Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A manda testamentaria de Ceferino Díaz

lunes, 28 de enero de 2013
O pasado día 23 de decembro finou en Compostela o amigo Ceferino Díaz. Hoxe repousa no camposanto da súa aldea natal do concello de Escairón.

Neste tempo teño rememorado a nosa vella amizade que principiou en Compostela cando era profesor da Facultade de Económicas, e militante do Partido Socialista Galega. Anos despois, cando fora elixido deputado ao Parlamento Galego, adoitabamos xantar de cando en vez en Santiago na compaña dos seus compañeiros Francisco González Amadios “Panchulo” e Pablo Sande García. Pertencían ao minoritario grupo galeguista do PSdeG-PSOE.

Un mes despois do seu pasamento, como digo, e a piques de ser aberto o seu testamento, quero dar a coñecer públicamente a súa manda testamentaria que eu lle pedira para incluír no libro “En galego, agora e sempre”, editado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística en 2008 coa finalidade de fomentar o costume de incluír nas declaracións de herdeiros unha cláusula que os conmine a respectaren o patrimonio cultural e lingüístico do pobo galego.

Esta é a que deixou escrita Ceferino:
Queridas, sabedes que non tiña présa por deixarvos, sabedes tamén que estaba gozando dunha prórroga que non era indefinida. Coidaba, tempo atrás, que recibido o aviso de que estaba nun proceso transitorio ía planificar con tempo a miña despedida deixándovos os menos problemas pendentes, pero o certo é que pasados os momentos críticos téndese –é o meu caso- a adiar iso indefinidamente até que non avisen de novo. Agora, sen tempo, apúranme para facer a derradeira manda; o reparto dos bens materiais é cousa vosa, sei que sodes xenerosas e que o faredes ben.

Ao longo da nosa vida en común compartimos intensamente momentos bos e algúns non tanto. En todo caso, sempre houbo unha constante, a da coherencia coas nosas ideas de amor á xustiza e á liberdade. Ben sei que na miña ausencia ides continuar, como deica agora, cunha forma de vida aberta á modernidade e ao tempo coas raíces na terra, con amor ao país e ao noso. Temos falado moito que sendo galegos, seremos máis importantes nun mundo que non promociona a diferenza pero que a valora se esta se fai valer. Nisto tamén vos pido que sigades sendo coherentes, a pesar das incomprensións que poidan vir de mentres estreitas.

Lembrade que entre os meus orgullos figura o de ser un dos primeiros profesores que na Universidade, nos últimos anos do franquismo, deu aulas na nosa lingua como acto de reivindiación e protesta e que dende aquelas seguin fiel á nosa lingua que, como temos falado, é a mellor herdanza da nosa historia colectiva como pobo. Lembrádelles este feito aos vosos descendentes que non o esquezan nunca.

Adeus, non teñades présa en seguirme. Eu cumprín no tempo que me deixaron, agora tócavos a vós seguir as vosas vidas e facelo neste país, nesta paisaxe, nesta cultura que tanto amamos”.

Deica sempre, Ceferino, e que os teus cumpran os teus desexos.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES