Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O prezo do ouro

viernes, 26 de abril de 2013
O PREZO DO OURO

Como pode ver calquera paseando polas nosas cidades e vilas, inzan os estabelecementos que compran ouro e oferecen a mellor taxación para quen se teña que desprender de xoias, alfaias ou obxectos que porten este metal precioso. A ninguén se oculta que tal sobredemanda ten a ver cunha circunstancia forzosa e lamentábel: ter que se desfacer, venda mediante, deles por mor de obter algún ingreso preciso neste ermo laboral que padecemos.

É ben sabido que, en moitos casos, por riba do seu estrito valor material, prima un valor afectivo, sentimental, unido á memoria ou á herdanza do vendedor ou vendedora destes tempos. En se divulgando estafas, infraprezo, uso de maquinaria trucada etc., as autoridades apresuráronse a asegurar a vixilancia sobre estas prácticas vantaxistas e a non as permitir, para garantir os dereitos dos utentes e impedir que elementos desalmados e fraudulentos se aproveitasen dunha apurada situación económica dos vendedores.

O prezo deste ouro médese-pésase por miligramos. O prezo do ouro outro a que me vou referir é elefantiásico: médese en destrución de recursos naturais; contaminación atroz de ríos e terras; perdurabilidade de toda a polución inducida; perigo certo para vidas e facendas. E, por contra, nesta macroameaza, o goberno galego olla para outro lado e non move un dedo para impedir semellante atentado mortal. Estou a falar, claro está, do proxecto de mina aurífera en Corcoesto, a proba máis clara e flagrante dun dominio colonial reservado á Galiza, nunha das súas terras, a de Bergantiños, máis férteis en todos os sentidos (riqueza natural, capacidade económica, profusión artística singular). Dígase un só lugar de todo o continente europeu onde se permita, nos tempos de hoxe, a explotación dunha mina a ceo aberto. Dígase un só lugar onde se prevexa utilizar unha tonelaxe de cianuro tal que asegure o veleno e transmisión tóxica para miles de persoas e a destrución programada dos recursos naturais e económicos que pertencen aos habitantes destes lugares e, por extensión, a todos os galegos e galegas.

Non abondou con arruinar a Ría de Pontevedra coa instalación e funcionamento da celulosa. Non abonda coa vergoña de padecer as nosas rías convertidas en esgotos. Seica non tivemos bastante coa choiva ácida con efeitos mortíferos ben repartidos por todo o país. Non é suficiente chorar a contemplación de tantos e tantos ríos acugulados de porcaría, con mortandade incluída de miles de peixes. Non basta ter que aturar vertedoiros incontrolados e outros millenta focos de polución, morte e insalubridade. Non. Cómpre arredondar o servilismo e a subordinación da Galiza -que o goberno autonómico tan ben practica- dobrando o xoello diante dunha multinacional como a que visa abrir a mina de Corcoesto, mentindo, comprando vontades, falseando datos, oferecendo uns postos de traballo envelenados desde o primeiro minuto.

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños leva meses pronunciándose cunha dignidade e perseveranza exemplares. Miles e miles de persoas teñen acompañado as manifestacións convocadas. ¿Que máis precisa a Xunta de Galiza para ter un mínimo xesto de dignidade política e prohibir rotundamente tal proxecto? ¿Ha de ser a Galiza, máis unha vez, pasto da voracidade capitalista transnacional e obxecto de destrución?

Voces moito máis sabidas e expertas do que a miña xa se teñen pronunciado ao respeito con toda a competencia de informes científicos ben documentados. Non consintamos máis un tributo ao prezo do ouro!
García Negro, María Pilar
García Negro, María Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES