Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tino Grandio no Museo de Lugo

martes, 12 de marzo de 2013
TINO GRANDÍO (1924-1977) NO MUSEO DE LUGO

Os aspectos biográficos deste artista lucense teñen moita importancia na súa obra, dende o seu nacemento en Lousada (Guntín) ata a primeira visita a Madrid con dezasete anos e logo a súa estancia na capital, xa pensionado pola Deputación Provincial de Lugo (1949). Tamén a súa terra, paisaxes, tradicións, cores, personaxes… conforman o imaxinario que utiliza para expresar e crear un universo persoal que reflicte en toda a súa obra. Esta singularidade e autenticidade ao longo da súa traxectoria fai de Grandío un artista coñecido e recoñecido, tanto en vida como agora chegando xa ás catro décadas do seu pasamento. Escritores como Luís Pimentel ou Camilo José Cela e críticos de arte deixaron constancia do seu savoir faire.

Nos inicios autodidactas colleu temas e formas dos novos: Colmeiro, Seoane, Maside, Laxeiro, porén, esa primeira figuración galega colorista e primitiva non impide que posteriormente experimente coa abstracción da que colle as liñas puras, esenciais e as composicións sinxelas, entre os anos 1959 e 61. Tamén recollerá a neofiguración dos anos cincuenta e sesenta quedándose primeiro cos contornos iniciais, ben marcados coa liña ou ben insinuados con pinceladas profundas de cores matizadas, que nesas décadas mestura co expresionismo realizando sempre un estilo propio, netamente galego pero de carácter universal. Pintura de atmosferas grises, figuración esvaecida e minimalismo escénico nos distintos xéneros que toca (bodegón, retrato, nus, paisaxe…); nas últimas décadas da súa vida chega á esencia pura, sen artificios.

Nos retratos tamén vemos a súa mestría co debuxo, a expresividade, a fuxida do superfluo e a sobriedade da paleta cromática. Neste xénero, ten conseguido resultados maxistrais na captura da alma do personaxe mediante trazos sinxelos pero expresivos, que indagan na percepción da psicoloxía do retratado como o retrato de Rodero ou o de Ramón Faraldo.

Tamén se aprecia esa síntese formal no retrato da súa nai, obra á que lle hai que engadir o estudo do contraste lumínico. Os animais tamén están moi presentes na súa pintura, sobre todo cans e burros, no medio de escenas, O cazador, ou como motivo principal, Feira de burros, Un burrico…. As atmosferas que se esvaecen das súas paisaxes poden ser repousadas e serenas ou de trazo máis expresionista, pero con predominio das cores frías e a pincelada longa e solta.

A tráxica circunstancia da súa prematura morte, con só 53 anos, deixou fonda tristura tamén pola súa calidade humana, lembrando esa pegada pola súa condición de home accesible, vital e alegre. O currículo de Grandío está ateigado de premios e distincións; foi un artista benquerido polo público e pola crítica; non deixou de beber nas fontes da súa orixe galega, lembrando sempre a súa terra e os seus paisanos na produción artística que nos legou en clave universal, froito dun tempo de asimilación de vangardas e novas formulacións que non sempre daban lugar a un estilo propio e singular como é o caso.

A súa desaparición, en plena madurez artística, deixou orfa unha carreira con moito por ofrecer e probablemente sorprender; malia todo está consolidada no panorama da arte galega contemporánea, desde onde se trasladará á historia da arte como un pintor que soubo reformular a súa evolución inicial dende as propostas dos renovadores galegos e as novas vangardas ata un estilo propio, que desenvolve influencias figurativas e abstractas, para chegar a un recoñecemento, ben merecido, da súa produción como unha obra orixinal, única e persoal que ofrece un universo creativo propio, onde se lle ten caracterizado como o pintor do gris en relación a esa consciente elección monocromática; pero tal como di José Manuel López Vázquez: “o seu gris é un produto dunha reflexiva renuncia á cor… ou unha autonegación ó emprego da cor” (1993:24). As obras máis coñecidas de Grandío volven a unha figuración en clave poética e expresionista, establecendo a súa orixinalidade na técnica, nos temas, no tratamento pictórico ou na asimilación e adaptación das diversas correntes artísticas, do século XX, tinguíndoas dun lirismo profundo.

Na colección do MPL temos as seguintes obras:
Feira de burros, óleo/lenzo 65 x 81; Cura de aldea con fregueses, óleo/lenzo 200 x 100; O cazador, óleo/lenzo 70 x 60; Retrato da miña nai, óleo/lenzo 163 x 114; Virxe dos Ollos Grandes, 1953 óleo/lenzo 195 x 139; Retrato, óleo/lenzo 54x40 e Un burrico, óleo/lenzo 41 x 33
Enriquecidas agora, en marzo do 2013, coa xenerosa achega da súa familia que deixa en depósito nesta institución museística outras seis obras, catro óleos e dous debuxos, encadradas na etapa de plena madurez artística do artista:
· A cesárea, 1973 óleo sobre lenzo 141 X 223 cm
· Retrato de Rodero, 1974 óleo sobre lenzo 81 x 65 cm
· Xogadoras de cartas, 1975 óleo sobre lenzo 200 x 200 cm
· O tamborileiro, 1964 óleo sobre lenzo 200 x 150 cm
· Retrato de Ramón Faraldo, 1972 carbón e lenzo 115 x 93 cm
· O home da boina, 1970 carbón e lenzo 73 x 50 cm

(Aurelia Balseiro García é Museóloga e Directora do Museo Provincial de Lugo)
Balseiro García, Aurelia
Balseiro García, Aurelia


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES