Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Julián Carax, epicentro de La Sombra del Viento

jueves, 05 de mayo de 2005
Un dos personaxes da novela de Carlos Ruiz Zafón presentóuseme vivo na lectura do libro, a través das súas páxinas coñecín a un Julián Carax que me foi engaiolando de tal maneira que o seu tráxico destino manexaba as vontades cara á compaixón. É un libro de libros. Dentro da obra fálase doutra obra, xogando ás caixas ou bonecas rusas. Joschka Fisher, ministro alemán de Asuntos Exteriores, defíneo como ‘un libro que trata sobre otro libro, lleno de escenas fantásticas y maravillosas. Una vez que lo empiezas no puedes dejarlo. Me lo he leído en un día y medio, de un tirón’.
E iso é o que acontece, o libro, como se di popularmente, ‘engancha’. Dende que chega ás mans do lector aprésao, acaparando a súa atención por completo, sentíndose parte da historia e querendo chegar ao final canto antes, pero, iso si, desfrutando o sabor de cada páxina. Unha especie de embruxo domina a alma do lector, que pasa, sen decatarse a formar parte da ficción. Ese feitizo que envolve a historia dos libros sostense ata a última páxina, para deixar ao destinatario da obra cunha sensación difícil de describir ao remate do libro, entre melancolía e desacougo, entre satisfacción e anguria. No libro o autor, que ademais é guionista de cine, confesou empregar recursos do cine cos que buscaba que o lector se olvidara de que tiña entre as mans un anaco de papel para sentir a luz e os sons que se agochan no texto.
Trátase dun escritor maldito, como malditos os seus libros, xa que se editaban e non tiñan venda. Atopar un Carax era sumamente difícil. Misión imposible, porque había alguén sospeitoso que se encomendara unha esrtraña tarefa: destruilos. Libro que atopaba, queimábao. Así destruía o seu pasado, a súa existencia, sen sentido dende que lle negaron o amor da muller que quería.
Daniel Sempere, un rapaz da Barcelona de 1945, que en breve ía cumprir once anos, foi levado polo seu pai, libreiro de profesión, ao Cemiterio dos Libros Esquecidos, un lugar oculto no corazón da cidade vella. Dese sitio o pai dille algo como ‘Este lugar es un misterio, Daniel, un santuario. Cada libro, cada tomo que ves, tiene alma. El alma de quien lo escribió, y el alma de quienes lo leyeron y vivieron y soñaron con él’. Alí o rapaz escolle un libro ao chou, que resulta ser o único exemplar que existía de La Sombra del Viento e que alguén próximo ao autor, un tal Julián Carax, escondera alí xunto a outros títulos do autor. Coa súa elección comprometíase a protexelo por riba de todo e para sempre, de maneira que aquela obra non caera no olvido. Estábao adoptando. Esa era a súa misión. Chega a casa e léeo dun tirón. Logo descobre que hai moitos que queren o libro, que pagarían ben por el. Non se deixa convencer, mais esquecendo a súa promesa regálallo a unha amiga, pero recupera o sentido e volve na súa procura, meténdose pouco a pouco na historia para chegar ao seu final e principio de todo.
Na obra Ruiz Zafón aúna as técnicas do relato de intriga e de suspense, cos trazos propios da novela histórica e da comedia de costumes. Mais por riba de todo o pouso que nos deixa La Sombra del Viento é o dunha historia de amor. A novela quedou finalista no Premio Fernando Lara de Novela 2000. A apasionante historia que se esconde detrás dun libro abandonado vira o rumbo da existencia de Daniel, levándoo a ser coprotagonista dun labirinto de misterios, que gardan segredos agochados nas profundidades do pasado. O autor calificou a obra de novela de misterio, de intriga e de aventuras sobre o fondo costumista da Barcelona dos anos 50.
Carlos Ruiz Zafón asegura que con ‘La sombra del viento’ pretendeu ofrecer unha homenaxe á literatura mesma, xa que é precisamente por un libro polo que Daniel, o protagonista, recupera a imaxe da súa nai e tamén o sentido auténtico da vida. Os libros teñen alma e o cemiterio dos libros olvidados simboliza a destrucción da historia e da memoria que ás veces se produce na nosa sociedade, que cae aos pés dos medios audiovisuais e todo o á cultura comercial que vende. É desas novelas que atrapa, que crean o sano vicio da adicción á lectura. Está chea de recunchos misteriosos, de escenas máxicas e personaxes que teñen ecos pantasmais. Un grande agasallo de máis de cincocentas páxinas que, para o lector, pasan rapidamente, famento dunha trama que absorbe a súa atención dende as primeiras liñas.
Fernández, Ruth
Fernández, Ruth


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES