Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Obra polifónica do P. Manuel Feijoo

lunes, 19 de noviembre de 2012
Coido que non acae arestora debullar polo miúdo toda a vida do músico compositor que abrangue o libro que se está a presentar. Vaian un par de cousas que non se apuntan no perfil biográfico escrito ao comezo de “O P. Manuel Feijoo. Obra polifónica”.

No pobo de Outomuro, na Terra de Celanova, a vintecinco kilómetros de aquí, a carón do “Polideportivo Piño Vilachá”, das Piscinas Munipais e nun recanto do antigo campo da feira, o concello de Cartelle arranxou un lugar de lecer para os nenos. No monolito de entrada, os veciños e mailos visitantes poden ler : “Parque infantil P.Manuel Feijoo Sousa”( 1926-1992) medalla e fillo predilecto do concello, que paseu polo mundo o nome da nosa terra “.

En Santiago de Compostela, á beira do Complexo Deportivo de Santa Isabel, nun espacio ben amplo do sur do campus norte da Universidade, o concello desta cidade adicou un fermoso lugar de convivencia cidadá e veciñal ao compositor cuxa obra maior vive no libro que hoxe ve a luz aquí en Ourense. Unha placa de bronce na fonte que está no medio de este espacio di: “Xardíns P. Manuel Feijoo Sousa (1926-1992 ), franciscano e musicólogo, medalla de prata ao merito cultural e fillo adoptivo da cidade.

Acá en Outomuro nacera o P. Feijoo. E morreu alá en Compostela, sendo a súa vida un continuo tecido de senlleiras hipotenusas de arte e bonhomía, cas que xunguíu tódolos lados do mapa xeográfico, humano, relixioso e musical de Galicia, mesmo no interior coma no exterior, como imos ver. O P. Feijoo non só fixo música: con ela, facía sobre todo Harmonía: alto, delgado, fachendoso, flequiño bohemio, espíritu intenso e o soriso coma diapasón, cando saía polas rúas compostelanas, cousa que fixo durante 26 anos e decote, semellaba unha batuta que armonizase ao seu movimento tódalas xentes que encontraba e que disfrutaban incansablemente das súas apertas e conversas, sempre franciscanas, sinxelas e ledas.

Foi deste xeito como trabou amizades moitas con persoas pequenas ou grandes, das que quero destacar a Nemesio García Carril, o autor da música da banda sonora do filme “Os gozos e as sombras” de Torrente Ballester, de quen a Feijoo se lle pegou o maravilloso don de compoñer música para imaxe, como queda perfectamente reflectido na súa Misa para As Romerías para coro e grupo de gaitas, tamén para coro e banda de música, que fai parte do libro que hoxe se publica.

Daquela o P. Manuel Feijoo non acadaría a Harmonía Universal , pero si fixo o que puido, só, e nada menos, coa súa persoa, coa nosa lingua e co seu gran amor de toda a vida, o “Orfeón Terra A Nosa”, que fundara no ano 1966 e que celebrara a súa posta de largo na noite de Nadal dese mesmo ano en TVE, con parte das 45 panxoliñas polifónicas da súa autoría, das que 5 se publican no libro que hoxe aparece.

E así, Lisboa, Coimbra, Oporto; Alemania ( 1973), Austria (1979) con actuacións en Essen, Colonia, Bonn, Munich, Salsburgo; Paris, Versalles, Lusemburgo, Amsterdam, Brujas e Bruxelas; Londres ( 1975), Roma ( 1977 e 1983 ), Arxentina, Urugay, Chile e Venezuela ( 1991) son só algúns dos trazos do seu tiraliñas musical.

E xa ven vostedes: o P. Manuel Feijoo fixo o que puido pola súa vocación musical e franciscana e pondo en valor a propia identidade de galego “bo e xeneroso”. Xa que logo, ven ben recordar que coa ocasión do Festival Intercéltico de Lorient en 1982 a prensa da Bretaña Francesa chamou ao noso compositor e mestre “O Franciscano de Galicia” eloxiándoo como “a vedette” do encontro daquel ano, e logo no seguinte Festival de Música Celta de Ortigueira o alcumaba “ O franciscano galego de Ourense”.
A produción musical do P. Manuel Feijoo é abundante e de temática moi diversa: música sacra, música profana, música para piano e solista, e música coral. Música para canto. Toda ela está inventariada e rexistrada, e consérvase no Arquivo Provincial do Convento Franciscano de Santiago e forma un corpus de máis de dúas centas obras, das que 58 títulos abranguen unha considerable discografía, polo de agora esgotada no mercado. Tócalle ao amigo Carlos Núñez explicarlles a vostedes os criterios seguidos para a selección do contido da obra que hoxe ve a luz aquí en Ourense, onde tamén, na casa de seu sobriño Manuel Mourille, aquí presente, se gardan as condecoracións que recibiu en vida pola súa labor de compositor e director: 1º Premio de Polifonía 1974 (Torrevieja), 1º Premio Nacional de Polifonía 1980 ( Torrevieja ), 2º Premio de Habaneras 1970 ( Torrevieja ), 1º Premio de Masas Corais Galegas 1976 (Lugo ); Medalla Fillo Adoptivo de Compostela 1985 e Medalla de Prata da Xunta de Galicia 1992, entre outras.

Para rematar quero, eso sí e casi a modo de anédota, contarlles cómo, ás veces, compuña Feijoo: home avisado pero sobre todo artista, procuraba estar sempre preparado para cando a inspiración o visitase, que evidentemente adoitaba visitalo con frecuencia. Andaba el sempre provisto dun lapis ou boli e con anacos de papel no peto, e se algún tema o rondaba no comedor, el non tiña reparo en pautar de contado unha servilleta e anotar nela o apunte musical que lle estaba a facer acenos . Se o visitaba pola rúa, o que acontecía a miúdo, entón sacaba o papeliño e o lapis e facía outro tanto. Cóntase que máis dunha vez o atopaba desta guisa seu amigo Amador Santos Bartalomé , director da Banda Municipal de Santiago naquel entonces, e este dicíalle ao frade ”¡Feixoo, canta, que eu dirixo!”

Remato. O P. Feijoo viviu cantando e compoñendo música. Morreu do mesmo xeito. Unha boa maneira de pasar pola vida “ dejando estelas sobre la mar”…

Poucos meses antes de morrer – estaba moi doente -, no Nadal de 1991, fíxoselle unha última homenaxe na Igrexa - Hotel Convento de San Francisco de Santiago. Na misa o Orfeón Terra A Nosa interpretou o mundialmente coñecido “Noite de Paz”. De contado o Padre Feijoo colleu a palabra e dixo: nunca escoitei tan ben interpretado este vilancico./ Pidíu un aplauso para o coro./ Déuselle o aplauso ao coro… Logo engadiu: “ só quero que este coro siga cantando sempre así de ben…eu pola miña parte estou interpretando o mellor que podo o vilancico deste cáncer que sabedes que teño”… E outro aplauso, moito máis forte co anterior.

Pasado algún tempo, xa finado, ao iren ao seu cuarto a recoller as cousas que el deixara , atopáronse na mesiña de noite tres folios cadriculados e unha receta de médico, pautados a man coa notación temblorosa do que sen dúbida foi o último compás da súa vida. El chamoulles “Plegaria Anguriada”.

Porque eso é a música, e eso foi o P. Manuel Feijoo: un berro sublime, ¡ o máis sublime ¡, na percura dese Santo Grial que é a harmonía de todos e de Todo.

Grazas de corazón a tódolos que, en maior ou menor medida, fixestes posible a publicación deste libro. Grazas.

(Intervención de Enrique Mourille Feijoo, sobriño do compositor e promotor do libro no acto de presentación en Ourense).
Mourille Feijoo, Enrique
Mourille Feijoo, Enrique


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania