Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As homilías do Pai Andrés (II)

viernes, 05 de abril de 2013
D A S H O M I L Í A S D O P a i a n d r e s*, 2



21 / 6 / 2009 (2º domingo despois de Pentecostes**)

(Hoxe que comeza o verán, don Andrés recibe o luminoso primeiro sol estival como unha alegoría da Resurección: un sol potente, matinal -inda fresco-; un sol de paz, misericordia e perdón –a televisión sulíña moi oportunamente o solsticio enfocando un sol que pega xa nas columnas de San Frutuoso, coma se Cristo houbéralle outorgado á igrexiña un agarimoso calendario cósmico para o seu uso particular).

Logo, con motivo do episodio da barca zozobrante (que basicamente conmemoramos este domingo), don Andrés fai que nos fixemos en que Cristo, moi cansado, pediu sempre, dende o principio, ir á banda oriental do lago Tiverades. "¿E que se lle perdería alí a Cristo?"-pregúntase don Andrés, moi perplexo-. "Aquilo xa non era propiamente Israel. Alí había, coma agora, estranxeiros de moitas clases: xordanos, sirios, incluso fenicios etc-. Parece coma se Cristo non quixera predicar sempre á mesma xente, ó pobo elixido. Con elo – explica don Andrés- Xesús semella querer significar que o Cristián está sempre chamado a dar testemuño en todas partes, o que, doutra banda, é ademais a forma mais axeitada de coidar dun mesmo".

En canto ó temor a tempestade -e na mesma liña tópica de sempre-, don Andrés inda nos impresiona máis: "Non teñades medo das tempestades, das tentacións, das zozobras, do pecado...Non é das cousas das que temos que asustarnos senón de nosoutros mesmos. Coidade pois da vosa fortaleza".

Don Andrés, sempre pendente dos seus telefregueses, mándalles unha derradeira e tranquilizadora observación: "O Señor ponlle límites á desdita".

E logo se despide: "Ide e pregoar a simpatía . ¡Pasade á outra banda!".


5 / 7 / 2009 (3º domingo después de Penteostés)

(A Igrexa aparecía hoxe atestada. A relativa ubicuidade desta telepalabra trouxo ata aquí a visitantes inesperados, entre eles a uns fieis de Ourense e a un enxebre coro que sustituiu ó noso habitual “Gaudete” -don Andrés acolle a todos agarimosamente-. Coma outros coros de Córcega e Grecia, moi lonxe da circunspección polifónica culta, inda conservan estes o son do berro campesiño, o desolado berro do noso illamento distante, fora do tempo.
.
Don Andrés fainos fixar hoxe, antes de nada, en Ezequiel; nos textos en que di: “O espírito entrou en min e púxome en pe. Así é coma temos que recibir ó espírito –nos di-; non cara o chan, coma soemos, senón ergueitos cara o señor".
"Cando Xesús foi a ensinar ó seu pobo, a Nazaret -continúa-, os nazarenos parecían ollar só para o chan. Máis estrañados que sorprendidos, aducían a familia de Xesús e o seu oficio como argumentos contra unha suposta superchería. Non se daban levantado da súa propia cotidianeidade. Nono esperaban dende ela. Algo semellante ocorre connosco e co Xesús que habita á nosa xente, á nosa familia, ós nosos fillos. Nono esperamos neles, nin nas trifulcas nin nas rutinas, nin nas súas etiquetas -“coñecémolos ben”, pensamos escepticamente-. Pero entón ¿Qué é o que esperamos neles? E inda máis, ¿qué ofrecemos? -sigue don Andrés-.¿Onde está o profeta que sodes?¿Tedes perdido a Deus?".

"Cristo, estrañado de tanta falta de fe, recorreu os pobos de arredor de Nazaret ensinando. As nosas linguas recolleron a situación no refrán “ninguén é profeta na súa terra”, mais todos somos nazarenos e, nestas condicións, nin Xesús pode facer milagres. Só .algunhas curacións ", –remata-.


12 / 7 / 2009 (1-A-36) (4ºdomingo despois de Pentecostes)

(A misa comeza cunhas consideracións previas de don Andrés. As veces nos sitios máis inesperados soa un móbil. "Apagádeo, ¡por favor! ¡apagádeo!" -di con tanto énfasis que algúns fieis incluso botan precipitadamente mao ó bolsillo para estrangular ó díscolo-.

Despois da travesura, don Andrés continua impávido: "Temos chamadas inesperadas, nos lugares máis inconvenientes. Soan os móbiles e dicimos: ¡ah!, ¡alguén me chama!. Pois o Señor é un dos que así chama e hoxe vai falarnos disto. As súas chamadas poden ser as veces tamén inesperadas. Imos pois hoxe a estar atentos a ese xeito especial que Deus ten de chamarnos nos momentos que menos contamos. El está aí, requirindo a nosa atención pero esperando tamén a resposta".

Don Andrés fainos ver moi claramente o que sucedeu entre Amasías e Amós: “mira” -díxolle en resumidas contas Amasías a Amós- “tí non es de aquí, así que vai coas túas profecías a outro lado”. Pero Amós contestou: ”é que eu non son profeta de profesión, a min mandáronme. Eu estaba co meu gando e os meus sicómoros (unha especie de figueiras, aclara don Andrés ) cando o Señor me chamou para que viñese precisamente aquí, ó Sur, de onde eu non son. Para que viñera a dicir algo”.

Don Andrés establece entón unha especie de paralelismo entre este dato bíblico e a encomenda de Xesús ós seus 12 variopintos discípulos -varios pescadores, un recadador de contribucións, un zólote** e non sei cantas cousas máis pero sempre profesionalmente alleos, coma Amós, a toda “profesionalidade” profética -.Don Andrés vai máis lonxe, considera tamén as distintas actividades dos fregueses: amas de casa, fontaneiros, médicos, labregos, comerciantes e o que sexa i entón dí: "Coma no caso de Amós, a todos nós o Señor chámanos e pon a súa palabra no noso corazón para que a digamos cos nosos labios ¿Pero que palabras son estas? Pois, normalmente, son palabras lúcidas, palabras –vamos a quitarlle o acento- lucidas; é dicir, palabras de luz, palabras que axudan a vivir, que quitan escuridade, que dan esperanza, que falan de Deus, que falan de Cristo, que falan de Paz, de Xustiza, de Amor. E, nun mundo coma o noso, onde as veces o que andamos é a coller sitio, a ver quen ten máis, a competir..,. non, non, non complicarse, non loitedes por iso. Loitade polo “tí primeiro”. O que hai que facer e “deixar sitio” e facerlle sitio a Deus, facerlle sitio ó pobre , ó pequeno, ó humilde e, daquela, esa palabra nosa estará construíndo un mundo novo".

"Alí onde esteamos, alí onde vivamos, todos estamos chamados a ser ese profeta que pon palabras de luz na vida das persoas. Hoxe , cando volvades a casa e faledes cos vosos amigos, con vosa familia e tal, e digades algo, vai saír luz da vosa boca ¿A que si?" -conclúe don Andrés cómplicemente, rindo para dentro.

Máis adiante, no correr da misa, don Andrés inda nos dí: "¿Cómo resoará a palabra do señor no que está sufrindo, no triste, no enfermo, no fracasado, no que está so. Porque o señor tamén chama a eses ¿a qué os chamará?. Se cadra, á confianza, a que confíen. Nono sei. Gustaríame sabelo. Saber o que poderíamos dicirlles a esas persoas que sofren tanto. Pero, dende logo, o señor pídenos: “vinde a min tódolos que estades cansos e agobiados , que eu vos aliviarei”.

"Levamos verbas de luz, verbas de esperanza, verbas nas que non nos escoitamos nós senón que escoitamos o que o señor pon no noso corazón para ós demáis."


26 / 7 / 2009 (6º domingo despois do Pentecostés)

Eu chamaríalle a isto, un pouco ripiosamente, a “HOMILÍA DE DON ANDRÉS, ONDE COMEN DOUS COMEN TRES”. Seguro que tería efectos prácticos e que neste caso a don Andrés non lle importaría demasiado.

Hoxe, día da multiplicación dos peixes e dos pans, don Andrés multiplica tamén o seu mensaxe. Coa súa habitual facilidade, el coloca primeiro no centro o alimento e logo fai que se reflexe nos espellos do Home e do Señor, por este orde. E inda máis: coma se aquilo fora un calidoscopio, fai que se reflexen logo estas mesmas imaxes en orde inverso, nos espellos de Cristo e do Home. A alternancia e multiplicación acelérase por fin vertixinosamente por se mesma ata chegar a unha esplendorosa flor de esperanza.

Despois de referirse a base bíblica en que tanto Eliseo coma Cristo dan de comer con moi pouco a unha gran multitude, don Andrés nos conta coma un dos compromisos que asumiron as nacións do Mundo a principios de século foi a erradicación da fame antes do 2015. "Pero as cousas parece que van de mal en peor. En vez de mellorar, parece que a pobreza e a fame aumentan. Pero ¿qué é o que pasa? ¿é que –coma lle sucedía ós apóstolos- non temos medios para darlle de comer á xente? ¿é que a Terra non é capaz de producir alimento para todos? Non é iso, non. Sobran alimentos. O problema está na distribución. O que pasa é que para unha boa distribución, os que teñen -os que temos- debemos sacrificar algo do noso benestar. Con frecuencia vemos coma as ONG, UNICEF e MANS UNIDAS etc. traballan solidariamente para erradicar a fame no mundo. Pero non abonda con isto . Son os Estados,os Paises, os que teñen que organizar unha administración distinta e somos cada un de nós, os cidadáns, os que temos que aprender a vivir de tal forma que os Estados podan organizarse.Todos temos a experiencia de que si estamos comendo e recibimos unha visita inesperada, sen facer máis comida, a visita pode tamén sentarse a mesa e comer. ONDE COMEN DOUS, COMEN TRES -soe dicirse-. ¡Non pasa nada! E isto é tamén o que pasa na mesa do mundo. Hoxe -despois do magnífico día de Santiago, cando en toda Galicia se compartiron mesas en sinal de fraternidade e de festa- mirando ó evanxeo, coido que poderíamos suscitar tamén en nós un sentimento de gratitude polo pan que recibimos e por todos eses outros produtos da terra e do mar que o Señor pon a nosa disposición, pero pedíndolle ó mesmo tempo un corazón xeneroso, un corazón que saiba facer sitio ó irmán na súa mesa. E dándolle as grazas ó mesmo tempo por este outro pan do seu corpo e a súa sangue no que o señor se multiplica infinitamente para nós".

Nalgún intre da misa, don Andrés evoca unha experiencia bastante común "¿Non é verdade -di- que non se come ben cando nos mira un famento? Pois pensade que isto nos pasa tódolos días".

Recopilado da RTVG EUROPEA
_____________
*Pai Andrés García Vilariño na Igrexa de San Frutuoso, en Santiago de Compostela
**Pentecostés = Pentekostós = quincuaxésimo (festa na que se conmemora, entre outras cousas, a vinda do Espíritu Santo cincuenta días despois da Resurección).
***Zolote, especie de nacionalista xudeo fronte a Roma, as veces terrorista
Andrade, Fernando
Andrade, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES