaxinar a miña evolución tal como foi at o momento actual e tampouco sei o que me deparará o futuro...

¿Vostede, si?

¿Podemos imaxinarnos como vivirán dentro de cincuenta nos?
¡MOITA IMAXINACIÓN FAI FALTA!

Quédolle moi agradecida por terme na súa consideración nesta ocasión e se o considera oportuno pode atoparme aquí o vindeiro xoves.
E se non, moitas grazas de todas formas.
¡Aburiño! ¡Ata a próxima!
Cachaza Platas, Mercedes
Cachaza Platas, Mercedes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES