Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cinco instantes dunha vida

miércoles, 10 de abril de 2013
“Son lo que son: simplemente unas fotos”. Así se explicou Núñez Feijóo hai uns días cando foron publicadas unha imaxes de 1995 nas que aparece fotografiado, en diversos momentos e situacións, á beira de Marcial Dorado, famoso delincuente que agora cumple condena por narcotráfico.

Acerta. Non son máis que fotos. Pero a fotografía, que comezou como un oficio artesanal hai máis de cento cincuenta anos, converteuse nun dos medios principais para documentar a nosa vida colectiva a persoal. A historia de España no século XX está relatada nas imaxes captadas por Publio López Mondéjar. As fotografías de Manuel Ferrol e Virxilio Vieitez reflexan con fidelidade a historia recente de Galicia. Ahí están, fixadas para sempre, as vidas dos nosos pais e os nosos avós. Non sería doado comprender o drama da emigración sen as imaxes que eles souberon capturar.

As fotos persoais teñen tamén un grande valor documental. Agora, coas cámaras dixitais e os móbiles, é moi doado deixarse retratar. Pero ata hai ben pouco a xente só facía fotos nos momentos importantes da vida: nos bautizos, nas bodas, nas festas familiares. Había que capturar o instante e fixalo para sempre. Podemos facer un relato das nosas vidas a través desas imaxes: o grupo familiar, as amizades, as viaxes, as celebracións. Se cadra hai algunha imaxe á que nos gustaría renunciar, mais xa non é posible.

En política é moi importante a imaxe. Os asesores aconsellan aos líderes para que ofrezan sempre o mellor perfil. As aparicións públicas son preparadas como unha montaxe teatral. Mais, con todo, tamén se pode construir o relato dunha traxectoria pública a través das fotografías. Debuxan con bastante exactitude a forma de actuar, a maneira de entender a vida e o exercicio da política. Podemos facer un exercicio práctico con cinco fotografías de Alberto Núñez Feijóo, actual presidente da Xunta.

1.Interino. En 1988, tres anos despois de comezar a traballar como interino na Xunta, presentouse ás eleccións sindicais por Afica (Agrupación de funcionarios interinos e contratados administrativos). Foi delegado sindical ata o ano 1991, cando comezou a súa carreira política, apoiado por Romay Beccaría, que o nomeou secretario xeral da Consellería de Agricultura. Aquel mozo sindicalista de 27 anos (que aparece nunha foto da época con Carlos Negreira e outros compañeiros) organizou folgas e protestas para reclamar “o acceso á función pública de todos os funcionarios interinos e contratados administrativos, asegurando en todo caso a estabilidade no posto de traballo”. En resumo, como xa dixemos noutra ocasión , Núñez Feijóo quería un posto de traballo público entrando pola porta de atrás (sen facer oposicións) e coas mesmas condicións que os traballadores fixos.

Agora, lonxe dos seus tempos reivindicativos, utiliza o poder como presidente da Xunta para aplicar severos recortes na sanidade, na educación e nos servizos sociais, para reducir os salarios e precarizar as condicións de traballo dos funcionarios ao tempo que fomenta o desprestixio dos servizos públicos.

2. Viaxes e festas. En 1995, cando xa era o número dous da Consellería de Sanidade, deixouse fotografiar, en amistosa compañía, a bordo do iate Oratus, propiedade de Marcial Dorado, un coñecido contrabandista que levaba un tren de vida moi por enriba das posibilidades dos seus veciños honrados. O barco foi intervido en 2009 por Aduanas, despois dunha operación por blanqueo de diñeiro, e o seu propietario está no cárcere. Segundo a prensa tamén viaxaron xuntos a Cascais, a Ibiza e a un lugar onde había neve (“Creo que no fuí a Andorra; creo que no, lo que sé es que había nieve, parece ser que eran los Picos de Europa”, dixo en público).

Parece ser que tamén participou en festas no chalé do traficante. Agora xa non viaxan xuntos. Agora o presidente da Xunta vai con frecuencia a Salvador de Bahía (Brasil) onde, segundo afirma, pensa retirarse cando se xubile. Cando se fixeron estas fotos, que agora saen á luz, as nais de Arousa levaban anos loitando contra os delincuentes que vendían a droga que mataba aos seus fillos. Núñez Feijóo, con altas responsabilidades en Sanidade, facía viaxes de lecer cun deles.

3. Os incendios. No verán de 2006 déronse en Galicia unhas condicións extremas de calor e vento que provocaron unha tremenda onda de incendios. O conselleiro Suárez Canal, recén chegado ao posto, pasou moitas noites sen durmir. As brigadas traballaron incansábeis para combater o lume, que saltaba dun lugar noutro como se non fose rematar nunca. Moita xente veu chegar as lapas á beira das súas casas. Vivíronse momentos de angustia. Núñez Feijóo, que daquela estaba na oposición, fixo unha foto na que aparecía, de branco inmaculado, agarrado a unha mangueiriña, simulando atallar o lume. Durante o seu mandato a política forestal non mellorou e recibiu numerosas críticas dos traballadores, dos grupos ecoloxistas e da oposición. En 2010 houbo outra extensa onda de incendios. A Xunta optou pola ocultación de datos e só informaba dos lumes de grandes dimensións, pero non puido ocultar a morte de dous homes nun incendio en Fornelos. Hai un ano houbo un pavoroso incendio nas fragas do Eume e os expertos sinalaron que era consecuencia da falta de planificación da política forestal. Un ano despois nada mudou: as fragas seguen expostas ao mesmo risco de arder. A Xunta ten, polo momento, un grande aliado: a chuvia que non cesa desde hai sete meses. Mais cando veñan a calor e o vento non vai chegar a nada a mangueira.

4. No Vaticano. A primeiros de 2010 Núñez Feijóo visitou ao Papa de Roma. Foi acompañado polo arzobispo de Santiago e pola súa suposta compañeira sentimental, a xornalista Carmen “Chiny” Gámir. O visitante deixou facer numerosas fotografías do momento. En moitas delas aparece “Chiny” cunha cruz sobre o peito. Na actualidade xa non hai tal relación; a parella rompeu e ela vive en Madrid, onde exerce como xefa de prensa da secretaria de Estado de Presupostos (Marta Fernández Currás, antes Conselleira de Facenda en Galicia). Neste tempo en que resulta tan difícil atopar traballo non deixa de sorprender que haxa persoas que o consigan con tanta facilidade.

5. Banqueiros. A mediados de 2010 Núñez Feijóo promoveu reunións e encontros cos principais dirixentes das Caixas galegas. Gayoso e Méndez, máximos dirixentes de Caixanova e Caixa Galicia durante décadas, accederon á petición do presidente da Xunta e iniciaron o proceso de fusión. Saíron nas portadas dos xornais co sorriso nos beizos. Todos sabemos o que pasou despois. Novacaixagalicia transformouse en banco, que tivo que ser rescatado con diñeiro público. Galicia quedou sen Caixas de Aforros e sen a súa obra social, os responsables do desastre deixaron os cargos con indemnización multimillonarias, e milleiros de persoas estafadas polo fraude masivo das participacións preferentes recorren Galicia e perden a paciencia reclamando xustiza. O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, considera que este é o maior frande da historia de Galicia e que a grande maioría dos afectados foron enganados polas entidades comercializadoras. Mais agora o presidente non ten tempo para recibir aos afectados.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES