Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O barullo demagóxico e a "prudencia imprudente"

martes, 28 de mayo de 2013
Estamos nunha sociedade cun gran nivel de intelixencia. Iso non podemos poñelo en dúbida: As novas xeracións están moi ben dotadas. Pero a intelixencia é un instrumento ó que hai que sacarlle notas que dean vida as partituras. E abofé que a veces soan máis as desharmonías; na linguaxe as cacofonías e os barullos. Por iso os debates, salvo excepcións, máis ben parecen poleiros que espazos de diálogo sosegado e reflexivo.

Semellamos ter todos razón, ou razóns, e facemos alarde dela como se fora patrimonio noso. “Dou razóns”, soemos dicir cunha ignorancia supina, porque as razóns só as da a realidade, nosoutros, todo o máis, vámolas descubrindo, non sempre con éxito, e ofrecemos as que cremos ter. Si, se non houbera homes e mulleres non habería verdades e non aflorarían as razóns; pero a realidade seguiría téndoas, por iso adoitamos falar da “razón das cousas”.

Estamos, pois, en presenza de dous inimigos da intelixencia: As actitudes barullentas e atribuírnos unhas propiedades que corresponden á realidade, aínda que se reflictan na intelixencia, e non sempre fielmente. Outra cousa son, por suposto, as razóns da nosa realidade persoal en canto tal, que tampouco adoitamos coñecer en demasía. Isto, por ser unha verdade de pé de banco, é a que menos temos presente e ímonos por outro camiño, vítimas do acollemento popular, é dicir, adoptamos actitudes demagóxicas, que dan moito zume nas confrontacións políticas e ideolóxicas. E tamén as señardades meten baza aquí.

Parece que o Sr. Aznar, fai anos presidente do goberno de España e hoxe nun certo desequilibrio xubilar, non é alleo ó barullo nin perdeu a teima de dar razóns. Eu supoñía que as persoas que outearon dende as alturas e aceptaron responsabilidades correlativas a esa posición, estaban dotadas dun certo grado de cordura. Sen embargo, estas últimas declaracións, que espertaron tanto interese nos medios, de tan diversos matices, e son continuación doutras, corresponden a unha persoa bastante vulgar, cunha visión estreita da realidade e un empacho de autosuficiencia e absoluta carencia de autocrítica, que lle esvaece a realidade da súa etapa de presidente; que máis que brillante foi afortunada, na miña modesta opinión.

E non afirmamos que o que dixo non fora acertado. O que non foi acertado foi o momento, nin o lugar. Evidentemente, o que menos pretendeu, polo tanto, foi favorecer a España. Por qué non lle aconsella a Sra. Alcaldesa de Madrid que baixe os impostos para saldar a descomunal débeda que ten o concello?. Contradición...?. Claro!.

A “visión estreita da realidade” refírese á inoportunidade de algo que dixo, precisamente nunha situación en que o actual Presidente do Goberno está apremado por tantos e tan diversos problemas, moitos dos cales foron incoados polo mesmo señor Aznar, xustamente cando España “ía ben”, e se queren, incluso “impoñendo” o seu sucesor. Acaso non sabe que o contexto socio-económico é moi outro?. El que faría nestas circunstancias, baixar os impostos?. Non o dubido, ... aos que máis teñen, claro.

Adelgazar as estruturas administrativas e gobernativas?. Pois...perdeu unha ocasión de ouro.

Non, o que fixo foi abrazar con entusiasmo o neoliberalismo de Ronald Reagan e Margaret Thatcher, cun evidente descoñecemento das causas e consecuencias; pero aceptando as “razóns que lle daban eles”, implicitamente, cando menos, e obviando as da fonte verdadeira: as dunha realidade que describe moi ben Tony Judt en “Algo va mal”, no que comenta “cómo se pasou do consenso da postguerra ao actual modelo”. Lembremos que a “caída da taxa de beneficio tras a crise do petróleo foi amortizada principalmente polo mundo do capital”, como din Muñoz Negro e L.Sequeiros nun recente traballo.

Mais este “mundo do capital” non perdeu o tempo e recuperou a taxa de beneficio ao mesmo tempo que aproveitou para facerse co poder e desenrolar políticas neoliberais, empezando por eliminar a LEY GLASS-STEAGEL de Roosevelt, relativa a separación da banca de inversión da banca tradicional. Aquí tivo o seu orto o capitalismo financeiro, porque comezaron a crearse as condicións propicias para iso. Desta maneira substituíuse o Capitalismo do Estado de Benestar, primando o centralismo do mercado, algo que explican moi ben os autores citados máis enriba: Pasou así o mercado a ser a “medida de todas as cousas”. “A economía – din – xa non é unha maneira de solucionar os problemas materiais da colectividade senón que empeza a converterse nunha ciencia ao servizo do propio proceso produtivo”.

Pois ben, o señor Aznar navegou moi agradecido ao sol da apoteose do capitalismo financeiro, con evidente aceptación do monetarismo, da desregulación, da privatización, da diminución do gasto público..., e estivo sempre pendente de “tranquilizar os mercados e de darlles confianza”. E neste contexto, que foi o seu, creáronse novos produtos especulativos e as famosas burbullas.

Como dicía nun artigo, España púxose bébeda de éxito, configurouse unha sociedade de novos ricos: “consumista, hedonista e exhibicionista”. E como “ao noso gasto privado deixábaselle superar a capacidade produtiva, houbo que recorrer ao endebedamento”. Isto foi o que deixou o Sr. Presidente da “España marcha ben”, e tan satisfeito que ata non reparou en facer exhibicionismo familiar na consabida voda no Escorial. Non faltaría máis...,ben o merecía!. E o Sr. Zapatero, coa súa política errante, de ensaios desafortunados e tamén de chufas inoportunas e dunha ignorancia supina, todo acompañado de decisións demagóxicas, completou a faena.

Os neurocientíficos fálannos do inconsciente cognitivo, unha especie de almacén de imaxes cerebrais distribuídas no mapa encefálico, que a conciencia se encarga de ir depositando alí para que o inconsciente faga uso delas sen decatarse ela, evitando así ateigala en demasía. O músico, por exemplo, que manexa un instrumento musical non necesita ser consciente dos movementos dos seus dedos e isto aforra un valioso esforzo consciente. No caso do señor Aznar non parece que a conciencia fixera os “depósitos” adecuados, e agora é vítima do seu propio inconsciente.

A “prudencia imprudente” do Sr. Rajoy, pola outra banda, deixa a caixa sen resonancia e, como é habitual nel, “non sabe, non contesta”. Pero ocórrelle igual con respecto á cidadanía, que tampouco “non sabe, non quere ou practica a displicencia”, unha actitude que pode ser axeitada nun anacoreta; pero é impropia dun político de talla, que, por verse obrigado a non cumprir as promesas electorais, debería prodigarse en contestacións aos cidadáns, que foron os que o votaron.

Sen dúbida, se este respectable señor informara máis, e o outro baduara menos e reflexionara máis, estarían ambos mellor situados nas estatísticas da coherencia e terían unha razoable cualificación de homes de estado: o país non se sentiría tan defraudado e agradeceríao.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES