Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O sector mineiro galego

martes, 19 de marzo de 2013
O sector mineiro galego, está a cavar a súa tumba en Corcoesto?

Esta reflexión é unha carta aberta para os actores do noso sector mineiro que se están a posicionar a prol do proxecto de explotación aurífera de Corcoesto: Dirección Xeral de Industria Enerxía e Minas, Cámara Oficial Mineira de Galicia, e persoal ligado á Enxeñaría de Minas.

É un feito que as transnacionais de bandeira canadense como Edgewater Exploration Ltd, a través da súa filial Mineira de Corcoesto SL, perseguen o máximo lucro mediante a interpretación máis laxa posible da normativa ambiental, aquí como en Honduras, son as mesmas.

A proposta inicial xa tivo que ser modificada neste senso(1) e é posible que se volva facer, como en Salave, onde a Comisión para Asuntos Ambientais de Asturias non aceptou os lodos cianurados nin que a explotación fose a ceo aberto (2). Mesmo pode rematar paralizada pola Xustiza (3). Onde ficaría a credibilidade dos actores favorables mentres isto ocorre, despois de subscribiren cos ollos pechados todas as premisas da empresa, comprometendo así o bo uso dos seus coñecementos -e a súa palabra- coa idoneidade do proxecto.

Por outra parte, visto que o PE recoñece probado desde 2010 que a catástrofe ambiental derivada do emprego de cianuro a grande escala é só “cuestión de tempo” (4), cando esta chegue sería un golpe mortal non só para todo o sector primario da bisbarra, senón para a minaría galega a nivel de opinión pública. Se engadimos que a empresa non contempla a contratación dun seguro RC para este suposto, e que a súa constitución legal permitiría eludir dita responsabilidade, a recuperación dos danos sería un lastre económico sen precedentes para a Administración.

E se temos en conta que o máis probable é que a prohibición total da minaría a ceo aberto con lixiviación por cianuro se faga efectiva na UE antes de rematar a vida útil da mina, esta faise a todas luces inviable. Mais non haberá que agardar a que a catástrofe ambiental por mor do cianuro se produza para percibir a afectación doutras actividades, e non se trata só de custes económicos como a eterna hipoteca do mantemento das balsas, senón tamén de custes sanitarios: unha vez comprobada a relación entre as escavacións na zona e os niveis de arsénico nas augas (5), pódese afirmar que en poucos anos se multiplicarían na cunca hidrográfica do Anllóns as patoloxías ligadas á exposición ao arsénico, clasificado como canceríxeno para os seres humanos polo CIIC (6).

Poñendo a vista nos e nas profesionais que avalan este proxecto non se encontran argumentos técnicos integrais senón pouco rigor e xustificacións evasivas do mal menor; como se a impermeabilización das balsas impedise unha eventual fractura por corremento, desprazamento tectónico ou descarga de material. Débese sospeitar dos grupos de presión que afirman con lixeireza “non contemplar riscos”.

Poñendo a vista na Administración non se encontran observancia nin responsabilidade senón curtopracismo e intereses opacos; como mostra, a Xunta vén de emitir unha Declaración de Impacto Ambiental favorable para un proxecto insostible en canto a uso do recurso Auga por exemplo, cunha redacción pouco profesional e perlas como considerar residuos non inertes “non perigosos” 4.500 toneladas de cianuro (7).

Poñendo a vista, en definitiva, no noso sector mineiro, non se encontra ningunha estratexia de futuro que lle permita propoñer un modelo extractivo sostible.

E a raíz da multiplicación exponencial nos últimos anos de concesións de explotación, con proxectos irracionais, en localizacións inverosímiles -véxase LIC Anllóns, Fragas do Eume, Serra do Galiñeiro, etc- estase a crear un movemento social que comeza a facerse preguntas incómodas sobre a minaría en xeral, como aconteceu nun recente encontro amplo e multidisciplinar sobre esta problemática8...

-Por que temos o 4% da superficie do Estado e o 14% das minas?
-Por que temos o 50% do País en réxime de concesión mineira?

-Por que a Xunta subvenciona as catas e empresas foráneas levan a produción?

-Por que antes non se permitían estes proxectos e agora si?

-Que beneficio obtén a poboación local da especulación co produto?

-Que xustifica a perda de calidade de vida no entorno dunha mina?

-Que futuro lle agarda a un lugar onde antes había unha mina?

-Por que máis da metade da lousa que se vende no mundo sae de explotacións galegas a ceo aberto mentres os países desenvolvidos as traballan subterráneas ou directamente protexen o territorio?

-É certo que na reciclaxe dun kg de lixo informático se obtén a mesma cantidade de ouro que en 5 toneladas de Corcoesto?


(Roberto Roget Antelo é o Responsable de Sensibilización do grupo de Desenvolvemento Rural de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia)


1 “Alegacións á mina de ouro de Corcoesto”, Sociedade Galega de Historia Natural, 31-5-2012.
2 “Aprobada a mina subterránea de Salave sen balsa de cianuro”, El Comercio, 28-11-2012.
3 “O Parlamento galego reclama unha garantía mínima suficiente á mina de ouro de Corcoesto en base á Lei 26/2007 de responsabilidade medioambiental e á lei de minaría de Galicia". El País, 7-2-2013. Precedente: “A Xustiza e a Consellaría de Medio Ambiente non permiten que Erimsa explote o seixo da Terra Chá”, Sindicato Labrego Galego, 28- 2-2013.
4 “Debate sobre a prohibición das tecnoloxías mineiras que usan cianuro”, Parlamento Europeo, 21-4-2010.
5 “Land–ocean contributions of arsenic through a river–estuary–ria system (SW Europe) under the influence of arsenopyrite deposits in the fluvial basin”, Costas et al., 2011.
6 “Centro Internacional de Investigacións sobre o Cáncer. Arsénico”, OMS, 2012.
7 “Alegacións á DIA do proxecto de Corcoesto”, SGHN, 20-12-2012.
8 “I Encontro galego sobre o impacto da minaría”, 16-2-2013.
Roget Antelo, Roberto
Roget Antelo, Roberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES