Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eliminación da violencia de xénero

miércoles, 28 de noviembre de 2012
25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO

A violencia de xénero é unha das violencias máis comúns e máis descoñecidas. É unha violación dos dereitos das mulleres. Dáse en todo o mundo en en todas as capas sociais.

A violencia de xénero ten múltiples manifestacións: o paternalismo, o sexismo, a desigualdade, o maltrato psicolóxico, o desprezo, a agresión física, a violación, a prostitución, a mutilación xenital, etc. , ata a morte, que é o estadio último desta lacra social.

O sexismo e o machismo ocupan un lugar moi alto na escala de valores da nosa sociedade, e é aquí onde está a orixe da violencia contra as mulleres.

Os mitos da cultura popular tamén reproducen a subordinación das mulleres: “A muller e a sartén na cociña están ben”. “Muller tiñas que ser...”. “Ti cala, que saberás; estas son cousas de homes”. “Ven aquí, meu neno, que un home non é unha ovella”. Dicir que a “prostitución é o oficio máis antigo do mundo”, xustificándoa, cando é a agresión máis grave contra a dignidade das mulleres. Ou, o máis grave, e dito por un político o pasado oito de outubro do 2012: “As leis son como as mulleres, están para violalas”. E moitos ditos máis e actitudes que están na mente de todos e todas.

A violencia de xénero está conectada coa desigualdade e as relacións de poder entre homes e mulleres. Os nenos e as nenas aprenden modelos sexistas que se transmiten en todos os ámbitos da vida social, de maneira máis ou menos sutil. Mamá fai uns traballos, papá outros. Os nenos reciben uns xoguetes determinados, as nenas outros diferentes, etc.

Por todo o anterior, é fundamental previr a Violencia de Xénero desde a EDUCACIÓN, tanto na familia como na escola e en todos os estamentos da sociedade. E as institucións públicas teñen unha gran responsabilidade neste campo.

A educación na familia é o piar da construción persoal dos nenos e nenas, e ten que ser unha educación que promova a igualdade de dereitos entre homes e mulleres, rompendo todo tipo de estereotipos machistas e sexistas. E, aínda que vivimos nunha sociedade que nos parece democrática e avanzada, neste campo, estamos a anos luz do que debería ser unha educación que asegure a igualdade entre nenos e nenas.

A escola ten que educar na IGUALDADE. A escola COEDUCATIVA crea un ambiente de convivencia no que tanto os nenos como as nenas teñen a oportunidade de interpretar, con libertade, a súa diferencia sexual, masculina ou feminina, e medrar para ser cidadáns e cidadás responsables para vivir nunha sociedade verdadeiramente democrática. Unha cidadanía que se relaciona desde a convivencia pacífica, e está comprometida contra calquera tipo de descriminación.

A coeducación é fundamental para o conxunto da sociedade que, a través da educación en novos valores, anula as situacións de descriminación, camiñando cara a igualdade de dereitos e oportunidades, tendo en conta a ambos sexos, aprendendo do que crearon as mulleres, que é fundamental para a vida e a convivencia humana, especialmente o amor, e propiciando que os nenos e as nenas aprendan a relacionarse desde o recoñecemento mutuo, de forma que poidan expresar formas singulares, orixinais, diversas, pacíficas e libres de ser muller ou de ser home.

Oficialmente, os centros de ensino en España xa levan varios anos albergando a nenos e nenas, aínda que non sempre coeducando. Pero, o máis grave é o que está acontecendo ultimamente, que varios centros de ensino privado e de determinada ideoloxía, están volvendo a separar aos alumnos e ás alumnas por sexos, e por enriba, subvencionados polas institucións públicas cos impostos de todos. É tremendo. Isto non é loitar contra a violencia de xénero; é promovela.

Os políticos e a sociedade en xeral teñen que asegurar a libertade das mulleres en calquera situación en que se atopen.
Que hai que facer?
Educar na igualdade.
Eliminar o machismo e o sexismo.
Deslexitimar a violencia, evitando condutas violentas, nos videoxogos, etc.
Evitar que se manteñan valores asociados ao xénero: mulleres débiles, homes fortes, etc.
Desmitificar a idea de amor romántico(“Quérote a pesar de todo”, non).
Loitar contra os anuncios de estereotipos de beleza e roles de xénero(concursos de mises, etc.).
Educar aos fillos e fillas en igualdade e valores de autonomía e libertade, para decidir sobre as súas propias vidas.
Regalarlles aos nenos e nenas xoguetes non sexistas.
Utilizar unha linguaxe non sexista: homes e mulleres, nenos e nenas, etc.
Non considerar os abusos e malos tratos diarios como unha situación normal.
Involucrar a toda a poboación, fomentando un cambio de actitude fronte ás mulleres na nosa sociedade.

Estas e outras moitas accións son necesarias para erradicar a lacra da violencia de xénero. E témonos que implicar todos, porque é algo moi grave; pero, sobre todo, as autoridades, non apoiando centros educativos que separen aos alumnos e alumnas por sexos, introducindo modificacións nos curriculums escolares, levando a cabo campañas de sensibilización para a educación na igualdade, etc., etc. Non só celebrando, cada vinte e cinco de novembro o día internacional contra a Violencia de Xénero ou acordándose de todas as mulleres mortas ou maltratadas.

Hai que poñerse en marcha e loitar todos xuntos contra este grave problema, e isto só se conseguirá con educación e máis EDUCACIÓN.
Pérez Freire, Lourdes
Pérez Freire, Lourdes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES