Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As fronteiras do medo

jueves, 08 de noviembre de 2012
Pasou o verán, chegou o outono e con el o momento idóneo, reservado, nas vésperas do Samaín, dos días de Santos e Defuntos, para ler a última obra do amigo Agustín Fernández Paz, As fronteiras do medo, onde os personaxes traspasan os lindes da vida para establecer contacto co máis alá. ‘As portas do Alén’, como titula o autor de Vilaba o primeiro relato do libro, parecen estar abertas na noite do 31 de outubro. Máis vale non cruzarse coa Estadea nun deses doce lugares, o risco é seguro.

A última obra de Agustín, publicada en marzo de 2012, coincidindo cos 75 anos do pasamento dun dos grandes creadores da literatura de terror, Howard Phillips Lovecraft, recolle seis historias que nos sorprenden, creando efectos de misterio e tensión a medida que avanzamos nas páxinas do libro. Nel danse cita vampiros e criaturas con sede de sangue, que descuartizan corpos e agardan a volta da lúa chea, da véspera de Defuntos, para volver ‘desfrutar’ dese pracer, de unión coa outra vida. Coidémonos de todos eses seres sobrenaturais que se agochan na Galicia máis profunda!

Lembremos a cita de Lovecraft coa que Fernández Paz abre o texto: ‘Entrei, enfeitizado, e dun montón cuberto de arañeiras collín o volume máis próximo e folleeino ao azar, tremendo ao ler estrañas verbas que parecían gardar algún segredo,monstruoso para quen o descubrise’ (Fungos de Yuggoth). Este é o preludio de parágrafos cheos de suspense, de medo, de terror, que se escapan de toda lóxica, do razonable, para abrir unha porta ao sobrenatural.

No primeiro relato asistimos con sorpresa a un final no que o Gardián da Porta do Alén, na noite do 31 de outubro, unha data máxica na que se di que comezaba a estación das Sombras e o ano novo para os antigos poboadores de Galicia, asasina, degolándoo, a Walter MacGregor, o hóspede que se aloxaba na súa pousada, para evitar que se convirta nun ser inmortal.
‘A voz do sangue’ cóntanos a historia dunha peculiar herdanza, a do sobriño- neto de Vladimiro Montenegro. Na casona de Beiramar, entre os cadros de Magritte, o rapaz descubre a súa verdadeira natureza accedendo a un cuarto cuxa entrada tiña prohibida de neno. A través desa porta accede ás palabras do seu tío falecido, sabendo entón que vivirá ata os 99 anos. Baixa á cripta para documentarse na peculiar biblioteca (onde hai volumes sobre vampiros e asuntos sobrenaturais) e na noite do 31 de outubro sae a poñer en práctica a chamada do sangue que corre polas veas da súa estirpe. Comete un acto que vén a engrosar a lista das mozas asasinadas dende 1975 na bisbarra, todas elas aparecidas coas marcas dos incisivos en distintas partes do seu corpo.

O terceiro relato, ‘Os fillos de Hamlet’, teñen como protagonista a unha muller que fai autoestop, recollida por unha pequena agrupación teatral. Lévana á casa e ofrécelles pasar alí a noite. No transcurso da cea abandona o corpo de muller e acaba cos tres actores, disposta a volver ao seu cubil, tras a cacería que acaba de ter lugar na noite máxica de Walpurxis. ‘O pozo’, escenario da morte dunha nena, que desaparecera sen deixar rastro tempo atrás, convértese nun lugar de extremado perigo cando, moitos anos despois, ao facer unas obras para un parque a corrente de auga que o abastecía vai para nutrir unha lagoa artificial onde os nenos se poden bañar.
O monstro que habita nesas augas de Pontedeume pode volver ter fame.

O seguinte relato, ‘O enigma do menhir’, fálanos das korrigans irlandesas, lamignak vascas e lamias galegas, gardiás das fontes situadas a carón de dolmens e menhires. Como asegura o autor de As fronteiras do medo, hoxe atribuímos moitos destes asuntos a lendas ‘destinadas a aliviar a nosa fame de fantasía. E así cremos vivir unha existencia ordenada e segura, esquecendo que o chan que pisamos é coma unha fráxil capa de xeo que pode fender en calquera momento e arrastrarnos ás profundidades’ (p. 143). Nesta historia dous amigos vense arrastrados ao fondo dunha poza, suxeitados por múltiples mans. Fóra da auga eses seres tiñan a aparencia de mulleres moi belas, con pés de cabra. Formaban unha circunferencia arredor do menhir e danzaban cantando nunha lingua estraña unha especia de ‘mantra’. Arrastran a Carlos, o amigo da rapaza que conta a historia, e sacrifícano. Eses seres transfórmanse en ‘grosas e repugnantes cobras de pel verde. Uns réptiles noxentos e viscosos’. Volvendo ao lugar, contando as pedras do crómlech chantadas arredor do menhir, viu que había unha máis. Carlos, o seu pequeno gran amor, ficaba alí, condenado a ser unha pedra toda a eternidade.

O libro de Agustín péchase co texto ‘A mirada de K’. Internado nun sanatorio mental dende un 31 de outubro, o protagonista da historia é consciente de que non pode escapar do poder que ten a ollada dunha caveira que lle regalara un amigo para decorar o seu lugar de traballo. Esas concas vixíano e fano actuar de xeito agresivo. Dominan a súa forza interior, mudando a vontade daquel psicólogo que abandona a súa actividade profesional para dedicarse ás artes da cartomancia. O obxecto, chegado de Salvador de Baía, cambia radicalmente a súa vida. Intenta desfacerse da caveira de varios xeitos, mais sempre volve ao seu carón, condenado a compartir con ela os días futuros, someténdose á vontade dunha ollada fría e chea de inquietude.

Que sorpresa a miña, no día de hoxe, cando estaba a rematar este texto e descubro que o libro co que iniciei a miña amizade con Agustín Fernández Paz, Cartas de inverno, da colección ‘Fóra de Xogo’, aparece nunha versión en banda deseñada, despois de ser a obra de ficción máis vendida de Xerais dende 1995, con 29 edicións e máis de 84.400 exemplares vendidos.

Segue así, amigo Agustín, ofrecéndonos máis páxinas e traspasando todas as fronteiras! Unha aperta de papel, nesta páxina chea de estrelas para iluminar a escuridade de novembro, coa néboa e a brétema características de Galicia.
Fernández, Ruth
Fernández, Ruth


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES