Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Raigame

viernes, 17 de mayo de 2013
A romaría etnográfica Raigame chega á súa XII edición neste 2013. Celébrase de xeito ininterrumpido dende o ano 2002 cada 17 de maio en Vilanova dos Infantes, certando coa conmemoración do Dia das Letras Galegas. O Concello de Celanova e, nomeadamente, o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo (dependente da Deputación de Ourense) son os responsables da organización, que conta coa colaboración de toda a veciñanza do lugar.

Vilanova dos Infantes é un burgo medieval que permanece no tempo e na historia das terras de Celanova, espazo para recoñecer a cultura, o valor dos saberes prácticos da comarca e da nosa terra. A torre da homenaxe fai de testemuña privilexiada das moreas de visitantes que desfrutan da romaría, identificándose a si mesmos, na orixe do noso coñecemento, na permanencia da sabiduría popular como fonte de auga non contaminada pola cobiza e a obscenidade mercantilista que tanto rexeitamos. As rúas e prazas vístense de festa para acoller aos artesáns traballando ao vivo. As mostras e mercados están distribuidas por gremios: cesteiros na Praza do Recreo, oleiros na Praza do Balcón ou zoqueiros e carpinteiros na Praza da Torre. As actuacións dos grupos de baile e danza tradicionais son continuas dende as 11h. ata o remate ás 19h. na Praza Maior, Praza do Arrabaldo, Praza Tralacerca, Praza do Castelo e Rúa da Igrexa. A ambientación polas rúas é permanente con diferentes representacións teatrais e musicais. Persoas de vilas e cidades, cercanas e lonxanas, comparten os sons melodiosos da nosa cultura durante esta xornada.

A cultura, confundida vulgarmente coa creación artística, coas belas artes, exclusiva de sectores concretos da sociedade, vai moito mais alá. A antropoloxía recoñece a definición feita por E.B. Tylor no 1871, pioneiro no uso desta palabra, como “todo ese complexo que integra saber, crenza, arte, moral, lei, costume e calquera outra capacidade ou habilidade adquirida por unha persoa como membro dunha sociedade”. Falamos da identidade colectiva, das semellanzas que amosan os humanos na súa necesidade de integrarse nun grupo social. A romaría etnográfica Raigame reúne todos os elementos recollidos na definición de Tylor. As prácticas materiais e as representacións mentais da realidade están forxadas nas experiencias vividas de xeración en xeración, dando resposta ás necesidades emocionais das persoas e permitindo a supervivencia grupal. Todo esto nun proceso permanente de mestizaxe e intercambio cultural. Porque a cultura está na xente, nas casas, nas cantinas, nas prazas, no baile, nas conversas, nos obradoiros, nos muros, nas escolas, nas aldeas, nas vilas, nas cidades, é dicir, na espontaneidade e na virtuosidade individual como froito da herdanza recibida.

O 17 de maio podemos encontrar en Vilanova diferentes oficios rurais e urbanos, representados por persoas que o fixeron dende sempre ou que se achegaron a el en tempos recentes como medio de vida. A producción está condicionada polas modas no consumo, e, na actualidade, é a industria quen fai menguar a importancia da artesanía. Aínda así, o valor simbólico e o significado emocional que as actividades tradicionais teñen para tantas persoas é visible na romaría da que estamos a falar, nunha especie de saudade comunitaria.

A clasificación feita en “Etnografía: cultura material” por Xaquín Lorenzo para a obra “Historia de Galiza” dirixida por Ramón Otero Pedrayo, logo recollida nunha edición do ano 1983 co título de “Os oficios” (Ed. Galaxia), foi sen dúbida un referente para os organizadores do evento. O antropólogo Xosé Antonio Fidalgo Santamariña, a quen nesta edición se lle concedeu a título póstumo o Premio Honorífico Xan de Barros, que todos os anos é otorgado a persoas ou institucións de especial relevancia para a etnografía galega, fixo un novo inventario dos saberes tradicionais que recibiu o premio Xesús Taboada Chivite no 1998. Podemos consultala no libro “Os saberes tradicionais dos galegos” (Ed. Galaxia) publicada no 2001. Diferencia en: “vellos saberes e habilidades da pedra, arxilia e outros minerais: pedreiros, canteiros e picapedreiros; telleiros, retelladores e alfareiros; caleiros, mineiros e acibecheiros. Saberes e habilidades sobre a madeira e materiais vexetais: serrachíns e carpinteiros tradicionais; fragueiros cubriros, zoqueiros e torneiros; cesteiros, selleiros, teitadores e carboeiros. Os saberes e habilidades sobre o ferro e outros metais: ferreiros, ferradores, follateiros, zarralleiros, paragüeiros e afiadores; caldeireiros, picheleiros e campaneiros; broncistas, prateiros e reloxeiros. Os saberes e habilidades sobre as peles e os coiros: curtidores; zapateiros, solaterios e albardeiros; galocheiros ou chanqueiros. Os saberes ou habilidades sobre os materiais ou as fibras téxtiles: fiandeiras e tecedeiras; palilleiras, bordadoras e brosladores; costureiras, xastres, veleiras e redeiras. Os saberes e habilidades relacionadas co sector do comercio e servizos: rifantes, mulateiros, marrancheiros, ovelleiros e tosquiadores; xamoneiros, rianxeiras, leiteiras e queixeiras; panadeiros, rosquilleiros, barquilleiros e castañeiras; meleiros, cereiros, chocolateiros e cafeteiros; carreteiros, arrieiros e seitureiros; criados, xornaleiros, criadas, amas de cría, lavandeiras e xaboeiros; capadores, matachíns e alambiqueiros; barqueiros, muiñeiros e aguadores; quincalleiros, peneireiros, cordeiros e milmañas. Os saberes e habilidades relacionadas coa reproducción da cultura popular: xograres, trobadores, cegos e gaiteiros; escolantes, escribáns picapleitos e caciques; compoñedores, sacamoas, menciñeiros e sabias; sacristáns, carpideiras, cartuxeiras e bruxas”.

Moitos dos oficios citados desapareceran ou foran substituidos, pero outros aínda resisten. Eis a maxia da apaixoante visita a Vilanova dos Infantes o 17 de Maio. A música fai que a experiencia sexa inesquecible e, posiblemente, a mellor de todas cantas podemos desfrutar nas celebracións festivas desta terra. O valor etnográfico da romaría reside, precisamente, no respecto aos estudos feitos por Xaquín Lorenzo e Fidalgo Santamariña, entre outros que non citamos neste texto, e a rigurosidade coas descripcións dadas por estes autores.

O esforzo e dedicación de quenes a fan posible terá sempre o noso recoñecemento e infinito agradecemento. Por moitos anos.
Viana, Xavier
Viana, Xavier


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES