Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De Ourense a San Martiño

lunes, 12 de noviembre de 2012
Do Evanxeo de Xoan, II 13-16:
“Achegábase a Pascua dos xudeos, e Xesús subiu a Xerusalen atopando o Templo copado por vendedores e cambistas.
Fixo un azote de cordas, derramou as moedas, derribou as mesas e botounos a todos, exclamando: ¡Non fagades do templo de Deus unha casa de mercaderes¡”

Señor San Martiño, egrexio veciño e patrón desta fermosa, nobre, solidaria e vella Auria:

Neste 11 de novembro do Ano do Señor de Dous Mil e Doce, cumpro por vez primeira o mandato institucional de presentar a ofrenda de Ourense ao seu Patrón.

E subo a este altar coa mensaxe indignada dos homes e as mulleres de ben, contra os mercaderes que en tempo de Xesús profanaban o Templo, e que neste tempo atribulado que vivimos atropelan a ética, arrasan a dignidade e destrúen a vida e o futuro das persoas.

Subo a este Templo coa mensaxe de xusta indignación ante os desmanes dese novo becerro de ouro chamado mercados, capaz de arroxar ás familias da súa morada para seguir aumentando o número intolerable de vivendas vacías; capaz de perseguir os que nada teñen, para seguir engordando o peto dos poderosos; ese moderno becerro de ouro que abona a pranta da inxusticia, da insolidariedade, da opresión e da pobreza, e protexe a facenda dos poderosos aun a costa de liquidar o benestar colectivo.

Dende a responsabilidade política e institucional que asumimos, proclamamos a nosa vontade insobornable de manter os principios de xusticia, equilibrio e solidaridade na gobernanza, e loitar polos humildes, polos que menos teñen, polos excluídos, polos que co menoscabo dos servicios públicos perden un nivel de benestar lexitimamente conquistado, polos que co deterioro da educación perden oportunidades, por aqueles que coa perda do emprego ou a vivenda empezan a perder tamén a esperanza.

En nome dos homes e das mulleres da nobre, leal e solidaria cidade de Ourense, que humildemente representa este Alcalde, pídoche, señor San Martiño, que nos axudes a acertar a construír unha nova cidade e unha sociedade nova, nas que os dereitos das persoas sexan o fin primeiro e o seu benestar deixe de ser unha cuestión de cálculo contable.

Señor San Martiño:

Neste día de antigas tradicións en Ourense, no que acendemos fogueiras para cociñar o produto humilde da terra e dar quentura ao sol declinante que albisca o inverno, subo ao teu altar cun pedido:

Pídoche que o lume purificador consuma para sempre a voz dos maldicentes e dos demagogos.

Eles son os modernos escribas que sepultan a verdade baixo a lousa da demagoxía, corrompen a convivencia entre o griterío e o escándalo farisaico, e arruínan a fama e a honorabilidade de persoas de ben en nome dunha xusticia xusticeira.

Finalmente, señor San Martiño, achégome a este Templo tamén cunha mensaxe de esperanza.

É certo que sufrimos unha das máis graves crises sociais e económicas da historia moderna. Unha crise de avaricia, que está empezando a socavar os principios da igualdad de oportunidades, da solidaridade e da convivencia democrática.

Pero non é menos certo que toda crise é unha oportunidade para a catarsis, que toda catarsis é unha ocasión de cambio, e que todo cambio é unha porta aberta á esperanza de que a intelixencia e a capacidade de superación humana alcancen a mellorar as cousas.

Para esta empresa, señor Patrón de Ourense, pedimos teu alento:

· Para seguir traballando máis polos que menos teñen, e acadar para todos algo máis que migallas da mesa dese novo rico Epulón que chamamos mercados.

· Para atopar xusticia que alivie o sufrimento desa inxente marea moderna de pobres Lázaros sen emprego, sen vivenda e sen esperanza.

· Para que os líderes sociais, os servidores públicos e os homes de Deus non claudiquemos ante os mercaderes, e saibamos ser, sempre e sen titubeos, a voz da xente.

Pídoche, señor San Martiño, fortaleza e intelixencia para que as nosas decisións como representantes públicos sexan útiles para a maioría, e contribúan a superar a crise de ambición e avaricia desta sociedade enferma.

E rógoche, señor Patrón de Ourense, que entretanto dure este tempo de incerteza e tribulación, alá donde alcance a túa influencia e intercesión pidas para nós, con palabras de poeta: que vaian poñendo luces polo camiño
a medida
que o corazón se acobarda,
e que os Anxos da Garda
nos den sinais de vida.

Agustín Fernández Gallego
Alcalde de Ourense


(Ofrenda do Alcalde de Ourense a San Martiño)
Fernández Gallego, Agustín
Fernández Gallego, Agustín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES