Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O rastro que deixamos

lunes, 08 de abril de 2013
Con motivo dos Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) deste ano celebrados a pasada semana en Santiago de Compostela, tiven a sorte de poder desfrutar das palabras do meu ben querido amigo, o escritor que sigo dende nena, Agustín Fernández Paz.

Como seguro xa saben os lectores destas páxinas, dende a primeira lectura de Cartas de inverno quedei vencellada ao autor vilalbés asentado en Vigo. Así comezou a nosa amizade, por carta. Cando eu tiña once ou doce anos.

Aproveitando a oportunidade de Xerais, que na colección ‘Fóra de Xogo’, convidaba os lectores a poñerse en contacto cos autores daqueles libros xuvenís sobre calquera dúbida ou suxestión. Eu, intrépida, mandeille a primeira misiva, lembro, pedíndolle tamén unha fotografía súa. Poucos días despois tiña na miña casa unha carta fermosa, cunha foto, que gardo na caixa dos tesouros, con imaxes de José Luis Sampedro, Fina Casalderrey, Manuel Rivas, José Luis García Berlanga e pinturas de Yoshiro Tachibana, entre outros persoeiros e curiosidades.

Logo viñeron os correos electrónicos e as conversas telefónicas. E cada vez que á miña caixa do correo chega unha novidade de Agustín a ledicia asolágame, ao amosar que segue aí, ao pé do canón, con tantas cousas por dicir. Grazas, sempre, querido Agustín, polas túas palabras impresas, que fan de cada nova lectura unha arela de esperanza. Lembremos as palabras de José Ángel Valente en El Inocente, cando dicía que ‘el que da una palabra da un don’. Sempre son recibidas como auga de maio! Pois, como ti dis, seguindo a Gianni Rodari, ‘escribimos para cambiar o mundo e cambiar a vida’. Eu podo engadir que ti contribúes de maneira notable.

O último libro do que desfrutei foi precisamente un que recibín meses atrás na miña casa e que o pasado venres 8 de marzo, día da muller, Fernández Paz me dedicou coa súa fermosa caligrafía e en cor violeta, a miña preferida. Refírome ao titulado O rastro que deixamos, unha obra que me gustou especialmente, á marxe das novelas de Agustín, polo que ten de legado e compendio de tantos anos á fronte da lectura e da escritura de libros.

Da lectura deste último libro editado por Xerais, quixera quedar con algunhas citas que me parecen imprescindibles, como lectora apasionada e escritora en pañais. Di Agustín o seguinte: ‘cando escribo no meu cuarto o centro do mundo está encol da miña mesa, o meridiano cero pasa pola cadeira onde estou sentado (…) O centro do mundo está onde eu estou’ (p.135), referíndose ao xeito de ser universal dende o noso lugar (xa que ‘só se pode ser universal desde as propias raíces’) e facendo súa tamén a afirmación de Thomas Mann e Fernando Pessoa ‘a miña patria é a lingua’.

Unha afirmación de Fernández Paz que me deixou un bo sabor no padal é a que reza: ‘todas as persoas vivimos, amamos, soñamos. Somos iguais e somos diferentes. Eu sei que son único e irrepetible, que nunca houbo nin haberá ninguén igual ca min. E teño algo que contar, a miña visión subxectiva e persoal do mundo. Pois construímos as historias cos fíos da vida, con que outra cousa senón?’ (pp. 140-141). Totalmente de acordo, como de acordo estou coa que di que a lingua familiar, a lingua da casa está a ser esmagada día a día polo sistema educativo. Fernández Paz, fiel defensor da lingua de Castelao, engade que ‘todos sabemos que as utopías hai que soñalas antes se queremos que algún día cheguen a facerse realidade’. Temos que ter en conta que ‘calquera texto, en el latexa vida, se nace dunha mirada profunda e auténtica, é sempre universal. Tanto ten o lugar onde sucedan os feitos ou a lingua en que foi escrito’ (p. 191).

Poñendo fincapé na idea de que a literatura sempre se fai cos fíos da vida, Fernández Paz lembrou a Álvaro Cunquerio e a Paul Auster, posto que necesitamos as historias como necesitamos beber auga, coma o pan de cada día. Da mesma opinión é Juan José Millás, para quen estamos feitos de pan e de novelas, igual que Pierre Clanché pensa que precisamos as historias coma os soños. Quedemos coa seguinte afirmación, tan certa… ‘Todas as persoas necesitamos das historias, todas temos sede de palabras’ (p. 167). Así, queda na memoria a súa pegada cando di que as boas historias non saben de fonteiras, xa que as persoas lémolas e facémolas nosas ‘guiadas por esa necesidade básica que debe estar inscrita no ADN da humanidade e que, por dicilo coas palabras de Álvaro Cunqueiro, <>’ (pp.191-192).

Grazas por alimentarnos sanamente coas túas verbas. Que veñan moitos banquetes de libros coma este.
Fernández, Ruth
Fernández, Ruth


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES