Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Colmeiro: Pintar en galego

viernes, 30 de noviembre de 2012
Colmeiro: Pintar en galego COLMEIRO (1901 Silleda- 1999 Salvaterra do Miño)

“A Arte Galega non é facer cousas de asunto galego… o que compre é pintar en galego…”

Con esta cita de Castelao, coetáneo dos “Novos” e considerado mestre ou referente por algúns dos artistas desa xeración, comezamos este pequeno texto sobre Colmeiro, porque certamente, cómpre contextualizar a súa obra dentro dos movementos socioculturais do primeiro terzo do século XX.

Sobre Colmeiro e o seu entorno na época mencionada xa hai unha importante bibliografía que estuda esta esplendorosa parte da historia da arte galega contemporánea, na que se aprecia a brillantez dos resultados artísticos dun tempo de profundos cambios históricos e socioculturais.

Neste contexto de cambios agroma e crece a ansia pola afirmación nacional e maniféstase a asunción do feito diferencial da identidade galega, tal como indica Antón Castro.

Colmeiro nace en 1901 cando en Europa xorden as vangardas artísticas. Pero con doce anos emigra coa familia á Arxentina, país no que comeza moi novo os estudos de pintura e as primeiras exposicións. Con 25 anos volve a Galiza e dende ese momento a súa terra influirá profundamente na súa obra: cores, temas, ambientes, formas… As súas idas e voltas a Madrid, e Barcelona sobre todo, achégano a esas mencionadas vangardas que inflúen na consolidación nos anos 30 dese movemento renovador da arte galega na que están incluídos outros compañeiros seus como Maside, Laxeiro, Souto e Torres.

A característica principal que os une é a mestura entre tradición e modernidade, entendida esta como vangarda no seu momento. É unha época de efervescencia cultural en todos os campos creativos, pero sobre todo na literatura e na arte. Con esta xeración, nacida a principios do século XX aparece unha nova busca na arte galega

Teñen a terra como fonte de inspiración creativa, fuxindo dos tópicos finiseculares (rexionalismo). Con esas raíces impregnan a súa obra de galeguidade dende perspectivas contemporáneas: tradición e modernidade, outra vez. Tal como dicía Castelao nos anos 30 “o porvir da arte galega, non está en traer de fóra un estilo novo, senón en crear, nós mesmos, o noso estilo…” quen defende a función social da arte, idea que tamén asumirá Colmeiro posteriormente (1960).

A súa fonte de inspiración, o espazo rural, -ámbito no que el estivo sempre inmerso vitalmente e que polo tanto coñece de primeira man-, será a característica máis salientábel da creación colmeiriana. Galiza está presente sempre na súa vida, pensamento e obras, as súas paisaxes e tradicións, incluso os homes e mulleres que inmortaliza, personaxes ademais dun gran valor plástico arrancado desa tradición, conceptos que manterá até os últimos traballos da súa produción artística.

En 1936, ao estalar a guerra civil exíliase en Bos Aires, mentres na súa terra vai esmorecendo a renovación artística que se desenvolvera. No exilio, os artistas continúan fomentando esa linguaxe propia da arte galega, que segue, a pesar da distancia, unindo un realismo cribado polas vangardas coa propia identidade e a nostalxia da afastada terra.

En 1949 chega a París, onde se constata a preferencia polo debuxo e o xénero da paisaxe. Nesta época comezan os seus retornos a Galiza, sen que iso signifique desvincularse da “Escola Española de París”. Na década dos sesenta consolídase a súa obra e perfecciona as iconografías máis representativas coas cores que o caracterizan. A partir dese momento xa se desenvolven completas visións retrospectivas que o consolidan nun lugar destacado.

O Museo Provincial de Lugo ten nos seus fondos catro obras de Colmeiro: Maternidade, de 1934; A feira, de 1960; Paisaxe, de 1975 e Panadeiras de 1977/79. As tres últimas, dende a reordenación museográfica de arte galega finalizada no ano 2009, podemos velas na exposición permanente. Co gallo da exposición realizada este ano no Círculo das Artes, Elena Colmeiro, filla do artista, doou ao MPL a obra "Vista de Lugo con muralla" (1934) incrementando así a colección pictórica. A través delas aparecen representados os seus principais leiv motiv, porque tanto as maternidades, coma as escenas da vida rural (festas, romarías, oficios…) e a paisaxe visualízanse na súa produción de xeito reiterativo, aínda que con distintos enfoques e/ou tratamentos técnicos.

Coherencia, autenticidade, talento e identidade caracterizan a súa vida e obra dun xeito tranquilo (sosegado) ás veces místico e/ou nostálxico pero tamén reivindicativo e solidario.

Rematamos sinalando que é un feito salientábel que ademais de figurar nos anais da crítica e da historia da arte, este artista tamén emerxe destes contextos especializados e permanece presente na memoria colectiva popular que o recoñece e que o transmite ás futuras xeracións como un símbolo da cultura galega do século pasado, e que, en consecuencia, continuará presente nos vindeiros anos.


NOTA: Este artigo vén resultar dun extracto do catálogo de Colmeiro editado polo Círculo das Artes de Lugo no ano 2012.

(Aurelia Balseiro García é Museóloga e directora do Museo Provincial de Lugo)
Balseiro García, Aurelia
Balseiro García, Aurelia


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES