Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Impunidade en Guantánamo

martes, 16 de abril de 2013
EUA pode violar os dereitos humanos

Visiblemente fóra da atención informativa e política internacional, a persistencia dunha rebelión de presos no penal de Guantánamo (Cuba), en curso dende febreiro pasado, resultado tanto das penosas condicións
humanas establecidas dentro deste cárcere como pola frustración suscitada polo incumprimento do seu peche, promesa electoral realizada en 2008 polo presidente estadounidense Barack Obama certifica a vixencia
da tristemente célebre “doutrina Bush” enmarcada na ilegal loita antiterrorista impulsada por Washington, un legado que evidencia toda unha longa serie de violacións dos dereitos humanos e das convencións internacionais.

Aínda que desde 2008, ano da vitoria electoral de Obama, non se enviaron máis presos a Guantánamo, actualmente permanecen alí uns 160 reclusos.

Desde que en 2001 se aplicara a doutrina da seguridade nacional antiterrorista instaurada polo ex presidente George W. Bush, colocando a esta base militar estadounidense como o principal centro de detención, tortura e illamento de presuntos “terroristas”, aproximadamente uns 800 detidos foron trasladados a este penal, con idades comprendidas entre 13 e 80 anos, rexistrando 9 mortes entre 2003 e 2012, a maioría por suicidio.

Dende entón, foron liberados 176 reclusos. Deste modo, Guantánamo converteuse nese tristemente célebre símbolo da loita antiterrorista levada a cabo por Washington, ampliada cara outros centros de detención e tortura como Abu Graib (Iraq) e Bagram(Afganistán). A súa preservación como símbolo da impunidade igualmente certifica que Washington persiste en violar as leis e tratados internacionais, principalmente a Convención de Xenebra de 1949, mantendo unha base militar en territorio estranxeiro (Cuba) onde se comenten torturas e violacións dos dereitos humanos.
Ademais da rebelión de reclusos, a actualidade de Guantánamo ven precedida pola conmemoración dos dez anos da ilegal e ilexítima invasión militar de Iraq de marzo de 2003. Paralelamente, Guantánamo cumpre o
seu centenario como base militar e de reclusión de presos: Washington abriuna en 1903. A pesar da promesa electoral, a chegada de Obama á Casa Branca en 2009 non significou o peche de Guantánamo. A súa problemática en materia de dereitos humanos non constitúe motivo algún de preocupación seria en EUA, na ONU, a Unión Europea ou para as principais axencias multinacionais informativas.

A rebelión penal

O pasado 6 de febreiro, un total de 130 dos 160 reclusos actualmente existentes en Guantánamo (Cuba) iniciaron unha folga de fame en protesta polas draconianas condicións de confinamento e de reclusión neste
penal, así como polo incumprimento por parte do goberno de Barack Obama do peche do mesmo, diríase que distante e esquecido para Washington. O pasado 4 de xaneiro, Obama asinou a Lei de Autorización da Defensa Nacional concibida como partida orzamentaria do ano fiscal 2013. Na mesma, prohíbese o traslado de presos de Guantánamo, unha medida coa que Obama foi enfático ao opoñerse e considerando que ten dereito
de veto. Esta decisión, previamente votada na Cámara de Representantes, con maioría do Partido Republicano, e no Senado dominado polo Partido Demócrata, determina que a base militar estadounidense non será
pechada nun futuro inmediato.

O “esquecemento” de Guantánamo por parte de Obama pode explicarse basicamente como unha especie de pacto tácito en forma de concesión realizada cara a oposición republicana en aras de consolidar un pacto de
gobernabilidade e de estabilidade ante a crise económica estadounidense nun contexto de bicefalia fáctica en Washington, cunha presidencia demócrata e un Congreso de maioría republicana. Na pasada campaña electoral estadounidense, nin Obama nin o seu rival Mitt Romney realizaron mención algunha a Guantánamo.

Durante o seu primeiro período presidencial (2009-2013), Obama desviou a atención sobre a súa promesa electoral de pechar Guantánamo, cuestión visiblemente esquecida coa vitoria republicana nas eleccións lexislativas de 2010 e a perspectiva de que o ascenso do Partido Republicano (e presumiblemente da ultradereita do Tea Party) significara unha tendencia irreversible de cara ás eleccións presidenciais de 2012, igualmente por
mor da crise económica. Pero a reelección presidencial de Obama en novembro pasado igualmente certificou a defunción do “tema Guantánamo” dentro da axenda política estadounidense ante a urxente necesidade de
chegar a pactos políticos de gobernabilidade cos republicanos.

Todas estas variables puideron claramente influír na decisión dos reclusos de Guantánamo de iniciar unha folga de fame escasamente tratada nos medios internacionais, e ante a indiferenza dos gobernos e institucións
internacionais. A protesta dos reclusos de Guantánamo ante a decisión de Obama de asinar a mencionada Lei de Autorización da Defensa Nacional agrava unha crise interna na base estadounidense á vista de que 86 dos
160 presos existentes en Guantánamo foron exculpados de todo cargo.

Cómpre sinalar que 90 deses presos son de nacionalidade iemenita, razón pola que recentemente realizáronse fortes manifestacións de protesta ante a
embaixada estadounidense en Saná, capital de Iemen. Igualmente, un total de 46 presos aínda non foron xulgados por non existir imputacións formais se ben as autoridades estadounidenses decidiron seguir manténdoos no penal de forma indefinida, por consideralos “elementos perigosos”.

Finalmente, seis presos de Guantánamo que serán xulgados proximamente por unha comisión militar foron secuestrados pola CIA noutros países e sometidos a tortura. Pola súa condición de “perigosos”, no xuízo non se terán en conta as denuncias destes presos por detención ilegal e torturas.

Perpetuando a impunidade

Ante a imposibilidade de trasladalos a EUA, Obama atópase nun dilema que se acrecenta á vista de que países aliados de Washington e partícipes da súa estratexia antiterrorista, tanto en Europa, Oriente Próximo e Asia,
néganse a acoller a estes presos.

Paralelamente, a comezos de febreiro, xusto durante o comezo da folga de fame en Guantánamo, a organización Reprieve, encargada de representar os dereitos de medio cento de presos na base militar estadounidense,
informou que o Departamento de Estado clausurou a oficina de
Daniel Fried , funcionario encargado do peche de Guantánamo. Este despacho estaba en funcionamento desde 2009, unha vez Obama asinara a orde de clausurar a prisión. Do mesmo xeito, o Centro de Dereitos Constitucionais de EUA denunciou a comezos de febreiro que os militares estadounidenses “tomaban arbitrariamente medidas enérxicas contra os reclusos en Guantánamo”.

O descrédito de Washington acrecéntase ante as súas intencións de “minimizar” e ata ocultar o alcance da folga de fame e a rebelión dos reclusos. Segundo revelou ao seu avogado o recluso Shaker Aamer
, un dos prisioneiros de orixe saudita, a rebelión foi secundada por
aproximadamente 130 dos 166 presos actualmente existentes, e non “por só 31 presos”, tal como anunciaron o Pentágono e outras autoridades estadounidenses (1).

O impacto da folga de fame provocou unha inmediata visita do Comité Internacional da Cruz Vermella, a fin de verificar o drama humanitario que está alcanzando esta rebelión ante a indiferenza das autoridades estadounidenses e dos seus aliados.

En xaneiro pasado, Amnistía Internacional advertiu da perpetuación temporal de Guantánamo como centro de tortura da estratexia antiterrorista de EUA, pese ás promesas de peche realizadas por Obama en 2009.
Amnistía Internacional denunciou que desde que Washington reabrira este penal en xaneiro de 2002 como centro de reclusión para a loita antiterrorista, un total de 779 persoas foron detidas e recluídas en Guantánamo, a gran maioría sen xuízo nin cargos penais formais,
mentres uns 600 foron transferidos dende Guantánamo a outros países
(2)

Paralelamente, Amnistía Internacional sinalou que 9 detidos morreron baixo custodia estadounidense, sendo o mais recente en setembro de 2012. Sete destas mortes foron por suicidio e dúas por causas aparentemente naturais. Así mesmo, un total de 12 dos detidos tiñan
menos de 18 anos cando foron recluídos.(3)

Este clima de impunidade xudicial agrávase ante o estancamento e paralización das investigacións relativas á implicación de diversos gobernos e a violación da legalidade internacional tralos controvertidos voos ilegais da CIA, especialmente en países inseridos na estratexia
antiterrorista impulsada por Bush, como son os casos de España, Italia, Paquistán, Exipto ou Turquía, entre outros.

Fonte:
http://www.ikimap.com/map/guantanamo-cuba-eeuu-0

Fonte:
Principais países de procedencia dos presos de Guantánamo desde 2003, con especial preponderancia de cidadáns de Afganistán,
Paquistán, Sudán, Arabia Saudita, Libia, Marrocos, Iraq e Irán. Na actualidade, practicamente a metade dos 166 reclusos.

(1) “Washington miente. El drama de Guantánamo es mucho
mayor”, Cubadebate, 2 de abril de 2013. Ver en:http://www.cuba
debate.cu/noticias/2013/04/02/washington-miente-el-drama-de-
guantanamo-es-mucho-mayor/s proveñen de Iemen.
http://www.ikimap.com/map/guantanamo-cuba-eeuu-1.

2) “Guantánamo. 11 años en cifras”, Amnistía Internacional, Sección Española, 11 de xaneiro de 2013. Ver en: http://www.es.amnesty.
org/paises/estados-unidos/seguridad-con-derechos-humanos/guantanamo/
3) Ibid.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES