Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Blas Lourés

martes, 20 de noviembre de 2012
Blas Lours Blas Lourés (Lugo, 1926)

Este artista lucense leva adicado á pintura dende que con dezasete anos descubriu a súa vocación a través do debuxo. A partir de entón afanouse primeiro en convencer ao seu pai para estudar en Madrid (cunha axuda da Deputación Provincial de Lugo nos anos 1949 a 1951) e logo en facerse un oco no panorama artístico galego da segunda metade do século XX. A súa primeira exposición individual foi en Lugo no ano 1960 aínda que xa amosara a súa obra noutras mostras colectivas e participara en concursos e certames. Nun deles Julia Minguillón, membro do xurado, loubou o seu talento inicial que certamente xa despuntaba.

Herdeiro da gran tradición pictórica de Lugo, pouco coñecida e nada estudada, como ben dicía Manuel María, dende o principio compaxina a súa produción artística co ensino, transmitindo a moitos dos seus alumnos, esa paixón e creatividade que desenvolve a través dos pinceis e plasma nos cadros que foi expoñendo en múltiples exposicións ao longo da súa fecunda traxectoria.

As décadas dos sesenta e setenta foron tempos de moita actividade para Blas Lourés nun ambiente cultural con fame de novidades, ilusións e expectativas. É a época das tertulias, das relacións entre artistas e escritores e sobre todo dese experimento creativo colectivo que supuxo a asociación de Los Urogallos con artistas como Pacios, Tino Prados, Juan Puchades Quilis, Antonio Estrada, López Guntín e Manolo Cancio, que, sen perder a súa individualidade, traballaron xuntos en prol dun proxecto común de promoción e difusión da arte.

Recentemente a Delegación de Cultura da Deputación a través do Museo Provincial de Lugo, alentou unha mostra restrospectiva, que tiven o privilexio de comisariar, co obxectivo de amosar un percorrido por toda a produción artística de Blas Lourés dende os seus inicios ata a obra máis recente con especial incidencia na obra pictórica e na gráfica xunto con mostras de ilustracións en libros e outras publicacións, ademais de apuntamentos, bocetos, debuxos así como algúns detalles sobre a súa biografía e fotografías persoais. Todo elo como merecida homenaxe a un pintor tan benquerido e admirado, como se demostrou na afluencia de visitantes á exposición e á programación cultural paralela que tivo lugar entre os meses de marzo e xuño.

A obra de Blas Lourés caracterízase principalmente pola preponderancia da figuración, constante en toda a súa produción, a pesares de puntuais achegamentos experimentais á abstracción, cun realismo subxectivo influenciado polas vangardas históricas e/ou as transvangardas, o que lle confire un gran eclecticismo formal. A cor é outro dos elementos máis salientables da súa traxectoria e determina tamén etapas creativas en función do uso preponderante da gama dos vermellos e logo a partir dos anos 90 dos azuis. Tamén o debuxo é moi importante, el diría que esencial, e así se observa nas marcadas e acentuadas liñas que se aprecian nos seus traballos. Con todas estas características conforma unha linguaxe expresiva orixinal e única.

Blas LourésA iconografía da súa obra ten dous resortes fundamentais por un lado a muller como icona principal e por outra banda a súa terra, Galicia, coas súas xentes, paisaxes ou escenas populares que o motivan e están presentes en todos os xéneros que trata. Estos temas son abordados dende unha perspectiva moi persoal e subxectiva. Son significativas as concomitancias estilísticas cos renovadores (“Os novos”) e posteriormente co neoexpresionismo e os novos realismos; sempre mesturando tradición e vangarda.

A coherencia e dedicación á súa traxectoria artística fai que sexa menester tributarlle unha especial mención nos anais da historia da arte galega contemporánea a un artista do que Uxío Novoneyra dicía que tiña un fondo ritmo ou fonda marca no xeito de representar aos labregos, un artista que traballou toda a súa vida na nosa cidade sendo fiel á súa vocación e ao seu amor á pintura.


O pintor:

Xesús Blas Lourés nace en Lugo o 28 de novembro de 1926. Realizou estudos de Arte en Madrid recibindo unha bolsa da Deputación Provincial de Lugo nos anos 1949, 1950 e 1951. Ao voltar á súa cidade  impartiu durante varios anos clases de debuxo no Seminario Diocesano de Lugo e tamén no Colexio Público Sagrado Corazón de Lugo. Dende 1969 é profesor de pintura e debuxo no Círculo das Artes de Lugo.

Realizou numerosas exposicións colectivas e individuais ao longo de cincuenta e oito anos  nos que acada recoñecementos, premios  e distincións, entre eles o nomeamento de fillo predileto da Cidade de Lugo no ano 2008.

As obras de Blas no MPL:
“Autorretrato”. 1996. Técnica mixta  sobre lenzo. 100 x 81 cm. Museo Provincial de Lugo
“Autorretrato. 1978. Óleo sobre lenzo. 46 x 38 cm. MPL
“Familia ao cadrado”. 1964. Gouache e tinta chinesa sobre papel.
   35 x 27 cm. MPL
”A bicicleta”. 1964. Gouache e tinta chinesa sobre papel. 42 x 33’5 cm. MPL.
Balseiro García, Aurelia
Balseiro García, Aurelia


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES