Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un papa para renovar a fondo a Igrexa?

viernes, 12 de abril de 2013
A chegada de un novo papa ocupou en días pasados aos medios de comunicación de todo o mundo, coma ocorreu sempre desde que existen, ou mesmo máis. É evidente que tanto da banda da xente cristiá e relixiosa, como da que non o é, semella non ser indiferente quen ocupe ese posto. O papa é un símbolo para ben ou para mal; un dos poucos que quedan na sociedade do século XXI, xunto co Dalai Lama e algún máis. Estamos en tempos de desesperanza e este home chegado da Arxentina semella traela.
Jorge Mario Bergoglio escolleu un nome orixinal e significativo: Francisco; e fíxoo polo poverello de Asís, o Francesco radical e ecoloxista. Máis aínda, un Francesco que recibe no seu encontro co Cristo crucificado da capela de San Damiano, a encomenda de renovar e cambiar a fondo a Igrexa: “Francisco, vai e restaura a miña casa, que está en ruínas”. Francisco tomou ao pe da letra estas verbas e reconstruíu a igrexa da Porciúncula, en Asís; pero logo decatouse de que esa restauración debería ser máis ca iso: a restauración espiritual da Igrexa. Entón comezou o seu movemento de renovación da Igrexa. Será esta a intención do Papa Francisco? Os seus primeiros signos semellan ir por aí: facer unha igrexa fora dos pazos e dos símbolos del poder, nun compromiso coa liberación dos oprimidos. Non é de estrañar que o chamaran “o novo Xoán XXIII”. Oxalá sexa así; os seus feitos o dirán.

O coñecido teólogo brasileiro progresista Leonardo Boff escribiu: “Por qué o cardeal Bergoglio elixiu o nome de Francisco? Creo que foi porque se deu de conta de que a Igrexa está en ruínas... Francisco non é un nome, é un proxecto de Igrexa, pobre, sinxela, evanxélica e desprovista de todo poder. Unha Igrexa que anda polos camiños a carón dos últimos, que crea as primeiras comunidades de irmáns que rezan baixo as árbores cos paxariños. Unha Igrexa ecolóxica que chama a todos os seres coas palabras de «irmáns e irmás»”. Foi o seu programa ante os poderosos o pasado 19 de Marzo.

Un novenario para coñecer ao Papa Francisco

Quen é este papa que veu de ultramar? Seguindo o xeito do meu mestre Panikkar, quero expresalo cun “novenario”, nove afirmacións rápidas que poden identificalo:

1º. Un Papa latinoamericano, ponte entre América e Europa. Bergoglio naceu na Arxentina de pais emigrantes italianos. É o primeiro papa non europeo, que veu da periferia, pero ten as súas raíces en Europa. Isto posibilítao para ser unha ponte excepcional; oxalá tamén con Oriente.

2º. Un home popular, sinxelo, e… con cara de boa persoa. Presentouse non coma un rei, co manto de púrpura habitual dos papas, senón só coa sotana branca; e sen cruz de ouro, senón co seu pectoral de prata ennegrecida. As súas primeiras verbas non foron as típicas grandilocuentes deles; foron sinxelas, como as que diría calquera: “Boas tardes irmáns e irmás” (as mulleres non son invisibles). E, antes de bendicir á xente, como posuidor do poder de Deus, pide que a xente o bendiga a el e baixa a cabeza para recibir a súa benzón. Isto preséntao coma un papa pastor, párroco, máis que xestor.

3º. Un home de ciencia e de fe. É Licenciado en Ciencias Químicas, e tamén estudou Humanidades nun centro laico; por tanto, ten unha formación científica, ademais de teolóxica. E semella ser un home
profundamente relixioso, orante, devoto…

4º. O primeiro papa xesuíta. Ven da Compañía de Xesús; unha orden historicamente perseguida e, sobre todo no s. XX, polos sectores máis ultras polo seu compromiso coa teoloxía da liberación. Isto para moitos é garantía de que pode facer algo bo.

5º. Falouse do seu pasado con momentos escuros. Na véspera do conclave, os cardeais recibiron correos sobre a suposta colaboración de Bergoglio coa ditadura de Videla, cando era arcebispo de Buenos Aires. A xustiza citouno logo para testificar sobre a desaparición de dous xesuítas torturados na ESMA (Franz Jalics e Orlando Yorio). El dixo que fixera todo o posible para que Videla os soltara. Na súa defensa interveu, entre outros, o Nóbel Pérez Esquivel: “Houbo bispos cómplices da ditadura, pero Bergoglio non foi un deles”.

6º. Conservador (senón non seria primado e cardeal)... ma non troppo. Como arcebispo de Buenos Aires, tivo grandes enfrontamentos cos Kirchner, sobre todo coa presidenta Cristina, pola lei de matrimonios homosexuais; pero os sectores máis conservadores tacharon a súa posición de tibia, porque propuña a unión civil entre homosexuais como alternativa ao matrimonio. Distante do Opus Dei, dos Legionarios de Cristo, etc. apostou por unha igrexa vertebrada nas parroquias e reforzou a presenza de “curas villeros” nos barrios de chabolas, e criticou aos que se negaban a bautizar aos fillos de nais solteiras. Non é de estrañar que un coñecido blogueiro católico ultra, Fernández de la Cigoña, o cualificara días antes de ser elixido coma un home “de mirada torva, conducta cobarde y propósitos dudosísimos. Si alguno nos lo presentan como el nuevo Papa deseable. ¡Qué Dios salve a su Iglesia!”.

7º. Tenrura e bondade, pero dureza contra a pobreza. Unha das loitas constantes do actual papa Francisco foi denunciar a pobreza. Chegou a denominar Buenos Aires como “unha fábrica de escravos e unha picadora de carne”, en alusión á trata de persoas. Oxalá teña man firme e valente para as reformas urxentes que debe facer na Igrexa.

8º. Man aberta a outras relixións. Bergoglio foi o primeiro representante católico que visitou a sede da Asociación Israelita Argentina. E participou en diálogos interreligiosos con musulmáns e irmás de outras relixións…

9º. E... tamén sabe escribir. A pesar de non chegar á exuberancia literaria de Ratzinger, Bergoglio é autor de varios libros (Meditaciones para religiosos 1982, Reflexiones sobre la vida apostólica 1986, Reflexiones de esperanza 1992…) e co-autor de Sobre el Cielo y la Tierra, escrito co rabino Abraham Skorka e outros autores, insistindo na idea de aliar relixións). Esperemos que nos regale algunha boa encíclica.

Que queremos do novo papa?
Finalmente, de maneira telegráfica, que quero e que queremos moitos do novo papa:

- Que faga realidade na Igrexa a opción polas persoas que viven na pobreza; que se poña do lado dos que sofren e se enfronte aos que causan ese sufrimento. E que o faga con coherencia, comprometéndose coa xustiza e renunciando ás riquezas e privilexios.

- Que abra a Igrexa aos novos tempos. Integrando en igualdade ás mulleres en todos os estamentos; particularmente no sacerdocio. Incorporando plenamente aos curas casados, abolindo a obrigatoriedade do celibato. E que escoite e incorpore aos leigos en postos de responsabilidade na Igrexa.

- Que loite contra as intrigas, conspiracións e intereses no Vaticano, froito da sede de poder e de riqueza. E que teña coraxe para cambiar radicalmente a curia, facéndoa transparente e democrática; particularmente na xestión dos diñeiros do Vaticano (IOR).

- Que impulse un avance na colexialidade e na democratización dos órganos e cargos eclesiais, para ter unha Igrexa na que todos y todas nos sintamos escoitados e unidos.

- Que incorpore de novo a reflexión e a opinión de tantos teólogos marxinados e tanta xente valiosa excluída por non pensar coma os xerarcas.

- Que traballe con sinceridade pola unión das igrexas cristiás, e pola apertura real da Igrexa a todas as demais relixións.

- Que loite polo verdadeiramente importante na Igrexa: o Reino de Deus; ou sexa, a felicidade das persoas. Que a Igrexa se abra plenamente aos divorciados, aos homosexuais… a unha sexualidade maduramente e libremente vivida.
Pérez Prieto, Victorino
Pérez Prieto, Victorino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES