Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os torques de Viveiro

viernes, 14 de diciembre de 2012
Os torques de Viveiro Sendo a Mariña lucense unha terra pródiga en achados de ourivería castrexa, Viveiro tamén aparece vinculado a este respecto na bibliografía e estudos relativos a esta parte da cultura material do primeiro milenio a.C.

Con respecto á investigación para o NW peninsular da que se deu en nomear como “Arqueoloxía do ouro”, sempre se tropeza coa mesma pedra: os achados casuais . Estas aparicións “fortuítas” descontextualizadas e sen información algunha que poidan aportar datos para o seu estudo e referencias para encadrar cultural e cronoloxicamente os obxectos atopados, fixo que a mayoría dos traballos publicados se centraran só nas análises tipolóxicas.

Moitas xoias prerromanas desapareceron nos séculos pasados fundidas polo valor do ouro como metal e outras foron para o mellor postor no comercio de antigüidades donde o valor do obxecto per se olvida ou menoscaba a súa función de fonte de información e coñecemento.

No que atinxe aos torques como as xoias máis representativas do fenómeno cultural castrexo, tan popularizados na actualidade e símbolos da nosa protohistoria, hai moitos tópicos sobre o seu uso, funcións, tecnoloxía e mesmo sobre a procedencia da súa materia prima base: o ouro. Non obstante, de xeito xeral podemos dicir que os torques adquiren distintos significados e adoptan formas características identificativas segundo a sociedade na que se desenvolven, pero son considerados como bens de prestixio dun individuo ou dunha comunidade cun simbolismo sociocultural, económico e espiritual.

No eido espiritual constátanse torques como ofrendas rituais, parte de enxovais funerarios, depósitos votivos ou como distintivo de deuses. No eido social como adorno, indicadores de xerarquía ou distintivo social. No eido económico como medida de valor, obxecto de intercambios e relacións ou como acumulación de riqueza.

Para o mundo castrexo os torques adoitan ser usados polos homes, tal como se aprecia na plástica donde estos adornos forman parte da panoplia do guerreiro, a diferencia doutros contextos europeos da Idade do Ferro donde o seu uso tamén era feminino.

En Viveiro, dice Cuevillas (1931 e 1951), unha rapaza atopou na xunqueira chamada Portochao, situada á beira do río Landrove (Viveiro), un torques que comprarían posteriormente dous veciños da cidade perdéndose posteriormente a súa pista. Non obstante, existiu un debuxo enviado a Murguía (Maciñeira, 1930) a través do que se coñece que era un torques cos remates en periñas, con arames enrolados á variña e forma de semicírculo penanular. Pola descripción realizada quixemos ver esta peza en outros torques que pasaron por varias coleccións particulares sen referencias sobre a súa orixe, como o torques catalogado co nº 29 da colección de ourivería antiga conservada no Museo Provincial de Lugo (sala 8).

En concreto, esta peza figura no catálogo de Peinado (1975) fóra do inventario nunha nota que sinala posteriores adquisicións do Museo desta forma: “torques con terminales en bellota mayor y con los mismos adornos espirales del nº 21 aparecido en Viladonga”, sin máis precisións, polo que poidera ser de procedencia vivariense como figuraba no catálogo da exposición celebrada en Santiago “Cántabros, Astures y Galaicos” en 1981.

Este torques pertence ao denominado tipo ártabro (Monteagudo) e descríbese como un colar ríxido en forma de “c” composto por variña de sección circular e remates periformes. Ademais no terzo central da variña posúe a cada lado unha parella de espirais de filigrana con botón central aplicadas mediante a técnica de soldadura. Os terzos inferiores da variña están cubertos por arames áureos enrolados formando trinta e seis voltas a cada lado. Os remates probablemente sexan ocos tendo en conta o peso total da peza (218,50 g.), como outros exemplares dos que se ten esa constancia; adáptanse aos extremos da barra formando unha peza completa de 36 cm. de lonxitude, 13,7 cm. de diámetro, 0,9 cm. de grosor da variña, cuns remates de 2,7 x 2,2 cm.

Os torques de ViveiroPolos paralelos máis achegados xeográfica e tipoloxicamente como os torques de Viladonga I e II (Castro de Rei, Lugo) ou Centroña (Pontedeume, A Coruña), a súa datación oscilaría entre os séculos III – I a. C. Pero hai máis exemplares semellantes como o de Ois (Betanzos, A Coruña), San Martiño do Porto (Cabanas, Pontedeume, A Coruña) , San Lourenzo de Pastor (O Pino, A Coruña), Orbellido (Vimianzo, A Coruña), Foxados ( A Coruña), a Croa de Bardaos I e II (A Coruña) os asturianos de Langreo e Cangas de Onís, outros conservados en Madrid como o do Instituto de Valencia de Don Juan e os do MAN, ou o nº 1 do Ashmolean Museum (Oxford, Inglaterra).

Hai outro torques en paradeiro descoñecido pero catalogado tamén no libro "El oro prerromano en la provincia de Lugo", co nº 30 coas mesmas características devanditas que, a pesar de poñer como procedente de Valadouro (Mondoñedo), seguindo o criterio de Bouza Brey (1965), hai dúbidas ao respecto de identificalo tamén co atopado en Portochao.

E, finalmente, aínda existe outro fragmento de torques, tamén conservado e exposto no Museo Provincial de Lugo, de procedencia indeterminada froito dun achado casual que aparece como atopado nun castro xunto a Viveiro quizá en 1869 según Peinado (1975) ou en 1883 según Cuevillas (1931 e 1951) e adquirido polo plateiro J.V. García. Figurou na Exposición de Santiago como procedente do castro de Masma (Mondoñedo). Non obstante, esta peza ten a variña de sección romboidal con decoración a base de círculos estampados formando liñas rectas e quebradas (zig-zags) e remate bitroncocónico. Trátase dun exemplar cun paralelo idéntico no Ashmolean Museum co mesmo remate, variña e decoración, pero completo, co que ben se pode aventurar a procedencia senón vivariense polo menos lucense, para este outro torques nº 2 do museo inglés.

(Aurelia Balseiro García é Museóloga e investigadora da ourivería prerromana).

Fotos: Torques de probable procedencia vivariense. MPL.
Bibliografía:
Balseiro García, A. (1994); El oro prerromano en la provincia de Lugo Deputación Provincial de Lugo.
Cántabros, Astures y Galaicos. Bimilenario de la conquista del Norte de Hispania (1981) Ministerio de Cultura
Maciñeira, F. (1930); “Interesantes noticias inéditas sobre antigüedades gallegas” BRAG XIX (226) p. 225-230.
López Cuevillas, F. (1931); “Os torques do Noroeste Hispánico”, ASEG IV p. 97-130
López Cuevillas, F. (1951); Las joyas castreñas Madrid.
Peinado Gómez, N. (1974); Torques celtas en el Museo Provincial de Lugo Junta del Museo Provincial de Lugo.
(este artigo foi publicado en La Voz de Galicia en xullo de 2012).
Balseiro García, Aurelia
Balseiro García, Aurelia


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES