Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O V Congreso Manuel Luís Acuña

miércoles, 06 de marzo de 2013
Mantiña unha conversa estes días atrás co meu amigo e xornalista Ramón Luís Acuña na que afirmaba que a figura de seu pai, Manuel Luís Acuña, atesouraba esa rara, por infrecuente, capacidade de actuar como un resorte, isto é, coma se fose un aglutinante cultural. Ao meu ver, non lle falta razón nesa aseveración e, abofé, a proba máis contundente foi a celebración da quinta edición dun Congreso nas terras natais do poeta; algo igualmente infrecuente nese noso país e que se veu convertendo, por dereito propio e mercé á habilidade e esforzo dun coordinador de probada solvencia como é o profesor Xoán Carlos Domínguez Alberte, nun referente para acrecentar novos datos á biografía de Acuña, ao seu percorrido literario ou docente, e mais un espazo costrutivo e dialogante que insta a novos investigadores a reflexionaren sobre aspectos que se derivan do tempo en que viviu Acuña e que proxectan a súa actualidade cara aos nosos días.

Isto foi o que aconteceu, a grandes trazos, nestes pasados días 1 e 2 de marzo en Trives, onde baixo o patrocinio do Concello que acolleu con xenerosidade os integrantes do Congreso e dúas institucións educativas relevantes como son a Universidade de Vigo e mais Nova Escola Galega, vertebraron e posibilitaron a celebración dun encontro intelectual, no que ademais de discursos intensos e moi documentados houbo música e houbo poesía, centrando a súa atención arredor de dous vieiros fundamentais polos que Acuña transitou como foron a práctica -xenerosa, comprometida, progresista e valente- do maxisterio e mais a defensa firme e irrenunciable duns ideais democráticos dos que nunca abdicou.

Estes conceptos escintilaron con luz propia en Trives e teño para min que é bo que se saiba e difunda: o legado literario e docente de Acuña é, e será por moitos anos, un manantío inesgotable.

Particularmente tiven a ocasión de presentar un relatorio, para o que contei coa colaboración de Ramón Luís Acuña, dotado dunha orientación xornalística e, nalgunha medida, sociolóxica, na que dez persoas responderon un breve inquérito arredor das facetas biográficas, literarias, culturais e docentes de Manuel Luís Acuña. A estas preguntas responderon xenerosamente editores, profesores, sociólogos, xornalistas e poetas.

Escolmo a continuación algunha das respostas máis significativas entre as recibidas, ás que habería que engadir as dos profesores Domínguez Alberte, Carlos L. Bernárdez e Anxo Tarrío: “o exemplo da súa actitude (aínda dende a terrible desfeita colectiva), a honestidade humana, a fidelidade a uns principios que dan sentido a unha vida son irrenunciables (Arcadio López-Casanova); “a súa achega literaria foi excelente, inesquecíbel” (Fermín Bouza); “pasei tardes na casa de Amparo Sánchez, viúva do poeta, falando do mestre e poeta, comprobando que tiña un lugar ben gañado nesa historia da renovación pedagóxica, así como na historia da literatura vanguardista dos anos trinta” (Xosé M. Cid); “aínda tardei un pouco en coñecer ao poeta, naqueles tempos que, se se me permite, chamaría de cartón-pedra. Amais don Manuel Luís, no seu admirábel estoicismo, calaba. Porén axiña aprendín moito del” (Arturo Lezcano); “sospeito que a fenda da sublevación fascista e da guerra lle secou as fontes da creación literaria. O tedio, o noxo, a escuridade dos días franquistas acabaron co poeta” (Méndez Ferrín); “parafraseando a Castelao: foi a súa máis excelente lección daqueles mestres e mestras que deron o mellor do seu valer o do seu valor aos demais” (Salvador García-Bodaño); “Acuña morreu en 1975, o mesmo ano que o ditador. Quedou a súa semente e o seu modelo moral” (Manuel Bragado).
Nicolás, Ramón
Nicolás, Ramón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES