Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aquelas viñas da Mariña

jueves, 30 de mayo de 2013
Aínda nos últimos tempos, cando nela quedou soa a miña tía Remedios, na casa de Landrove que fora dos meus avós paternos, sempre se fixo viño. Sen dúbida, dada a súa avanzada idade, a miña tía recorría a algún familiar máis novo para que esta tradición permanecese, pero para ela era unha liturxia que ao chegares a visitala puidese ofrecerche un vaso de viño da terra, que así foi como a muller o denominou sempre.

Tiña esa ofrenda máis de rito ancestral que de interese en que comprobases o presente ofrecido pois, de facelo, un detectaba invariabelmente nas papilas a gran acidez de uvas tintas recollidas sen acadar sazón. De uvas que medraban en parra alta e sen coidados para que o sol as azucrase e madurecese. Así e todo, como o viño, malia verde bollente, non era para nada mal sabido, miña tía ideara un rudimentario coupage para o seu aproveitamento consistente en mesturarlle un viño industrial de pouca entidade no aspecto gustativo, pero cos arrestos suficientes canto a azucres e gradación. E debía ter moi ben estudadas as proporcións, porque o certo é que o resultado adoitaba ser incluso sorprendente.

Sen demasiado esforzo fun sabendo que tal tradición familiar non era para nada estraña nunha casa dunha aldea da Mariña e moito menos do concello de Viveiro. Segundo Juan Donapetry, cronista oficial de Viveiro que publica unha historia da vila e o seu concello en 1953, ata mediados do século XIX os grandes recursos de aquela zona eran a manufactura de lenzos finos, citados incluso por Galdós, e o cultivo da vide e a obtención do viño. A segunda metade dese século resulta fatídica para estes dous bastións da economía viveirense, pois a lencería manufacturada non pode resistir a competencia do maquinismo nin a incursión dos tecidos de fío e algodón e o viño vese afectado no 1852 por unha praga de oidium que nun prazo de dous anos fai que a vide desapareza por completo da comarca.

Pero de que tivo grande importancia para Viveiro o viño ata a súa desaparición queda constancia en escritos de diferentes séculos con ordenanzas para a súa protección e o antes citado Donapetry apunta que xa no século XIII en Viveiro acadara tan grande prosperidade este cultivo, que se chegou a facer exportación del dende o propio porto.

No seu Catastro, realizado un século antes de que o fungo botase todo abaixo, o marqués de la Ensenada dividía a produción de viño na provincia de Lugo en dúas zonas: a Sur, ou sexa, a que hoxe coñecemos como Ribeira Sacra, con algún que outro engadido, como Samos, por exemplo, e a Norte, que comprendía Viveiro, Valadouro, Mondoñedo, Lourenzá, Xove, Foz, Alfoz, Fonsagrada, Navia de Suarna e Becerreá. Hoxe, debido a que tamén houbo pola zona pragas de filoxera nos anos 1892 e 1899, onde aínda queda algo con peso tanxíbel deste pasado viticultor é nos tres montañeses nomes relacionados ao final, se ben con cifras moi baixas.

Pero o caso é que, aínda non podendo competir nin antes do desastre coa zona Sur en rendemento, cómpre dicir que a comarca de Viveiro - que cultivaba viño dende o século XI, mentres o resto da zona non tivo cepas ata o XIV ou o XV – chegaba a ter unha colleita que viña sendo o dez por cento do que producía aquela primitivísima Ribeira Sacra.

Quizais non fose tan mala idea, agora que hai maneira de controlar as pestes e parece non habela de controlar crises, plantar cepas e facer renacer esa produción, porque se o viño xa daquela era exportábel, quizais é que o solo da zona tiña (e seguirá tendo) características propicias para acadar calidade.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES