Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Das homilías do Pai Andrés (I)

viernes, 29 de marzo de 2013
Non sei se estes comentos meus serán moi oportunos, nin se o Pai Andrés estará moi conforme con eles, nin sequera sei se –pese ó meu coidado- serán minimamente correctos. Non sei. Todo un problema. Pero coido que a inmensa trascendencia e eficacia destas homilías ben xustifican o risco.

Limiar

Frecuentemente, despois do evanxeo, don Andrés avanza decidido cara os fegreses e, como arremangándose un pouco, plántalles cara. Pero enseguida sorrí amplamente e ladea lixeiramente a cabeza coma dicindo “era unha broma”. Logo acólleos a todos cun amplo xesto, e, antes de empezar a falar, escrútaos coma con sorna; incluso ós que estamos ó outro lado da pantalla. Vai fixándose ben en todos, un a un: nos de Suíza, Colombia, Alemania, España, Galicia, California, Italia etc.; recoñecéndonos a todos, querendo falar con todos.

Algún “alemán” –comenta por exemplo- "bota de menos ó señor aquel de gafas que se sentaba sempre no último banco e pregunta que lle pasou. Non lle pasou nada, n a d a, n a d a" –di con alegría.

E é a continuación destas cousas cando, máis contada que predicada, soe xurdir a Homilía coma unha fontela, certa e certeira, sempre un pouco escasa, breve coma unha noticia, sen teoloxías, falándonos de cousas nas que non tiñamos caido, “coma unha fontela que leva cousas nosas polas que podemos entendela” (Novoneyra)

Finalmente, antes de marcharse, don Andrés saúda a todos nos bancos, un por un, coma se se fora de viaxe. “Deica o domingo”, vai dicíndolles afectuosa e dilatadamente a todos; como a vellos amigos de sempre –ou quizais de antes-, mentres goberna unha especie de clamor de brazos que se alzan cara a el. Logo, en efecto, vaise rápida e decididamente a coller non se sabe qué autobús de liña nin para onde -se é que o colle-.

E logo están os fregueses, poucos, distribuídos nuns tamén poucos bancos: Caras todas coñecidas, case familiares e amigas. Algúns saen a ler e, cheos de dignidade coloquial , revelan verdades que durmían no fondo da fala.

Máis alá, “telefregueses” do mundo enteiro van abarrotándoo todo..

Pola súa parte, a igrexiña, xeitosa e digna, pequena pero con ecos -coa súa moi estudada “Piedade” e o seu San Frutuoso dando a cara-, acubíllanos agarimosamente a traveso do ceo.

As mociñas do grupo “Gaudete” –voz, violín, frauta e “harmonio”- fálanlle a Dios esforzadamente, de lonxe, berrándolle un pouco para que escoite.

29/3/2009 (Domingo de Resurrección)
Empeñado en que coñecéramos a Xesús, o Pai Andrés colle hoxe da primeira fila unha neniña moi guapa e, chamando a atención dos cámaras para que lle enfocaran ben a cara, di algo así como: “Vede ó traveso desta neniña o fermoso rostro do noso Señor. Mirándoa, as miñas palabras me parecen máis certas”.

5/4/2009 (1º Domingo de Pascua**)
Coa mesma teima, este domingo continúa: ”Se vos preguntaran polo aspecto de Cristo, probablemente non sexa na igrexa nin nos curas onde mellor se vexa. Podédeslles dicir. Cristo está en vos, ¡¡fixádeos ben!!".

19/4/2009 (3º Domingo de Pascua)
Consciente do moito medo que levamos dentro, coma un “padrazo”, repítenos aquilo que xa nos tiña dito Xesús: “non tingades medo ¡QUE SON EU!”
Despois, con motivo do de Tomás, fala da fe: A fe non é crer calquera cousa, calquera parvada. A fe recoñécese pronto polo seu tamaño; refírese sempre a cousas moi grandes".

26/4/2009 (4º Domingo de Pascua)
Hoxe non sei que pasou. Desperteime tarde.
-¿Qué hora é, Carmiña?
-As once
Xa non valía correr. Era tarde.Fatalmente tarde.
-¡, E para isto ¿esperando toda a semana! -díxenme desolado
Coma de neno, contrariado, empezaron a picarme os ollos. Logo sentinme mellor.

3/5/2009 (5º Domingo de Pascua)
(Pouca xente hoxe en San Frutuoso. O pai Andrés adícalle unha lembranza ós ausentes, especialmente ós enfermos. Lémbrase de Carmen, Pilar, Manolo e de non sei quen máis. Tamén dos que non se lembra. Logo, coma sempre, escruta directamente a cámara onde parece ver ó resto; algún ata en Nova York -nada menos, comenta-. Coma o evanxeo de hoxe -inda que noutro senso- semella así dicirnos : “Teño outras ovellas que non son deste redil”-).

"Fai pouco –explica con ocasión do evanxeo do “Bo Pastor”- dicíame unha señora que non entendía moi ben porqué a obriga de ir a misa parecía máis importante que a de facer o ben simplemente. A cuestión é -sigue dicindo don Andrés- que, inda tendo razón, para os cristiáns a misa debía ser máis unha necesidade que unha obriga. A necesidade de acollernos ó amor protector de Xesús, que é o de Deus, e tamén ó do próximo. A misa ten que ser unha necesidade de trato, un plan ilusionado, unha cita".

Parece que hoxe o Pai Andrés está algo intranquilo. Con gravidade implora "un maior acerto para os pastores -que non son soamente os cregos senón tamén os políticos e os responsables sociais" -. O Pai exhórtanos especialmente a estar contentos.

10/5/2009 (5ºDomingo de Pascua)

(O Pai Andrés lembra ós fregueses que, "dende moi lonxe, hai outros moitos fieis véndoos, coñecéndoos e queréndoos pola tele."
Despois das lecturas, e retendo o libro nas mans, avanza cara a xente para comentar textos inda quentes, recen saídos da eternidade.

"Amar ó próximo, si -di don Andrés- pero ¿cómo amalo dende as nosas insuficiencias e andrómenas? É este un amor defectuoso, algo miserento. Cristo nos propón hoxe outro sistema. O mesmo que as veces temos que facernos unha transfusión de sangre, Cristo proponnos hoxe que seamos coma un sarmiento unido a súa vide: ”Eu son a vide e vos os sarmientos; permanecendo vos en min y eu en vos, daredes fruto abundante”. Se trata dunha transfusión de Cristo".

O Pai prega logo, preocupado, "polos labregos e os gandeiros que nos dan de comer".

17 / 5 / 2009 ( 6º Domingo de Pascua)
A misa de hoxe foi en San Froilán, en Lugo. Xa nos tiña avisado don Andrés, e concelebrouna co bispo don Alfonso Carrasco Rouco, xuvenil e aparentemente ledo, con báculo e todo. Da miña lembranza xurde de pronto o poeta Manuel María, o sobriño do cura de San Froilán -coma el mesmo se sobrenombraba sempre con certa retranca-. E tamén a homenaxe a cidade dos duques de Lugo, que bautizaron ó seu rillote con este nome parroquial. ¡Qué cousas máis tristes fai as veces o tempo!

24 / 5 /2009 (La Ascensión)
O Pai Andrés explica como "Xesús se aparece de novo ós seus apóstolos e como, entre unha gran alegría, ordéalles evanxelizar o Mundo. Despois, como Xesús ascende ó ceo e séntase a destra do Pai. Explica tamén como así -dende alí- xa non nos faltará nunca máis".

A propósito desto, pregunta logo se alguén traballa co Internet. Resultan ser moi poucos: dúas cantoras e tres ou catro fregueses máis. O Pai fala entón das excelencias e inconvenientes do sistema, pero sobre todo das excelencias dunha especie de “Papa Web” que xa funciona -¿dixo en Facebook?-. "Calquera de vos pode “falar” xa co Papa. Calquera. Si .Nada menos. A igrexa non pode ter un encefalograma plano", di resumindo-.

Despois de xustificar a ausencia da violinista, o Pai baixa coma sempre ós bancos para despedirse da xente, espectáculo este que a tele corta dando por suposto. Pero non é así. As despedidas son un final feliz, cheo de novidades que non se deben cortar.

31 / 5 / 2009 (Pentecostés****)
(A violinista xa está novamente connosco)
O Pai se coloca fronte os bancos dicindo: "E, si eu me puxera agora aquí a cantar e bailar polas boas, diante a todos, coma se tal cousa, ¿Que tal? "

Atornillándose un pouco a cabeza cun dedo, dáse por contestado.
"Algo desto debeu de pasarlles ós discípulos en Pentecostes -continúa- cando, despois do ventarrón aquel das linguas de fogo, cada un deles comezou a desvariar en falas que servían para todos. Os discípulos deberon tolear de entusiasmo. Por certo que, nestas, ata eu debín de perder as gafas porque nonas atopo".

O Pai continua: "Así comezou a Igrexa cristián, con alegría, con paz, sabendo vivir máis que outra cousa. A partir de entón, a Igrexa é coma un río que ó seu paso vai facendo florecer os nosos desertos con Esperanza, Paz, Humanidade, Amabilidade, etc. Pero, ata este río procede antes da mansa choiva que é a palabra do Señor. O que hai que facer é poñer sempre a Deus en medio, poñelo ben no centro".

"Pedide en cambio que a Igrexa non se centre demasiado en si mesma. Pedídeo cheos de alegría".

Don Andrés, antes de irse, olla ó lonxe de novo: Arxentina, Italia, México..., mira persoalizadamente, con semellante ubicuidade á que debían ter aquelas linguas de fogo de que nos falan os evanxeos. ¿Non estarán inda alí as gafas de don Andrés, por un casual?

Recopilado da RTVG
_____________
*Pai Andrés García Vilariño
Andrade, Fernando
Andrade, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES