Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O son do carro

miércoles, 01 de mayo de 2013
Sendo un apaixonado de Manuel María hai unha canción que un ten que cantar, ou polo menos asubiar, unha vez ao ano: “O Carro”. Os que lembramos ao poeta cada 8 de Setembro con motivo do seu cabodano no cemiterio vello de Outeiro de Rei, sabemos o que é cantar “O Carro” en irmandade, sentindo no peito cada verba pronunciada no compás das guitarras de Mini e Mero.

“O Carro” significa moito para os amantes de Manuel María; pero sen dúbida é unha cantiga que transcendeu tanto ao propio poeta como ao autor da música, Mero, e moitas veces cántase pensando nela como unha cantiga máis da cultura popular galega. Atopámonos de novo no caso que mencionamos días atrás ao falar da “Cantiga” de Curros Enríquez: un poema de autor, con música tamén de autor, que pasa a formar parte do cancioneiro popular galego.

“O Carro” inclúese no poemario “Terra Chᔠque 1954 publica Manuel María. O “Terra Chᔠé unha auténtica enciclopedia sobre o mundo rural galego. Manuel María reflexiona en breves poemas sobre os apeiros agrícolas o calendario labrego, os lugares da súa comarca e matría, as romaxes, a proxección das estacións sobre a terra da Terra Chá, a xente da Terra Chá, os escritores da Terra Chá... a través da poesía, o autor debuxa unha visión absolutamente poliédrica da súa comarca, cantando unha cultura que pouco a pouco vai esmorecendo, pero nela fican as nosas raigames máis fondas.

No caso de “O Carro” débese recordar a profunda simboloxía e o transfondo social que garda unha letra chea de ledicia e ritmo: o carro era o medio de transporte que traía “a colleita pra casa”, como di Manuel María; polo tanto o seu son significa fartura para unha familia labrega. Por iso o canto de “O Carro” é saudade desfeita en rechouchío de ledicia no ar; porque cando o carro canta, canta a ventura do porvir, como un paso decisivo cara un benestar que sempre deixou a Penélope ás portas da fartura.

“O Carro” esperta nos galegos o sentimento de pobo, é un dos múltiples exemplos do noso xenio creador, e no seo da parroquia era tamén sinal de identidade, xa que cada veciño imprimía ao seu carro un ”cantar” que o definía e o caracterizaba de xeito único e inconfundible.

A min gústame encadrar o carro dentro do proceso do pan, xa que con el facíase o tránsito da sega á aira, da aira ao muíño e do muíño á casa onde era amasada a fariña con mans labregas e enfornado o pan para a súa elaboración final. O carro e a vaca (que é o animal a quen máis lle debemos os galegos, como deixou dito Castelao) eran o sustento de toda aquela economía de subsistencia na que viviron os nosos antergos.

Cantar hoxe “O Carro” significa facerse consciente de onde vimos, significa vibrar de emocións nas cordas dunha guitarra na que Mini e Mero debuxan un valse perfecto. Cada 8 de Setembro “O Carro” canta na miña alma cando entro no cemiterio vello de Outeiro de Rei ao compás da música e da verba proclamada en voces colectivas unidas na irmandade do amor a Manuel María. Este amor é o da identidade compartida, que enche “O Carro” de ledicias e apertas de amizade que xiran cara o porvir. Porque saber de onde vimos non significa negar o progreso, senón querer acceder a ese progreso coa identidade cultural que nos é propia. Por iso cada 8 de Setembro seguiremos anegando A Chá nun valse infindo co son de “O Carro” nos beizos.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES