Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Uned Senior: De Oporto a Óbidos

lunes, 03 de diciembre de 2012
Uned Senior: De Oporto a bidos Os días 26, 27 e 28 de novembro, os alumnos da Uned Senior de Xestoso, viaxamos a Portugal. Estivemos en Oporto, onde puidemos admirar, durante un pequeno paseo, o Axuntamento, importante edificio de principios do século XX, no cal destaca unha robusta torre de setenta metros de altura, cun reloxo de carillón.

Tamén estivemos na estación de ferrocarril de Sao Bento. Debe o seu nome a que foi construída no lugar dun convento. O deseño interior do edificio é de estilo neoclásico, decorada con máis de vinte mil azulexos, que relatan escenas da vida de Oporto. Foi inaugurada en 1.916.

Visitamos, asimesmo, a librería Lello, considerada a librería máis bela de Europa. Un edificio neogótico, construído en 1.906. Posúe, ademais dos andeis dos libros, unha fermosísima escaleira de madeira labrada, no centro do local. Máis que unha libreria, parece un escenario de conto.

Despois de Oporto, visitamos a cidade de Aveiro, chamada "A Venecia Portuguesa". As súas canles impríminlle características únicas, ademais dos azulexos e das fermosas casas da Arte Nova, que contrastan coa sencillez das casiñas da beiramar. Nos seus arredores, tamén vimos as antigas salinas.

En Figueira da Foz pernoctamos. Aquí, visitamos a Casa do Paço, edificio do século XVII e principios do XVIII, construído para veraneo e descanso do Bispo-Conde de Coímbra. Este edificio alberga un conxunto dunhas dez mil pezas de azulexos, todos diferentes, con tres temáticas: cabaleiría, escenas bíblicas e escenas rurais. Constitúen un dos máis importantes acervos de azulexería holandesa existente en Portugal. A Casa do Paço tamén acolle unha exposición temporal dalgúns "combois" e camiños de ferro de Portugal.

Desde Figueira da Foz, dirixímonos a Óbidos, recorrendo una zona cha, de terras fértiles, con moitas árbores froiteiras e arrozais, nas ribeiras do río Mondego. Óbidos é unha vila medieval, considerada unha das sete marabillas de Portugal. Desde lonxe, xa percibimos as torres do recinto do seu castelo e as súas murallas, onde se gardan vestixios góticos, pasando polo Renacemento e o Barroco. O seu acueduto, a Porta da Vila, as diferentes igrexas, etc.

Óbidos constrúese ao longo dos séculos, e, agora, consérvase marabillosamente, dominando, desde o alto, a chaira fértil que a rodea. Coas súas rúas empedradas, onde, nas diferentes "lojas", se ofrece aos visitantes produtos e obxectos típicos da zona.

Tamén visitamos o santuario de Fátima, onde cada un, libremente, fixo o seu percorrido e as súas reflexións. Despois, fomos a Batalha, onde visitamos o seu impresionante mosteiro, o cal foi mandado construír polo rei Don Joao I, en 1.386, como agradecemento á Virxe María, pola vitoria na batalla de Aljubarrota. É un marabilloso exemplo da arquitectura gótica tardía portuguesa, ou estilo Manuelino. Está considerado patrimonio mundial pola UNESCO.

Foi unha viaxe moi interesante. Ademais, para nós, os galegos, sempre é un pracer visitar Portugal, Xa dicía Castelao: "Por que os da outra banda do Miño son menos irmáns nosos ca os de Madrid?" E tiña razón.
Pérez Freire, Lourdes
Pérez Freire, Lourdes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES